Queremos que se cumpra a lei de montes e evitar posibles sancións

Poñemos a disposición dos veciños e veciñas a través da súa páxina web abana.compromiso.gal un formulario que a veciñanza pode cubrir para informar de parcelas que incumpran a normativa e supoñan un perigo por incendio.

 WhatsApp Image 2018-06-04 at 11.58.58

O secretario local da Agrupación de Compromiso por Galicia da Baña e concelleiro na actual corporación municipal, César Ramos, vén de anunciar que o seu partido, a partir de hoxe, pon na súa páxina web e a disposición da veciñanza un formulario para que poñan en coñecemento parcelas que supoñen un risco de incendio.

As modificacións que aprobou a Xunta de Galicia o pasado 28 de decembro da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, establecen de prazo para que se faga a xestión da biomasa ata o 31 de maio, a partir desa data o Concello ou Consellería se detecta o incumprimento da propia lei debe remitir ao propietario ou propietaria unha notificación cun prazo de 15 días para executala (prorrogable en casos debidamente xustificados), se non están identificados os propietarios publicarase no DOG. A partir de aquí, o Concello podería proceder á execución subsidiaria de forma que os custos da limpeza imputaranse ao interesado, en caso de que o importe supere o valor catastral da parcela poderá iniciarse un procedemento de expropiación forzosa.

O formulario cóbrese de forma sinxela e non é necesario incluír datos persoais, só a referencia catastral ou a ubicación da parcela. Compromiso por Galicia comprométese de forma imparcial e anónima a informar á administración local sobre estes casos para que os propietarios e propietarias sexan coñecedores do incumprimento da propia lei e evitar deste xeito posibles sancións.

En palabras de César Ramos, secretario local e concelleiro da agrupación galeguista, “moitos veciños e veciñas puxéronse en contacto con nós para reclamar que parcelas lindeiras coas súas propiedades cumpran a normativa vixente, así que decidimos poñer a súa disposición este formulario anónimo para colaborar de forma imparcial coa administración local e que esta informe aos propietarios e propietarias e lograr que se cumpra a normativa para previr incendios e evitar posibles sancións”.

Pódese acceder ao formulario premendo na seguinte ligazón ou directamente na páxina principal da nosa web.

LIGAZÓN AO FORMULARIO