Solicitamos ao Concello da Baña que asuma responsabilidades polos cortes na subministración eléctrica.

Compromiso por Galicia A Baña vén de entregar no rexistro municipal do Concello da Baña esta instancia reclamando que o Concello da Baña asuma as súas responsabilidades con relación aos cortes da subministración eléctrica e se poña ao servizo da veciñanza:

D. César Ramos Domínguez con DNI XXXXXXX, en calidade de concelleiro de COMPROMISO POR GALICIA na actual corporación municipal.
EXPÓN
En Compromiso por Galicia queremos sempre traballar en beneficio da veciñanza e contribuír co noso traballo á mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas.
Despois de levar varios días con cortes na subministración eléctrica en diferentes puntos do noso Concello que deron lugar a que aldeas levan ata máis de 48 horas sen luz e que causara un gran prexuízo a moitos veciños e veciñas xa que moitos deles tiveron que pechar os seus negocios, sufrir perdas importantes ao non funcionar os conxeladores, sufrir problemas importantes coa calefacción, coa auga quente, con máquinas de osíxeno e outros problemas derivados destes cortes na subministración eléctrica.
E sabendo que tamén existiron estes últimos días moitos cortes no alumeado público, esa luz que pagamos todos os veciños veciñas cos nosos impostos, ata o punto que moitos lugares do Concello tiveron noites totalmente ás escuras.
SOLICITA
1.- Que dende o Concello se faga unha reclamación colectiva á empresa ou empresas subministradoras de electricidade ás vivendas e negocios da Baña.
2.- Que o Concello da Baña reclame á empresa GAS NATURAL FENOSA polos cortes no alumeado público.
3.- Que o Concello da Baña asesore debidamente a todos os veciños e veciñas prexudicados sobre cómo deben reclamar danos e prexuízos derivados dos cortes na subministración eléctrica.
4.- Que o Concello da Baña esixa á Xunta de Galicia unha sanción á empresa GAS NATURAL FENOSA por ter unha deficiente infraestrutura e permitir que vivendas do noso Concello estiveran ata 48 horas sen electricidade nos seus negocios e fogares.

A Baña, 6 de febreiro de 2017
D. JOSE ANDRÉS GARCÍA CARDESO ( ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE A BAÑA)