Reclamamos máis seguridade na estrada de Paredes (A Baña) e a colocación dunha marquesiña na parada do bus

No pasado pleno ordinario de 31 de xaneiro, solicitamos que o grupo de goberno fixera un plan de seguridade viaria das diferentes estradas do Concello da Baña, xa que había moitos puntos do noso Concello con alto risco de atropelo ao cruzar. Unha estrada moi perigosa é a AC-444 tanto ao seu paso por Paredes, como  fronte a Área Recreativa de Chans ou en Ceilán, xa que non existe ningún tipo de paso de peóns, banda rugosa ou similar que reduza a perigosidade da mesma.

paredes 2_logo

O pasado 1 de febreiro entregamos no rexistro municipal esta instancia para solicitar que se adopten as medidas oportunas para reducir o grao de perigosidade de devandita estrada no lugar de Paredes, así como a colocación dunha marquesiña (no lugar onde estaciona o bus escolar) para o abrigo dos nenos e nenas usuarios de transporte. Algo que a veciñanza leva reclamando durante moitos anos.

A continuación o texto da instancia que presentamos:

`paredes_flechas

César Ramos Domínguez con DNI XXXXX, en calidade de concelleiro de COMPROMISO POR GALICIA na actual corporación municipal.

EXPÓN

En Compromiso por Galicia queremos sempre traballar en beneficio da veciñanza e contribuír co noso traballo á mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas.

Unha das nosas funcións como grupo político con representación na corporación municipal é informar á alcaldía de problemas para veciñanza do Concello para buscar solucións o antes posible.

Observamos que na estrada AC-444 ao seu paso polo lugar de Paredes na parroquia da Baña existe unha zona delimitada para a parada do bus, lugar onde se recollen todos os días nenos e nenas para ser transportados cara o CPI da S. Vicente. Vemos que é unha zona que carece de marquesiña para o abrigo dos nenos e nenas ademais podemos ver que é unha zona moi perigosa para cruzar, xa que hai unha curva moi preto e os vehículos circulan a gran velocidade.

Os veciños e veciñas coméntannos que nese mesmo tramo xa existiron varios accidentes e pensamos que é necesario adoptar unhas medidas urxentes para evitar que suceda unha desgraza.

SOLICITA

Que sexa colocada unha marquesiña para o bus escolar nas inmediacións da parada e se xestione coa Xunta de Galicia (titular desta estrada) adoptar as medidas oportunas para reducir o risco de atropelo ao cruzar dun lado ao outro da estrada.

Mentres non se adoptan estas medidas para reducir o risco de accidente que se medie coas familias afectadas, a Xunta de Galicia e o centro educativo para que se modifique a ruta do bus escolar e o mesmo poida estacionar momentaneamente nunha zona máis segura para os viaxeiros.

 

A Baña, 1 de febreiro de 2018

  1. JOSE ANDRÉS GARCÍA CARDESO ( ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DA BAÑA)