Unha nova moción aprobada de CxG, crónica do pleno ordinario de 30 de xaneiro de 2019

Comeza a sesión puntual, ás 14:00 horas coa asistencia de todos os membros da Corporación agás o concelleiro Manuel Tourís Fernández (PP). Mediada a sesión abandonan a sala a concelleira Margarita Suárez (PSOE) e Alicia Blanco (PP), a primeira aludindo motivo laborais e a segunda por asistir ao consello escolar do CPI de S. Vicente.

cesarCésar Ramos, concelleiro de CxG

 

A  orde do día foi a seguinte:

Convocatoria Pleno ordinario xaneiro 20191-APROBACIÓN DAS ACTAS ANTERIORES:

O primeiro punto non se pode tratar ao non dispoñer os concelleiros e concelleiras das actas dos plenos. o secretario desculpouse por non poder entregar as actas dos plenos a tempo e non ser posible aprobalas debido a que a pasada semana estivera gozando das súas vacacións.

 

2- DAR CONTA DAS RESOLUCIÓNS DA ALCALDÍA

O alcalde comenta que as resolucións e antecedentes do pleno estiveron a disposición da Corporación na secretaría da Casa do Concello.

 

3- PROPOSTA DE ADHESIÓN AO PACTO DOS ALCALDES PARA O CLIMA E A ENERXÍA

O alcalde explica que este é un proxecto da Unión Europea para que todos os municipios elaboren un Plan de Acción, en colaboración coa Consellería, para loitar contra o cambio climático en materia de clima e enerxía. Máis información sobre este proxecto na seguinte ligazón: https://www.dropbox.com/s/9jvllsthvxsr7cj/pacto%20dos%20alcaldes.pdf?dl=0

O noso concelleiro César Ramos, di estar de acordo en loitar contra o cambio climático e de que o Concello comece a realizar un Plan de Acción que sexa real e en relación ás características propias do noso municipio. Este Plan debe vir acompañado dun seguemento, que se cumpra de forma fiel e que traia resultados reais.

Todos os asistentes votan a favor.

 

4- INFORMACIÓN DA ALCALDÍA

O alcalde informa de dous asuntos de importancia: a Fundación de Discapacitados Psíquicos de Barcala e a creación dun inventario arqueolóxico.

– Sobre a Fundación de Discapacitados de Barcala.

Explica a situación da Fundación comentando que está subvencionada pola Consellería, pola Fundación Rubido Romero e por outras doacións voluntarias. O Concello da Baña e o de Negreira forman parte do Patronato e colaboran nos gastos. O Concello da Baña, segundo o señor alcalde, non ten ingresar os 8.000 euros que din que lle corresponde porque a entidade que ten pendente pagos é o Concello de Negreira. Os problemas económicos veñen como consecuencia de que aínda non se efectuaron os cobros das subvencións pertinentes de principio de ano. O alcalde menciona que agora ve moita preocupación por parte da oposición pero antes nunca se preocuparon por nada relacionado con esta fundación.

O secretario le un informe segundo o cal a Fundación está en superavit e o Concello non pode pagar os 8000 euros que lle reclaman, ademais que ese acordo ao que chegou a concelleira de cultura (ao non poder asistir o alcalde á reunión) non é vinculante.

Tanto a concelleira de cultura como o alcalde dixeron que non había un compromiso por escrito de que debían pagar esa cantidade, ese tema simplemente se falou nunha reunión pero non deixaron o acordo por escrito. De todas formas un acordo desa magnitude debería ser tomado polo pleno xa que sería necesario modificar unha partida do orzamento, a partida da Activos Financieiros que até o de agora nunca se utilizou.

O noso concelleiro, César Ramos, pide a palabra e menciona que deben esquecerse as rencillas partidistas respecto a este tema e entre todos tentar colaborar e a xudar á fundación que é evidente que fai un labor de integración moi importante. Que este tema lle toca moi de cerca porque ten un familiar e amigos usuarios e que fan un traballo encomiable.

Respecto ás palabras do señor alcalde dicindo que antes dese problema a oposición non estaba interesada nesa fundación di que é totalmente falso. Compromiso por Galicia xa visitou as instalacións no 2016, está en contacto directo coa xerente e que antes os problemas económicos que atravesa xa fixera unha doación económica, na medida das nosas posibilidades, tanto no 2016 como no 2018.

Pide ao alcalde que se non pode facer o pago dos 8.000 euros que o rectifique publicamente. Lembramos que o alcalde o 17 de decembro enviou aos medios unha nota de prensa asegurando que ía facer o pago a semana seguinte.

Pide diálogo e comunicación entre as tres partes e que os Concellos da Baña e Negreira cheguen a un acordo polo ben da fundación. Neste ámbito non se pode escatimar gastos.

Inventario de patrimonio arqueolóxico dos Concellos.

En colaboración coa Xunta e a Deputación, unha empresa de Barcelona, está facendo un traballo de catalogación de todas as construcións arquitectónicas dos núcleos rurais: castros. mámoas, xacementos, etc. . Teñen previsto que o traballo estea dispoñible no verán.

Curioso, xa que lembramos que dende Compromiso por Galicia en setembro de 2016 xa demandamos que se creara un catálogo con estas construcións e se traballara na súa posta en valor a través dunha moción que non se chegou a aprobar debido aos votos en contra do PP, agás o concelleiro Manuel Tourís que se abstivo. Podedes ver a crónica dese pleno premendo aquí.

 

5- MOCIÓNS

MOCIÓN SOBRE A REHABILITACIÓN DAS CONSTRUCIÓNS EN ESTADO DE ABANDONO DO CONCELLO DA BAÑA (CxG)

IMG-20190123-WA0014Vivenda en estado de abandono no lugar de Guende

Podedes consultar a redacción desta moción na seguinte ligazón.

Os acordos que solicitabamos son os seguintes:

  1. Que o Concello da Baña elabore un censo de edificios en situación de abandono para coñecer de primeira man cales precisan dunha actuación para evitar males maiores.
  2. Que, trala realización deste censo, o Concello se poña en contacto cos propietarios e propietarias destas edificacións para comunicarlle a súa inclusión nesa lista, as subvencións que poden solicitar e a lexislación existente ao respecto.
  3. Modificar a ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles, aprobando unha rebaixa temporal deste imposto nos edificios que figuren neste listado e se rehabiliten ou estean en procedemento de rehabilitación para deste xeito incentivar as melloras dos inmobles.

Debido a que aínda non está aprobada a a Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia e ante a negativa do señor alcalde a votar a favor do terceiro punto decidimos eliminalo da redacción. O PSOE non quere facer ningún tipo de intervención sobre esta moción.  Procédese á votación dos dous primeiros acordos co resultado do voto a favor de todos os presentes, polo tanto a moción é aprobada.

MOCIÓN DO PSOE SOBRE A CREACIÓN DUNHA AGRUPACIÓN DE VOLUNTARIOS DE PROTECCIÓN CIVIL

Respecto a esta moción o noso concelleiro, César Ramos, di o seguinte:

Parécenos positiva esta moción, aínda que non sabemos se A Baña tería un volume de voluntarios e voluntarias suficiente para a creación desta agrupación si que sería moi bo para o noso municipio que se creara e dende a administración local deberíase traballar na creación. Polo tanto dende CxG xa dixemos varias veces que sempre que se trataran mocións interesantes e positivas para o noso Concello, veñan de onde veñan, iamos apoialas e votar a favor sen ningún problema e sen ningún tipo de complexo.

No listado de agrupacións de voluntarios da Asociación Nacional de Agrupacións de Protección Civil xa figura a da Baña. Podemos consultalo na seguinte ligazón. Chamei por teléfono para informarme e comentáronme que se formalizara a inscrición hai anos pero nunca se chegou a materializar, pensan que por falta de voluntarios e voluntarias.

Na propia moción o PSOE menciona  a “nova” Lei de Bases de Réxime Local, esa lei é do ano 1985 (de hai 34 anos), Ley 7/1985, de 2 de abril, reguladora de las Bases del Régimen Local, non é para nada unha lei nova,  polo tanto creo que non se debería terse como referencia na creación de agrupacións de voluntarios de protección civil xa que naquel momento non existían da mesma forma que existen agora.

Incluso na lei da administración local de Galicia de 1997 que tamén cita á “protección civil” e é de ámbito autonómico non concreta correctamente a creación de agrupacións locais e si fala da “protección civil” como algo xeral. A normativa que se debe consultar é a seguinte:

DECRETO 56/2000, do 3 de marzo onde se regulan as agrupacións de voluntarios.

Ley 17/2015, de 9 de julio, do Sistema Nacional de Protección Civil

LEI 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.

Nesta lexislación marca perfectamente as liñas de actuación e  creación de colectivos de voluntarios e voluntarias. Hai que diferenciar entre asociacións de voluntarios (que para nada dependen dos Concellos) e agrupación de voluntarios (dependen dos Concellos e deben ser supervisados por persoal cualificado, normalmente un técnico de protección civil).

Entón estamos moi de acordo na creación dunha agrupación de voluntarios e voluntarias e imos votar a favor, oxalá haxa intención por parte do grupo de goberno en traballar e apostar por este tema, pero que se teña en conta a lexislación vixente, a necesidade de ter un técnico municipal e as funcións reais desa futura agrupación.

 

6- ROGOS E PREGUNTAS DE CxG QUE SERÁN RESPONDIDAS NO SEGUINTE PLENO ORDINARIO:

As respostas do anterior pleno ordinario poden ser descargadas aquí.

arbusto_praza_xaneiro_2019Estado no que se atopan os arbustos da praza do Concello
foto_fonte_praza_xaneiro_2019Fonde da Praza do Concello
  1. Queremos concreción nalgunhas respostas do anterior pleno: respecto á pregunta sobre a moción aprobada sobre as carrozas de entroido respondendes só a unha parte da pregunta, que a día de hoxe non se recibiu ningunha solicitude de cesión do local (evidentemente se non se publicita nin se lle dá difusión e se fai todo “á calada” non vai haber moitas solicitudes), non aclarades qué local se vai ceder, qué se vai subvencionar, qué gastos de transporte se van subvencionar, qué requisitos se lle pedirán aos colectivos para recibir a subvención e canto se van incrementar os premios do festival. Por favor contestade isto canto antes para que a veciñanza estea informada se é que se ten vontade de cumprir unha moción xa aprobada, ou pola contra só se tiña vontade de aprobala por aprobar e non cumprir os acordos.
  2. Solicitamos que se nos envíe o informe relativo ás xuntas de goberno locais que se nos dixo que se nos ía entregar en agosto de 2017 e na resposta ao anterior pleno volvedes dicir que se nos enviará. As últimas actas que nos enviaron foron hoxe mesmo ás 12:50 h. e algunha do mes de xullo.
  3. Na pregunta número 12, respecto á piscina non respondedes ao que se pregunta. Sabemos que o servizo de socorrista remataba o 15 de setembro e que finalizou antes pola solicitude dun permiso. A pregunta é por que non se nos contestou ao escrito e por qué non se contratou outro socorrista mentres fixo bo tempo.
  4. Na resposta nº 25 respecto ao procedemento de facer fillo predilecto a Avelino Pousa Antelo, que dixéches hai máis de dous anos que iades comezar cos trámites contestades textualmente: “A lexislatura está rematando pero, ante as numerosas chamadas que tivemos para este tema, decidimos pospoñer este tema e estudalo con tranquilidade pois incluso da súa parroquia non están polo labor”. A que chamadas vos referides? Fixéchedes unha consulta a toda a veciñanza da parroquia para afirmar iso? Dádeslle máis importancia a unhas chamadas telefónicas que a sinatura de 5 concelleiros, da agrupación local de CxG, a do BNG, a da Asociación Cultural Afonso Eanes, a asociación cultural Os Campantes da Baña, ás propias fillas do homenaxeado, Fundación Pedrón de Ouro, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación Cultural Xermolos, a Irmandade Manuel María, a Fundación Castelao e un largo etcétera.
  5. No pleno ordinario do mes de marzo de 2016, tal como especifica a acta nº 3 o grupo de goberno respecto á revista municipal expresou o seguinte: “Nós non temos inconveniente en que fagades suxestións, acheguedes ideas, consensuar imaxes ou temas para confeccionar diversos temas. Estamos abertos a recibilos. Tanto no referente aos calendarios como á revista estamos abertos a todo tipo de suxerencias”.O 8 de decembro de 2017 entregamos un artigo no rexistro municipal sobre a exposición “Luces de Alén Mar” e a homenaxe que se fixo na Casa de Cultura á Unión Barcalesa de la Habana, no seu 110 aniversario. O artigo non se publicou na revista municipal dese ano. O 24 de xullo deste ano volvemos entregar o artigo para ser publicado na revista deste ano e tampouco se atendeu á nosa petición, aínda que si houbo un artigo sobre a visita a Cuba do señor alcalde. Cal é o motivo de excluír o noso artigo?
  6. Relacionado coa pregunta anterior. Por que non se entregaron este ano os calendario do Concello? Existiu algún problema, eliminouse ou adiouse de forma intencionada?
  7. Solicitamos que se limpen as beirarrúas que van de S. Vicente a Señor, a vexetación das cunetas está sobre a propia beirarrúa e as persoas con mobilidade reducida ou as persoas que transportan carritos de bebé teñen dificultades para transitar por elas. Empresas de madeira volveron deixar as beirarrúas en mal estado. Así mesmo, recordamos que é necesario utilizar un herbicida de forma sistemática nas beirarrúas. As colocadas en S.Vicente están todas cheas de herbas co conseguinte perigo de que co mal tempo o terreo se volva esvaradío.
  8. O pasado 10 de Nadal entregamos no rexistro municipal unha solicitude para que se nos cedera o Campo Municipal para celebrar un acto deportivo, non político, posteriormente solicitóusenos unha memoria explicativa da actividade que entregamos o 14 de decembro, mesmo día que recibimos o requirimento. Nunca recibimos contestación por escrito, iso que solicitabamos que ese escrito fora contestado na maior brevidade posible. Aínda que evidentemente o concelleiro de deportes me dixo verbalmente que podiamos utilizar as instalacións. Non credes que é necesario dar permiso por escrito sempre que se cedan unhas instalacións? Cal é o motivo polo que non se nos contestou por escrito?
  9. Volvemos decatarnos pola prensa dos movementos que se realizan na reitoral de Monte. O 8 de xaneiro entregamos un escrito solicitando información ao respecto e solicitando unha copia do convenio asinado, no caso de existir, e non se nos contestou. O propio secretario no informe sobre a reitoral menciona “esixirase un contrato sumamente detallado, sendo aconsellable unha perfecta negociación de todas e cada unha das cláusulas”. Queremos que se nos dea copia dese convenio, se aclare en qué momento está a cesión, que se nos diga por qué non participamos todos os grupos políticos na sinatura do mesmo e por que non se publicou nada na web municipal nin nas redes sociais?
  10. Relacionado con isto queremos saber qué tipo de obras se están a realizar na reitoral e quen vai sufragar eses gastos.
  11. Queremos saber o motivo polo que a visita dos Reis Magos ao Local Social da Baña só se anunciou con 24 horas de antelación co artigo da web: “Os Reis Magos chegarán ao local social da Baña mañá ás cinco e media”. Na mesma publicación pídese á veciñanza que avise con antelación qué persoas necesitan alimentos aptos para celíacos para facer unha previsión. Non credes que é unha incongruencia?
  12. Relacionado coia anterior cuestión, cal é o motivo que o artista contratado fora o mesmo que actuou o 30 de outubro na festividade do Samaín?
  13. Solicitamos que se informe ao organismo ou empresa pertinente do mal estado no que se atopan os postes e cables, cremos que de telefonía, no lugar de S. Salvador. (ADXUNTAMOS FOTOS).
  14. No pleno de 30 de novembro de 2016 solicitamos que o Concello da Baña participara no programa presentado pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda “Ethel Vázquez” do servizo de transporte público baixo demanda e contestóusenos que o señor alcalde asistira a unha reunión o 13 de xaneiro de 2017 (hai dous anos). Como están eses trámites? Vai chegar á Baña o transporte baixo demanda ou quedou en nada?
  15. No pleno de maio de 2018 solicitamos que o grupo de goberno valorara a posibilidade de que o Concello da Baña se adherise ao proxecto  froito dun convenio da Xunta de Galicia coa FEGAMP creandose os chamados “Concellos Emprendedores”  para dar facilidades a futuros empresarios que queiran afincarse aquí e estimular a actividade económica do noso Concello. Dende o Concello contestóusenos: Este tema xa se fixo a súa solicitude para a adhesión a Concellos Emprendedores como estímulo á actividade económica do noso Concello. Por que o Concello da Baña aínda non figura no listado de Concellos emprendedores? No caso de estar solicitado queremos copia da solicitude.
  16. Solicitamos unha mellora no firme xusto fronte ao cemiterio novo do Castro da Baña que está cheo de fochancas. (ADXUNTAMOS FOTOS)
  17. Queremos saber se xa se fixo o ingreso á Fundación de Discapacitados psíquicos de Barcala e que se explique o motivo polo cal non se realizou ese pago con anterioridade. Aproveitamos para pedir que se colabore con esta fundación e o Concello de Negreira para que se acaben eses problemas económicos polos que atravesan. Solicitamos a información que leu o secretario no propio pleno.
  18. A finais de ano o Concello de Negreira solicitou á Consellería de Educación a ampliación das aulas de educación infantil do colexio público O COTO debido a falta de espazo polo alumnado existente. O CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba tamén tivo problemas a principio de curso polo elevado ratio existente, mentres o CPI  de S.Vicente ten moi poucas matrículas. Non debería o Concello facer un proxecto de captación de alumnos e alumnas doutras localidades para aumentar o número de matrículas e evitar que este centro educativo peche nun futuro?
  19. Relacionado co CPI de S.Vicente, solicitamos de novo que se teña en conta o proxecto realizado polo alumnado do CPI de S.Vicente e se sufraguen os gastos para que estes alumnos e alumnas poidan visitar a Escola Superior de Conservación en Pontevedra. Non dicides nada diso na resposta ao noso escrito só dicides que O Concello da Baña está a colaborar intensamente coa Dirección do colexio CPI San Vicente en todos aqueles temas que propoñer para beneficio do alumnado do centro. Neste últimos 20 anos a coordinación foi suprema.
  20. A fonte da praza do Concello volve presentar moi mal aspecto. Volvemos solicitar, igual que fixemos noutros plenos que a limpeza desta fonte se faga de forma semanal e se por calquera motivo non se pode limpar frecuentemente que se valore cambiala por outra. Tamén que se faga a pertinente limpeza dos arbustos da mesma. A praza do Concello non pode dar esa imaxe de deixadez e suciedade.
  21. Hai nenos e nenas da Baña que están acadando grandes éxitos deportivos en diferentes disciplinas. Cremos que estes éxitos deportivos deben ser recoñecidos polo noso Concello, aínda que sexan competindo con clubes e escolas de fora do noso Concello e que sirvan de exemplo para outros nenos e nenas. Noutros concellos limítrofes co da Baña celebran galas do deporte para dar a coñecer estes logros e fomentar os valores propios do deporte. Gustaríanos que o Concello da Baña valorara realizar un recoñecemento a estes mozos e mozas que están acadando importantes éxitos deportivos.
  22. Nos últimos días saltou á prensa a noticia que en Galicia varios propietarios ou propietarias de hórreos están sendo multados por trasladar ou incluso vender hórreos. Lembramos que todos os hórreos galegos construídos antes de 1901 están declarados Bens de Interese Cultural e a Dirección Xeral de Patrimonio prohibe o seu traslado. Moitas veces faise por descoñecemento da lexislación vixente. Tanto os vendedores como os compradores poden ser sancionados con multas de ata 120.000 euros. No noso Concello xa hai hórreos rexistrados como BIC. Solicitamos que o grupo de goberno valore facer un listado de todos os hórreos construídos antes de 1901 e se informe aos propietarios e propietarias da lexislación vixente e das axudas para poder restauralos.
  23. Solicitamos de novo a limpeza na curva despois do lugar de Señor que vai cara S. Cibrán que está chea de area e coas choivas pode causar algún accidente de tráfico. Xa o dixeramos en varios plenos.
  24. No pleno do Concello de Santa Comba do pasado venres a alcaldesa de Santa Comba afirmou que o Concello da Baña acabábase de adherir á “Unidade de Atención Temperá” collendo a praza que deixa libre Mazaricos. Este é un proxecto que atende crianzas de 0 a 6 anos. Non hai nada publicado na páxina web do Concello e temos que enterarnos por informacións doutros Concellos. Podedes explicar se é certa a información qué tipo de convenio se asinou, qué servizos ofrecen aos nenos e nenas da Baña e de que forma as familias poden participar?
  25. Hai facturas da empresa Atendo Calidade, a empresa encargada de parte da axuda a domicilio por un importe de 47.524,01 euros só en 2 meses (agosto e novembro) e sabemos que polo menos dende o 2012 esta empresa leva prestando servizos ao Concello da Baña. Que tipo de servizo ofrece esta empresa, só axuda a domicilio? Que tipo de relación contractual existe con esta empresa?
  26. A que corresponden as facturas a Óscar Villar Moure por un importe de 7.375,32 euros en concepto de “estancia diaria animal”?
  27. Con respecto ás facturas observamos que están realizando pagos de 600 euros á empresa Editorial Compostela S.L de El Correo Gallego por concepto de “Concierto de publicidad Concello de A Baña). Hai algún convenio ou contrato con El Correo Gallego para promocionar o Concello. Nas repostas do anterior pleno dicides que contratación de brigadas municipais e incendios así como socorristas, etc. Só ese tipo de noticias? É necesario gastar 600 euros mensuais para iso?
  28. Observamos que hai unha serie de facturas referentes á contratación de espectáculos culturais como por exemplo, Cayetano Lledó na clausura do campamento lúdico-deportivo de 1.900 euros (é un só artista), 1600 euros polo espectáculo “Falar sen Cancelas” (só son 3 artistas) ou “Terapia de bar” no Magosto de Lañas que custou 580 euros (6 artistas). Que porcentaxe disto está subvencionado? Entendemos que unha parte dese cobro será sufragado pola rede cultural, non?
  29. A que se debe a prórroga do orzamento xeral 2018. Por que non resultou posible, cumprir, antes do 31 de decembro, os trámites necesarios para que o Orzamento do exercicio entrara en vigor o 1 de xaneiro de 2019?
  30. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou unhas axudas na Orde de 14 de decembro de 2018 para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, no que ten varias liñas de actuación para proxectos de implantación de puntos limpos móbiles ou de recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais. Pensamos que poderían ser positivos para o noso municipio e queremos saber se se solicitou esta axuda nalgunha desas liñas.
  31. Gustaríanos saber se foi solicitada a axuda para a mellora das coleccións bibliográficas da biblioteca municipal segundo a orde de 3 de decembro de 2018 da Consellería de Cultura e Turismo. Xa que sería importante na mellora da biblioteca municipal.
WhatsApp Image 2019-01-09 at 17.11.58Estado dun poste en S. Salvador

A sesión remata ás 16:15 horas