Vertedoiro ilegal na parroquia de San Vicente

Membros da nosa agrupación observaron que o camiño da parroquia de San Vicente que vai do Campo da feira cara aos muiños se atopa nunhas condicións lamentables. A cantidade de lixo que se encontra tirado durante un bo treito do camiño fai que sexa imposible baixar ata o río da Baña sen poñerse en perigo de sufrir unha caída ou un corte. Entre os restos espallados atópanse recipientes de plástico que contiñan deterxentes e xabóns, cordeis, bolsas e botellas de plástico, potas de cociña, tubos de PVC, bidóns oxidados, botellas de vidro, e ata unha batería dun vehículo.

Camiño muiño 1camiño muiño 2camiño muiño 3

A situación que queremos denunciar por desgraza non é anómala no noso concello. É moi frecuente atopar restos de lixo de orixe doméstico nas beiras dos camiños, no monte ou preto das vivendas nos núcleos rurais. O impacto inmediato destes vertidos incontrolados sobre a paisaxe e a calidade visual do entorno é moi alto. Ademais de afectar a integridade da vexetación da contorna e a calidade da auga de ríos e acuíferos.

Polo tanto, solicitamoslle ao grupo de goberno do Concello da Baña:

1. A que se cumpra o artigo 48 da Lei 10/2008, de 3 de novembro, de Residuos de Galicia no citado camiño. Isto é, que procedan a unha limpeza e rexeneración do camiño o antes posible.
2. Que elabore unha lista de vertedoiros incontrolados no concello e que propoña a eliminación destes da forma máis axeitada e rápida posible conforme a lei de residuos de Galicia.
3. Que insista e siga promovendo o uso do punto limpo do concello para depositar aqueles refugallos que non poden ir ao colector de lixo. Así mesmo, que se avise tamén aos veciños e veciñas que segundo a lei de residuos de Galicia, non cumprir esta lei pode estar penado con multas económicas que abranguen desde os 600 euros dunha sanción leve (non inclúen materiais perigosos) ata a sanción grave, que pode chegar aos 31.000 euros.