Rehabilitar a escola republicana de Nantón, un proxecto do colexio da Baña recoñecido pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Nos últimos tempos ven sendo habitual que o noso CPI da Baña obteña premios e recoñecementos polo seu bo facer profundizando na historia educativa do noso concello a través de novas canles de comunicación  como páxinas web ou creación audiovisual.

A comezos de novembro de 2016 tivo a súa estrea a película documental Facendo escola, 200 anos de ensino na Baña, un traballo de investigación e rodaxe feito por 11 rapazas e rapaces de 5º de primaria, coordinado por 3 profesoras (Mar Sueiro, María Josefa Becerra e Lucía Muñoz) e baixo a edición de Cristina de la Torre.

Tralo éxito deste traballo propuxéronse aproveitar toda a documentación conseguida para a película nun novo proxecto. Este sería a creación dunha páxina web na que, ademais do documental e de toda a información que volcaron nela, os integrantes de 1º de secundaria idearon unhas rutas de senderismo temáticas por lugares da Baña. Esta web, que foi presentada en maio do 2018 na Casa da cultura da Baña, nos últimos días vén de ser recoñecida, cun premio de 1500 euros para os fondos da biblioteca escolar, no V Concurso de Traballo por Proxectos convocado pola Consellería de Educación.

Neste último trimestre presentaron un novo proxecto ó Concurso convocado pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia para celebrar o Día do Patrimonio. Este proxecto, tamén con vinculación á historia do ensino bañés, xira sobre a necesidade de restauración da escola republicana de Nantón. O edificio, en situación de abandono, foi inaugurado durante a II República, despois de que a veciñanza do lugar se puxera dacordo para construila nos seus terreos e axudando na súa edificación.

NANTÓN1Situación na que se atopa a escola de Nantón. CC Facendo Escola.

Este proxecto, a pesares de ser superado polo do IES de Ponte Caldelas sobre os pasos do río Verdugo, foi merecedor dun recoñecemento desde a Escola Superior de Conservación, consistente na posibilidade de que o profesor desta escola e arqueólogo, Álvaro Arizaga, elabore un informe sobre a catalogación da escola de Nantón como ben cultural e sobre o seu proxecto de rehabilitación. Ademais, os alumnos autores desta proposta foron invitados a visitar a Escola en Pontevedra para ver os laboratorios de restauración e o seu funcionamento.

O Concello da Baña non puxo ningún interese na restauración deste edificio e tras esta boa nova non temos constancia de que o Concello se puxera en contacto co colexio. Non nos estraña xa que o goberno de García Cardeso rara vez se implicou cos problemas ocasionados por vivendas en situación de ruina total. Só fai falta dar un paseo por algunhas aldeas do noso municipio para ver casas abandonadas en ruína, producindo problemas de salubridade (humidades en casas anexas, presenza de roedores, serpes e outras especies…) e perigos de derrumbe.

A agrupación de Compromiso na Baña, nun dos puntos do seu programa electoral das eleccións de 2015, facía mención á creación dun proxecto para a rehabilitación de edificios históricos coa colaboración dos propietarios – fosen públicos ou privados – contando con axudas das administracións para desenvolvelo.

Na nosa opinión o concello debería fomentar a restauración deste patrimonio buscando un acordo entre os propietarios, antes de que continúe a degradación do inmoble. Cremos que se a brigada de limpeza local pode manter libre de maleza ese edificio, o concello tamén podería encargarse dunha negociación para tentar rehabilitar a escola. Se se chegou a acordos con varios propietarios para crear, entre outras cousas, áreas recreativas , por que non tentalo neste caso?

Así mesmo, consideramos que desde o goberno local se podía cubrir parte dos gastos de transporte ata a Escola Superior de Conservación, sita en Pontevedra, ao alumnado participante neste proxecto. Pois é grazas a eles que se está a falar sobre a situación deste edificio.

Dende CxG A Baña, levamos tempo reclamando nos plenos municipais que teñan en conta e promocionen as rutas creadas polos alumnos e alumnas, así mesmo entregamos unha instancia no rexistro municipal achegando ao grupo de goberno a nosa proposta respecto a este fermoso traballo realizado polo alumnado do CPI de S. Vicente e solicitando unha axuda económica para que o alumnado poida visitar os devanditos laboratorios de restauración. Ben o merecen estes nenos e nenas!