Solicitamos ao alcalde que aclare no pleno qué se vai facer coa Reitoral de S. Mamede

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte

PREGUNTA ESCRITA PARA A SÚA RESPOSTA NO SEGUINTE PLENO ORDINARIO

O proxecto da Reitoral de S. Mamede no que se investiron unha importante cantidade de cartos  leva varios meses causando unha importante polémica social debido ás informacións públicas dos últimos meses. Facemos un resumo das últimas informacións:

– O 17 de abril deste ano aparece publicada en “El Correo Gallego” unha nova onde Rocío Mosquera (exconselleira de sanidade) asegura que a reitoral está “prácticamente cedida” para crear unha casa fogar para persoas discapacitadas.

– No pleno ordinario de 31 de maio o alcalde explica que hai un proxecto para acoller a nenos con enfermidades mentais que o propón a asociación Anxiños e que é unha posibilidade, dada a inviabilidade económica de destinar estas instalacións a unha vivenda comunitaria, pero a decisión final adoptarase buscando o consenso da Corporación, xa que se está á espera de máis informes.

– O 29 de xullo o Concello da Baña publica no Facebook oficial e envía unha nota de prensa aos medios co seguinte titular: “O Concello da Baña apoia o proxecto da Asociación Anxiños para a casa reitoral de San Mamede do Monte” e di textualmente: “Andrés García Cardeso agarda que, unha vez recibidos os informes da Xunta e despois dunhas mínimas obras de posta a punto, para o mes de setembro a Asociación Anxiños poida poñer en marcha o seu proxecto e empezar a acoller os nenos na casa reitoral de San Mamede”.

– No pleno ordinario de 1 de agosto ante unha pregunta do concelleiro de Compromiso por Galicia o alcalde explica que a decisión non está tomada aínda, que el non é responsable das publicacións da prensa e que están á espera de máis informes.

Por todo o descrito até o de agora entendemos que as informacións son confusas e contraditorias e fai que exista un descoñecemento real por parte da cidadanía e da propia asociación Anxiños.

Por esa razón, COMPROMISO POR GALICIA, quere ter resposta ás seguintes cuestións:

  • Que trámites está a realizar o Concello da Baña respecto a este proxecto da Reitoral de S. Mamede?
  • Que informes foron solicitados á Xunta de Galicia?
  • Adoptouse nos últimos meses algún tipo de decisión respecto a este proxecto?