Pregunta sobre a participación do Concello da Baña no programa Vivendas Baleiras.

No pleno do pasado 2 de febreiro de 2007 na quenda de rogos e preguntas o noso concelleiro César Ramos preguntou ao grupo de goberno se o Concello da Baña ía participar no programa “Vivendas Baleiras” froito do convenio entre a FEGAMP e o Instituto Galego de Vivenda e Solo que ten como finalidade destinar vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas.

http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/861

As vivendas que se incorporen a este programa terán aseguradas, por parte do IGVS e sen custe para os propietarios, as seguintes coberturas:

  1. Un seguro multirrisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos aqueles danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento.
  2. Un seguro da garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia e defensa xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impago de rendas, que inclúa como mínimo os honorarios de avogado e dereitos e suplidos de procurador, cando a súa intervención sexa preceptiva, gastos notariais e de outorgamento de poderes para preitos e gastos de execución procesual. A garantía do cobro das rendas impagadas non poderá superar o período máximo de doce mensualidades.

Estas coberturas serán efectivas durante o tempo en que as vivendas permanezan arrendadas ao abeiro deste programa.

Pensamos que este programa pode ser positivo no noso Concello e contribuír a que se asente poboación no noso municipio.