O programa electoral que presentamos aquí é froito dun traballo propio de análise dos problemas que nos atinxen como veciños e veciñas da Baña tendo en conta a experiencia que nos deron estes últimos catro anos con representación na Corporación Municipal do Concello da Baña.
A clave está en presentar unha serie de propostas serias e viables para mellorar a calidade de vida de todas e todos nós, reforzar e ampliar servizos e, en última instancia crear emprego e atraer poboación ao noso municipio. Queremos poñer o Concello na man de todos e todas, con claridade e seriedade, gobernando dun xeito máis transparente e participativo.
Para Compromiso por Galicia o programa electoral é a nosa folla de ruta que guía todo o noso traballo político durante toda a lexislatura, sexa cal sexa a posición que marquen os resultados electorais.
Un proxecto municipal real con novos folgos e totalmente anovado que nos proporciona o grupo de persoas novas e formadas que traballaron neste proxecto. Presentamos un compromiso de catro puntos no noso programa, un referido á acción de goberno, outro referido aos compromisos de transparencia e financiamento ético e, xa por último, á dirección económica e social que lle queremos dar á Baña a través de propostas concretas.
Este é un programa aberto que ten unha serie de compromisos ineludibles que dispoñemos ante vós. Coa seguridade do voso apoio conseguiremos un concello para vós, para nós, para todos e todas. Recuperemos o concello, axúdasnos?

 

1. COMPROMISO DOS REPRESENTANTES. UN NOVO XEITO DE GOBERNAR

  • Obrigados a defender o establecido neste programa electoral. Así mesmo de acatar as decisións tomadas polos mecanismos de representación e participación da cidadanía.
  • Establecemento como principio básico ineludible que o primeiro son as persoas e, polo tanto, a cobertura das súas necesidades é prioritaria fronte á construción de novos equipamentos e servizos, sobre todo daqueles que non estean destinados a cubrir as necesidades básicas da poboación, ou a favorecer a conciliación da vida familiar e laboral.
  • Os cargos electos e de libre designación da candidatura asumirán e compartirán o seu sometemento nos procesos e espazos de participación e decisión acordados pola propia candidatura. Garantiremos a transparencia, a rendición de contas e a revogación (de darse o caso, por non cumprir os principios básicos).
  • Publicación das axendas dos representantes electos, visibilizando con quen se reúnen a cotío e os temas que se tratan. O traballo dos representantes públicos debe ser coñecido pola veciñanza.
  • Compromiso por Galicia facilitará os ingresos, bens e rendementos patrimoniais dos seus representantes públicos.
  • Publicación dos criterios de contratación dos cargos de libre designación.
  • O concello abrirá sempre que sexa posible espazos asembleares abertos á participación da veciñanza para o debate tanto a nivel parroquial como a nivel municipal. Nela participarán os cargos electos da corporación municipal e será onde renderán contas e se establecerán liñas a seguir de traballo. Serán convocadas cunha periodicidade acordada entre a veciñanza e o pleno municipal.
  • Todos os cargos públicos electos terán a obriga de asistir a estes espazos asemblearios na medida que a súa axenda institucional llelo permita, facendo un especial esforzo por estar presentes. Tomaranse actas de acordos e favorecerase que o debate se centre en torno ás problemáticas de zona.
  • Mantemento do contacto habitual con colectivos en situación de vulnerabilidade e ter presente á hora de toma de decisión os informes das persoas da administración que traballen con estes colectivos. Atender e dar respostas ás súas propostas, téndoos presentes á hora de tomar decisión que afecten ao seu ámbito de actuación.
  • Compromiso das persoas electas a impulsar e apoiar as iniciativas cidadás propostas a través do marco legal vixente.
  • Garantía de participación cidadá na toma de decisión relevantes e no posicionamento político da candidatura sobre temas estratéxicos e proxectos de impacto social, ambiental ou urbanístico das parroquias. Regulamento de participación veciñal.
  • Compromiso das persoas electas a impulsar e apoiar as iniciativas cidadás propostas a través do marco legal vixente.
  • Limitación de mandato a dúas lexislaturas, excepcionalmente prorrogábel sempre que se dea un proceso de discusión e validación cidadá.
  • Compromiso de renuncia ou cese de xeito inmediato de todos os cargos ante a imputación pola xudicatura en delitos relacionados coa corrupción, prevaricación con ánimo de lucro, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos, ben sexa por interese propio ou por favorecer a terceiras persoas. Así como tamén en casos de acusación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras. De igual xeito se tratarán os casos de delito ou atentado contra a biosfera.
  • Redución do salario do alcalde a un máximo de 2.000 euros como salario neto mensual. Entendendo que esta retribución garanta unhas condicións dignas para exercer as responsabilidades e funcións que supoñen o cargo asumido. O soldo poderá variar en función das responsabilidades e será revisable cada ano.

2. TRANSPARENCIA. AS CONTAS CLARAS E FINANZAS ÉTICAS.

  • Transparencia na nosa xestión, publicando desagregados todos os datos referentes aos ingresos e gastos, que xestionarán de xeito social e solidario.
  • Todos os cargos electos e de libre designación dos grupos municipais comprometeranse a facilitar publicamente todos os datos que estean ao seu alcance, ou teña forma legal de conseguir, para a elaboración de auditorías cidadás.
  • De xeito periódico publicación de forma desagregada de todos os gastos que xere o grupo municipal e os seus cargos electos ou de libre designación.
  • A candidatura fará pública a declaración de ingresos persoais, de bens e rendemento patrimonial dos cargos electos e de libre designación cada verán despois da campaña do IRPF.
  • Non aceptación de tratos de favor, denunciándose si se observan, en calquera forma e circunstancia. Renuncia e denuncia dos agasallos e/ou privilexios pagados con cartos públicos que poden ser ofertados pola súa condición e que podan significar un trato de favor.
  • Farase público a non aceptación de obsequios ou ofrecemento de vantaxes. Os cargos públicos denunciarán todo ofrecemento sutil ou explícito.
  • Aposta clara por unha limitación drástica do gasto na campaña electoral e regulación e ordenación da pegada de carteis.
  • Mancomunado de gastos nos diferentes servizos ofertados como máxima prioridade para a eficiencia do gasto municipal.

3. ACCIÓN ECONÓMICA. INICIATIVAS E PLAN DE EMPREGO.

  • Inicio dos trámites necesarios para a re-municipalización dalgúns servizos básicos do Concello.
  • Inicio dos estudos e xestións necesarios para a tramitación e aprobación, a través da correspondente ordenanza fiscal reguladora, dunha taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público local polas empresas titulares de instalacións de transporte de enerxía eléctrica, auga, gas ou hidrocarburos, e o seu cobro en beneficio do municipio, segundo a doutrina marcala polas sentenzas do Tribunal Supremo que así o avalan.
  • Revisar todas as relacións contractuais do Concello da Baña coas diferentes empresas: comunicación, telecomunicacións, seguros, licenzas, etc.
  • Aumento das partidas de gasto social destinadas a paliar os efectos da crise nos sectores da poboación máis prexudicados por esta. Ampliación das rendas de inclusión social e de emerxencia.
  • Aumento do horario de apertura dos servizos municipais á veciñanza como xeito de favorecer a relación institucional e laboral da veciñanza cando menos dalgunha das dependencias.
  • Establecemento de tres tipos de horarios diferenciados para o persoal do Concello da Baña: un xeral, un por conciliación familiar e outro con flexibilidade automática, como mecanismo que permita a conciliación da vida familiar e laboral para os traballadores e traballadoras do Concello.
  • Fomento do voluntariado. Pedir a colaboración da Xunta para obradoiros de emprego e campos de traballo (acondicionamento de rutas de sendeirismo, a ruta dos muíños, paseo fluvial de Chans, camiños de Monte….).
  • Aposta pola innovación e a colaboración coas universidades galegas en diferentes ámbitos.

3.1 Plan de emprego municipal para o sector agrogandeiro

  • Fomento e asesoramento municipal para a creación e potenciación do cooperativismo agrario.
  • Apoio e asesoría para a creación de novas experiencias tanto de agricultura como gandaría ecolóxica. Obradoiros formativos para emprendedores.
  • Constitución dunha cooperativa hortofrutícola desde o concello con pequenos agricultores da Baña, poñendo en valor o produto natural e da terra, empregando un sistema de “man a man” do produtor ao consumidor directamente. Para isto contarase con técnicos municipais que elaborarán o proxecto técnico e xurídico, solicitarán as subvencións e axudas convenientes. Formarán a todos os produtores que así o desexen, elaborarán unha páxina web onde se comercializarán os diferentes produtos e actualizarán esta diariamente, farán de intermediarios entre os cooperativistas e os receptores.
  • Promocionar, protexer e asistir as propostas cooperativas de produción agrogandeira desde o concello..
    • Colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e con outras institucións interesadas en proxectos de explotacións agrícolas e gandeiras a nivel experimental.
    • Creación de obradoiros para a promoción da agricultura e gandería ecolóxica.
    • Estudo municipal para coñecer a viabilidade do proxecto “hortas no rural para xente de cidade”. Un sistema de rendas polo uso intensivo de pequenas parcelas anteriormente abandonadas.
    • Promoción da gandería extensiva para o coidado dos nosos montes. Un estudo de razas para coñecer que animal convén máis para a súa parcelación itinerante e en colaboración veciñal. Sempre na busca dun sistema de mínima estabulación. A gandería extensiva podería ter uns efectos moi positivos nos montes forestais da Baña.

3.2 Plan de emprego municipal para o sector industrial e comercio

  • Elaboración dun plan estratéxico para a promoción e atracción de empresas. Estudo e planificación dun proxecto de viveiro de empresas. Desta forma o mal chamado “Polígono Industrial” poderá servir de área de establecementos para a oferta de servizos compartidos e así, cun menor gasto ter máis posibilidades de éxito empresarial.
  • Creación dun proxecto para a rehabilitación de edificios históricos e de importancia patrimonial no Concello. O obxectivo sería rehabilitar eses edificios na medida do posible xunto coa colaboración dos seus donos no caso de ser de titularidade privada. Melloraríase así o entorno de moitos núcleos e pequenas aldeas do Concello que teñen auténticas xoias da arquitectura labrega e rural en estado de abandono. Todo isto repercutiría nunha maior calidade de vida para nós, e tamén maior grado de  atracción e riqueza do noso entorno para o turismo rural.
  • Revisión do PXOM para tratar de adaptalo ás necesidades reais de toda a veciñanza. As empresas que queiran afincarse no Concello da Baña poderán dispoñer de terreos para tal efecto e dende o Concello daránselle todo o asesoramento e facilidades posíbeis.

3.3 Plan de emprego municipal para o sector servizos e turismo

  • Planificación dunha estratexia real e ambiciosa do turismo rural. Creación e coordinación das distintas casas rurais do Concello.
  • Aposta decidida pola promoción da Ruta do Camiño de Santiago a Muxía que pasa pola Baña e a Vía Mariana e creación dun albergue municipal de peregrinos para favorecer a posta en valor destas rutas.
  • Acondicionamento das rutas de sendeirismo xa existentes no municipio. Sinalización axeitada e promoción a través da páxina web do Concello da Baña e outros portais de sendeirismo de ámbito galego e inicio dos trámites para a homologación das mesmas para que deste xeito funcionen como un reclamo turístico do Concello da Baña. Promoción das rutas temáticas elaboradas polo alumnado do CPI de S. Vicente e creación dunha nova ruta de sendeirismo a carón do río Barcala
  • Crear unha Ruta dos Muíños dende Chans ata O Barro, aproveitando as instalacións da Área
    Recreativa de Chans para a parada de autobuses de excursións e grupos.
  • Creación dun catálogo dos bens histórico-patrimoniais e naturais do Concello. Inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras de todos aqueles exemplares que polas súas características extraordinarias ou destacablesson consideradas reliquias botánicas obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental.
  • Atracción do turismo ecolóxico. Potenciación da marca ecolóxica dos produtos da terra. Consumo de vexetais, lácteos e carne 100% ecolóxica.
  • Participar no plan de aluguer de vivendas baleiras da FEGAMP. Ofertar o aluguer e a venda de casas e pisos a prezos de mercado de todos aqueles bañenses/as que así o desexen, elaborando un plan de marketing desde o Concello (por traballadores/as municipais) e ofertalo fóra do noso concello, inclusive fóra da nosa comunidade a familias de mozos/as e a xubilados/as preferentemente que queiran asentarse.
  • Promoción nas actividades económicas a sensibilidade cara o medio e por tanto, desbotar calquera acción que signifique unha agresión.
  • Impulso coordinado coa Xunta de Galicia dun plan anual de limpeza dos ríos así como tamén o control de vertidos.

4. ACCIÓN SERVIZOS. DINAMIZACIÓN E MELLORA DA CALIDADE DE VIDA

4.1. Campañas de sensibilización e educación

  • Cumprir a vontade do Consello Escolar do CPI de S. Vicente de modificar o nome do CPI de S. Vicente polo de CPI Avelino Pousa Antelo, persoa ilustre do noso Concello que, pola súa recoñecida traxectoria vital de compromiso galeguista e coa lingua galega, merece un recoñecemento especial á vez que se perpetúa a súa memoria.
  • Homenaxe ás persoas ilustres do noso Concello: Avelino Pousa Antelo, Daniel García Ramos, Xosé Fernández da Ponte, Rafael Díaz, Xacinto Rodríguez, José Manuel Pose Antelo, José Cardeso Liñares, entre outros.
  • Difusión e posta en valor da historia do noso Concello, dando a coñecer a nosa historia local e a celebración de efemérides importantes.
  • Mellora da Axencia de Lectura Municipal e biblioteca do CPI de S.Vicente, ampliación da oferta de actividades de promoción da lectura e de apoio ao estudo para nenos e nenas. Colaboración na mellora do Clube de Lectura Ars Legendi do colexio de S. Vicente.
  • Organización de campañas de sensibilización e información sobre a violencia de xénero, que chegue a todos os sectores de poboación, para que os veciños e veciñas da Baña fagan conciencia do que está a ocorrer, coñezan maneiras de actuar nestes casos facilitando información sobre protocolos, lugar e forma de pedir axuda ou denunciar, tanto para vítimas como para testemuñas.
  • Facilitación do acceso aos servizos sociais das vítimas de violencia de xénero, asegurando a súa confidencialidade. Por iso cremos que a oficina de servizos sociais , non ten unha ubicación correcta, nin é axeitada para a atención de vítimas. Organización de actos de concienciación para involucrar a mozos e mozas na loita contra esta lacra social.
  • Medidas de apoio ás persoas celíacas, valoración da viabilidade de crear un bono social para persoas afectadas con esta doenza.
  • Creación dunha comisión de traballo municipal da muller no rural que terá a obriga de analizar a situación da muller no Concello, tanto no ámbito familiar como social e laboral. Realizar ademais un estudo de impacto da violencia machista no entorno que lle compete. Uso non sexista do vocabulario na administración.
  • Fomento do voluntariado lingüístico dende o Concello para que as persoas acabadas de chegar poidan aprender a nosa lingua e se faciliten as relacións persoais entre a poboación inmigrante e a poboación local. Ofertar cursos de alfabetización en galego para a poboación adulta.
  • Colaboración permanente co CPI San Vicenzo, o PAI de S. Mamede e a Escola de Infantil de Lañas. Mellora da colaboración e coordinación entre os centros educativos do Concello.
  • Campañas de divulgación, información e alfabetización no uso das TICs dirixidas a diferentes colectivos: mocidade, desempregados, terceira idade, etc. a través da aula de informática municipal.
  • Estudo da creación de obradoiros de emprego nunha área de coñecemento ligado á actividade profesional do sector primario e da atención a persoas maiores.

4.2 Dinamización cultural, asociacionismo, actividades lúdicas e deporte

  • Impulso asociativo, rexeneración daquelas asociacións esmorecidas e facilidades para reactivar o tecido asociativo do concello.
  • Dotación en todas as instalacións deportivas municipais de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA).
  • Creación dun salón de actos municipal para que se poida realizar eventos culturais de calidade, obras de teatro, presentación de libros, actividades infantís ou concertos.
  • Homenaxe a Antonio Martínez Fernández (O Cubano) poñéndolle ao Campo Municipal Agra
    de Cartas o seu nome, por dedicar toda unha vida ao equipo de fútbol da Baña.
  • Fixación dunha rede de taboleiros parroquiais para a mellora das comunicacións de actividades entre a veciñanza e o Concello ou asociacións e comisións de festas.
  • Obrigatoriedade dunha xuntanza anual con todas as asociacións do ámbito municipal.
  • Adquisición dunha carpa municipal e barra para as distintas verbenas coa fin de cedela ás comisións de festas ou asociacións para aforrar nas festas de verán.
  • Reforzamento e mellora da “Festa da filloa”. Proporcionarlle un enfoque máis amplo coa finalidade de atraer máis colectivos (xuventude, mocidade, etc) presentar contas (gastos e ingresos) e comezar os trámites para que sexa recoñecida como festa de interese turístico.
  • Posta en marcha dunha festividade que potencia e valore a vida no rural. Continuación da “Festa Rachada” e “Pequerrachada” con música tradicional, produtos ecolóxicos e recreacións históricas da vida na aldea ao xeito tradicional. Concurso e xogos populares, demostración de traballos artesanais así como tamén as recreacións históricas das antigas labores de traballala terra.
  • Continuar celebrando a “Noite de Esmorga” de forma anual e que serva para promocionar a hostalaría local da nosa vila.
  • Recuperación da Escola de Teatro municipal “Berenguela”, Equipo de Fútbol feminino, Campamentos Val de Barcala, e promoción e mellora da Escola de Música, Escolas Deportivas, Escola de Música Tradicional, Equipo de Fútbol de Veteranos, Equipo de Tenis de Mesa, Trail, Día do Deporte e Ruta BTT
  • Promoción e aposta pola festividade de entroido, mudando o actual formato de festival de entroido de forma que se popularicen os costumes e tradicións do noso Concello.
  • Mantemento da feira municipal e reforzamento da mesma.
  • Creación dunha festividade para os emigrantes en colaboración coa Unión Barcalesa de la
    Habana. Música, comida e obradoiros de memoria cos maiores do noso Concello.
  • Promoción do deporte municipal e estilos de vida activos. Mellora e acondicionamento das pistas deportivas, pavillóns e campos de fútbol. Propoñemos achegar á cidadanía todos os 8espazos deportivos do Concello a través dun programa de dinamización das instalacións deportivas. Asegurar que todas as parroquias teñas espazos deportivos ou recreativos para a práctica de exercicio físico.
  • Dada a baixa demanda na utilización do Pavillón de deportes de Lañas, darlle un novo enfoque. Valorar a creación de distintos espazos para ampliar a oferta deportiva do Concello: pistas de atletismo, pádel, petanca ou ximnasio municipal.

 4.3 Servizos sociais para a mocidade, persoas maiores e con discapacidades

  • Creación dunha comisión de traballo municipal para a atención sociosanitaria. O obxectivo será a de ofrecer unha atención global que integre a perspectiva social e a sanitaria (Coordinación servizos sociais e atención primaria de saúde). Tamén terá competencia para crear un plan de eliminación de barreiras arquitectónicas para persoas de mobilidade reducida.
  • Creación dun Programa de Envellecemento Activo por parroquias. Utilizando os locais sociais e o centro dos maiores durante todo o ano. Haberá actividades para traballar de forma periódica a actividade física, a memoria, obradoiros de aprendizaxe e de alfabetización dixital.
  • Establecemento dun plan municipal de persoas en risco de pobreza. Unha iniciativa que tomamos da “Rede Galega de Loita Contra a Pobreza” e que busca o máximo compromiso das corporacións municipais de Galicia para reducir o drama da exclusión social.
  • Servizos para a infancia e mocidade, facilidades para a conciliación familiar e os horarios laborais de nais e pais. Apoio e promoción do tecido asociativo no ámbito da mocidade.
  • Servizos á terceira idade, mellora da calidade de vida dos nosos maiores. Ampliación dos servizos municipais no ámbito lúdico, excursións, salóns de baile, concursos… Máis actividades no centro da terceira idade.
  • Creación do servizo de transporte adaptado. para normalizar as condicións de vida e facilitar a integración social das persoas que presenten dificultades de mobilidade. Servirá para desprazar a veciños/as con dificultades de mobilidade aos centros de saúde, hospitais, centros de día, facer a compra, realizar xestións con facenda, seguridade social, xestións municipais, acudir á perruquería… e demais actividades da vida cotiá.
  • Apoiar de forma decidida á Fundación de Discapacitados Psíquicos de Barcala e participar na Unidade de Atención Temperá para nenos e nenas de 0 a 6 anos con servizo de logopedia, terapia ocupacional ou reeducación funcional.
  • Esixencia ante os organismos competentes da mellora nos servizos do Centro de Saúde da Baña.
  • Melloras no Centro de Saúde da Baña para evitar o exceso de temperatura nos días de verán e na medida do posíbel mellorar a insonorización das consultas para asegurar a confidencialidade das relacións facultativo-paciente.
  • Dado que a asociación Anxiños e o Concello da Baña teñen un convenio asinado para a cesión da Reitoral de Monte, colaborar con devandita asociación para que ese acordo repercuta en políticas sociais e de emprego para a veciñanza.
  • Valorar a creación dunhas instalacións de ximnasio e/ou hidroterapia para goce da veciñanza en especial as persoas maiores do noso Concello.
  • Mellora na coordinación dos Servizos Sociais municipais co Centro de Saúde.

4.4 Servizos xurídicos e de asesoría

  • Creación dun servizo xurídico municipal e gratuíto para todos os veciños e veciñas. Oferta de servizos de xestión e planificación empresarial, no ámbito agropecuario, industria ou servizos.
  • Concelleiro de garda: unha persoa encargada diariamente de entregar as chaves dos espazos municipais (casa cultura, pavillóns, biblioteca, etc.) Terá a obriga de atender as urxencias e imprevistos que xurdan no Concello fóra do horario laboral fixado.
  • Asesoría para os veciños e veciñas que queiran revisar ou substitución de contratos coas grandes empresas enerxéticas, por contratos con distribuidoras alternativas.
  • Creación dun gabinete de psicoloxía municipal que traballe en coordinación cos centros educativos, servizos sociais municipais, centro dos maiores e Centro de Saúde.

4.5 Servizos de publicidade e información

  • Actualización e potenciación da web do Concello con fondos da UE para o desenvolvemento rexional, así como tamén da Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. Dar información actualizada e non partidista, gravacións de plenos, espazos para as asociacións e diferentes colectivos.
  • Non malgastar os cartos en empresas de publicidade, a web municipal, gabinete de prensa e redes sociais municipais será xestionada por persoal do Concello.
  • Darlle un novo enfoque á revista municipal. Abrila á información de todos os grupos políticos do concello que queira participar. Así como tamén abrila aos distintos colectivos e asociacións municipais.
  • Creación dun mapa municipal de soportes para publicidade de eventos, cursos, reunións, verbenas e información xeral e de importancia para os veciños. Este tipo de espazos terán unha importancia crucial para a mellora das comunicacións entre o Concello e os veciñas e veciñas polo que se terá especial coidado para mantelos sempre actualizados e situados alí onde se crean convenientes. Búscase con isto mellor a transparencia das actividades da corporación.

4.6 Transportes e infraestruturas interparroquiais

  • Finalización das políticas electoralistas do asfalto. Mellora cotiá dos accesos as nosas aldeas e as vías de comunicación interparroquiais.
  • Mellora da seguridade viaria nas estradas do Concello e mellora das marquesiñas de
    transporte.
  • Mellora da rede de saneamento, sumidoiros e mellora da iluminación nas aldeas.
  • Mellora das telecomunicacións (internet, Tv e móbil). Inconcibible que haxa parroquias que non teñan acceso á internet, cobertura móbil e bo sinal de televisión.
  • Plan de limpeza organizado e anual de todas as nosas vías de comunicación, núcleos rurais e rúas sen exclusión.
  • Proposta de mellora dos transportes metropolitanos con Santiago de Compostela e as vilas máis próxima. Creación en colaboración coa Xunta de Galicia dun servizo de transporte baixo demanda.
  • Elaboración dun mapa municipal de colectores de lixo, xunto a un plan de limpeza dos mesmos e aumentar o seu número situándoos naquelas aldeas ou zonas nas que sexa necesario. Dotar as parroquias de composteiros municipais, colectores de aceite doméstico, e de pilas.
  • Control do vertido incontrolado de lixo alí onde non sexan áreas especialmente destinadas ao tratamento de residuos. Se así se require reforzarase a rede de áreas e espazos destinados ó vertido de residuos por parte dos veciños e veciñas.

Os nosos compromisos

  • Compromiso 3

    Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipisicing elit, sed do eiusmod tempor incididunt ut labore et dolore magna aliqua. Ut enim ad minim veniam, quis nostrud exercitation ullamco laboris nisi ut aliquip ex ea commodo consequat.

    Read More!
  • Compromiso 5

    Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipisicing elit, sed do eiusmod tempor incididunt ut labore et dolore magna aliqua. Ut enim ad minim veniam, quis nostrud exercitation ullamco laboris nisi ut aliquip ex ea commodo consequat.

    Read More!
  • Compromiso 6

    Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipisicing elit, sed do eiusmod tempor incididunt ut labore et dolore magna aliqua. Ut enim ad minim veniam, quis nostrud exercitation ullamco laboris nisi ut aliquip ex ea commodo consequat.

    Read More!
  • Compromiso 7

    Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipisicing elit, sed do eiusmod tempor incididunt ut labore et dolore magna aliqua. Ut enim ad minim veniam, quis nostrud exercitation ullamco laboris nisi ut aliquip ex ea commodo consequat.

    Read More!
  • Compromiso 8

    En Compromiso por Galicia decidimos non participar nas deputacións. Queremos eliminalas!

    Read More!

Website Comments