“VOLTA AO PASADO” valoración de César Ramos sobre o pasado pleno ordinario

foto_carnetCésar Ramos, autor do artigo

Como por motivos de saúde non puiden asistir ao pasado pleno ordinario despois de que non tiveron a ben a nosa solicitude para modificar a data de celebración, propúxenme escribir este artigo para dar unha valoración persoal do mesmo, xa que gravamos a sesión e puidemos coñecer de primeira man todo o acontecido no propio pleno.

Pero antes, gustaríame explicar o motivo da miña ausencia. Ás 10:36 h. da mañá dese mesmo día presentamos unha instancia no Concello da Baña solicitando que o pleno se pospuxera para outra data, xa que debido a un problema de saúde non ía poder asistir e pensabamos que, ao tratar asuntos de importancia, ben podía adiarse para outra data para que asistiran os tres grupos políticos con representación. Outras moitas veces non puxemos pegas para modificar as datas de celebración debido a que concelleiros ou concelleiras non puideran asistir. Neste caso o alcalde fixo caso omiso da nosa petición e o pleno celebrouse sen a presenza de Compromiso por Galicia. Así pois, retiramos a moción que eu mesmo ía defender e esta será defendida no vindeiro pleno. Ademais quero informar a todos os veciños e veciñas de que as preguntas e rogos que nos fixeron chegar e que ía formulalas neste pleno (un total de 28 preguntas) serán presentadas por escrito no Concello para que de igual forma sexan contestadas polo grupo de goberno (PP) .

instancia_concelloInstancia entregada no Concello solicitando a suspensión do pleno

Teño que dicir que me dá moita rabia non poder estar presente ese día no salón de plenos xa que se ía tratar un tema importante como a cesión da Reitoral de Monte (proxecto polo que dende CxG pedimos explicacións ata en 7 plenos e que escribimos varios artigos facendo referencia ao mesmo). Tamén tiña interese en defender a nosa moción para regular a pegada de carteis na Baña, defender a proposta para a elección de festivos locais que nos fixo chegar a veciñanza a través da enquisa on-line e  en facer unha valoración da moción presentada polo PSOE sobre o Entroido, xa que é un tema que persoalmente me toca de cheo porque dende pequeno participei en moitas comparsas e carrozas de Entroido, como podemos ver no seguinte vídeo, e quería saber como se xestionarían os acordos que solicitaba o PSOE.

Entrevista a César Ramos e outros membros da Asociación Lumieira con motivo da carroza de entroido que construíron

 

SOBRE A CESIÓN DA REITORAL DE MONTE Á ASOCIACIÓN ANXIÑOS

Calquera que vexa o debate no pleno pode apreciar que parece “unha volta ao pasado”,aseméllase a unha situación dos plenos das anteriores lexislaturas onde as interrupcións, malas formas e reproches mutuos eran unha constante habitual. Un “regreso ao pasado” onde PP e PSOE, xa en campaña electoral, tentan vender a súa boa xestión noutras administracións e noutros lugares. Máis que unha discusión por un tema importante para os nosos veciños e veciñas pareceu unha “pelexa de galos”. Malas contestacións, saídas de ton, acusacións persoais… o de sempre. Eu fixen, ti fixeches, hai anos vós quixéchedes, agora nós dicimos… Un “un polo outro e a casa sen varrer”.

Como podemos ver no seguinte vídeo, o alcalde bota balóns fóra sobre este proxecto, parece que o tema de non levar a Casa Comunitaria para os nosos maiores foi causa do chou, do azar, un proxecto no que se investiron máis de 500.000 euros en subvencións públicas e que de súpeto e por sorpresa, segundo el, agora é inviable, e o peor aínda é que dende o PP non se asumen responsabilidades políticas. A palabra demisión non figura no dicionario do Partido Popular e moito menos no do señor García Cardeso.

O señor Pereira, portavoz do PSOE, por outra banda, cada vez que fala mostra un descoñecemento absoluto da realidade do noso Concello, critica os cursos de formación organizados polo Concello da Baña en materia de atención social (algo sorprendente e incomprensible), repite ata a saciedade “vivenda sociocomunitaria” (cando a terminoloxía correcta que figura no proxecto é “vivenda comunitaria” ), nada parece saber do proxecto de hai anos de BUROGA e di textualmente as seguintes palabras para confirmar o pouco tempo que pasan tanto el como o señor Cardeso na Baña: “durmo máis veces na Baña que vostede”. É un tema importante debater nun pleno quen durme máis veces na Baña?

“Dúas rapazas estaban traballando aí sen ter nin o básico… polo dedo”

(Margarita Suárez, concelleira do PSOE).

Mentres, no medio do debate, unha concelleira do PSOE pide a palabra para reclamar que dende o Concello hai anos non se lle dera a ela un posto de traballo por non ter validez un título e contratar a unhas veciñas, segundo ela e textualmente, “polo dedo”. Un asunto de carácter persoal que dou lugar a unha nova discusión entre PP e PSOE, que se cadra, pouco ou nada ten que ver co tema a tratar. Este asunto, de ser certo, non sería mellor denuncialo noutro momento e noutro organismo? É o pleno municipal un lugar para resolver asuntos persoais?

 

“Se montáramos unha residencia canina, sen ánimo de ofender a nadie, tamén sería unha novedad”

(José Antonio Pereira, portavoz do PSOE)

Por outro lado, no contexto que se está a falar, son moi pouco axeitadas e de moi mal gusto as palabras do señor Pereira respecto ao proxecto da Reitoral de Monte: “se montáramos unha residencia canina, sen ánimo de ofender a nadie, tamén sería unha novedad”. Palabras que, segundo me comentaron, tampouco sentaron nada ben aos asistentes ao pleno. Lembramos que á sesión, asistiron familiares de nenos/as con discapacidade mental e membros da asociación Anxiños. Estas palabras foron criticadas tamén no propio pleno por outro concelleiro da Corporación. “Se estiveras calado eras un poeta” , dicíalle o concelleiro do PP, Manuel Tourís. Podemos velo no seguinte video:

Aínda que polas circunstancias que explicamos non puidemos facer unha valoración deste proxecto no propio pleno, a postura de CxG é xa coñecida e é a mesma de sempre: queremos priorizar que un investimento tan importante debe ter a mesma finalidade para a que foi proxectada e cumprir, deste xeito,  o obxectivo que continuamente se lle prometeu aos veciños e veciñas. O Concello da Baña está moi avellentado e hai que buscar realizar actuacións sempre en beneficio dos veciños e veciñas da Baña, algo que este grupo de goberno parece que ten esquecido.

Dixemos dende un comezo que Compromiso apoiaría o proxecto da Asociación Anxiños, sempre e cando se explique a razón de mentir reiteradamente á veciñanza, o porqué de seguir adiante o proxecto da creación dunha vivenda comunitaria aínda sabendo que era inviable e que dende o grupo de goberno se adoptaran responsabilidades políticas.

Nesta ligazón podedes consultar todo o traballo desenvolvido por Compromiso por Galicia referente ao PROXECTO DA REITORAL DE MONTE, datos, artigos, imaxes, preguntas nos plenos, etc.

 

 SOBRE A MOCIÓN DO PSOE PARA INSTAR Ó CONCELLO DA BAÑA A CREAR UNHA LIÑA DE AXUDAS CO FIN DE PROMOCIONAR A PARTICIPACIÓN DA VECIÑANZA NAS FESTAS DO ENTROIDO

Esta moción finalmente foi aprobada co voto a favor dos 4 concelleiros/as do PSOE, a abstención dos edís do PP excepto o concelleiro Manuel Tourís, que votou en contra.

Evidentemente dende CxG sí estamos a favor de promocionar o festival de entroido do noso Concello e de subvencionar aos colectivos da Baña, de feito non agora, senón en xaneiro de 2016, xa propuxemos ao Concello que volveran poñer premios para carrozas (naquel ano só había premios para comparsas) e que sacaran unha bolsa de axudas para todas as asociacións que participaran no entroido que cumpriran unha serie de requisitos. En Compromiso por Galicia non falamos por falar e sempre aportamos probas. Velaí está o momento exacto do pleno.

Momento do pleno de 27 de xaneiro de 2016 onde César Ramos solicita unha bolsa de axudas para as asociacións que contrúan carrozas de entroido.

A redacción da propia moción que entregou o PSOE ao meu parecer é confusa e un tanto ambigua, incluso os acordos adoptados dan lugar a diferentes interpretacións. Visionando as imaxes do propio pleno tampouco me queda moi claro o que se aprobou e o que non, xa que primeiro din que sacan un punto pero despois vótase do mesmo xeito que foi redactada. Todo moi confuso.

Con respecto aos acordos adoptados, queremos coñecer cal será o local ou locais que se cederán aos colectivos interesados na creación das súas carrozas de entroido, qué cantidade de cartos se destinará a estas axudas e cal será a contía dos premios do festival do vindeiro ano. Aspectos que xa foron aprobados por moción pero que non foron aclarados nin polo grupo de goberno nin polo PSOE.

Seguramente para o PSOE, fose máis importante o feito de que fora aprobada e utilizalo como reclamo electoral, que en realidade mellorar unha actividade organizada polo Concello e de apoiar a todos os colectivos interesados na creación de carrozas de entroido. Pero iso xa o descoñezo, pediremos explicacións cando proceda.

Finalmente quero rematar este escrito do meu puño e letra, resaltando o importante traballo que realiza diariamente Compromiso por Galicia, a diferenza que existe cando somos tres grupos os que debatemos nos plenos e non os dous grupos de sempre (PP e PSOE) máis preocupados por realzar o traballo que fan as súas siglas noutras institucións que de preocuparse realmente por mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas (non se fixo alusión en ningún momento, por exemplo, ao importante problema que temos coa xestión de residuos, á selección “pouco transparente” da nova traballadora social ou á nova vista oral á que foi convocado o Concello) , a importancia que ten a gravación dos plenos (que nin PP nin PSOE teñen nin tiveron vontade de facelo para achegar á veciñanza o traballo dos seus concelleiros e concelleiras) e que con este pleno, que pronto colgaremos na rede, confírmase a importancia de COMPROMISO POR GALICIA nesta Corporación e que somos o único partido que mostra un pouco de “sentidiño” neste goberno municipal.

E para mostra o seguinte video… que ben o pasan os concelleiros de PP e PSOE non plenos!

img001

Un saúdo a todos e todas.

César Ramos, secretario local e concelleiro de CxG A Baña.