Pleno municipal con incidentes – Crónica do pleno do 2 de abril de 2019

Comeza a sesión puntual ás 14:00 horas coa asistencia de toda a Corporación Municipal; como xa é habitual, o concelleiro Manuel Tourís (PP) e a concelleira Margarita Suárez (PSOE) abandonan a sesión antes do remate da mesma. Ao final do pleno un veciño interrompe a sesión increpando e insultando  ao alcalde, polo que é expulsado e dáse por finalizada a mesma.

momento_plenoMomento do pleno

Antes de comezar gárdase un minuto de silencio en sinal de dolo polo recente pasamento de Manuel Fajín, exconcelleiro da Corporación Municipal e fundador da Asociación Veciñal “Nosa Terra” de Corneira.

A orde do día foi a seguinte:

convocatoria_pleno_marzo_abril_2019_recortada

1.- Sorteo de mesas para as eleccións a Cortes Xerais 2019

Realízase o sorteo a través da plataforma informática e co apoio visual dun monitor.

2.- Dar Conta das Resolucións do Alcalde

O alcalde explica que as resolucións estiveron a disposición dos concelleiros e concelleiras.

3.- Dar Conta da aprobación da liquidación do orzamento 2018

O secretario explica os seguintes datos:

  • Remanente Líquido de Tª Total…………… 842.340,55 €
  • Saldos de dubidoso cobro…………………….. 37.848,61 €
  • Exceso de financiación afectada…………….. 541,38€
  • Remanente Líquido de Tª para gastos xerais….803.950,56€

4.- Rogos e preguntas:

 IMG_20190402_134928549César Ramos momentos antes do pleno coa camiseta reivindicativa do 2 de abril, Día Mundial da Concienciación do Autismo

O noso concelleiro César Ramos procede a expoñer os rogos e preguntas de CxG:

“Como é o último pleno ordinario da lexislatura, non vou facer aquí un listado de peticións ou de preguntas como fixen en todos os plenos da lexislatura, sería algo inútil solicitar actuacións agora cando só restan dous meses de lexislatura e non se fixeron en catro anos, ademais sei que estades liados con tanta obra polas parroquias e a cuadrilla municipal sei que non dá feito estes días.

A min gustaríame que se celebrara un pleno extraordinario para valorar o traballo desenvolvido polo grupo de goberno e o estado actual do municipio pero non é algo que adoita facer este grupo de goberno. Debe ser por deformación profesional, ao dedicarme ao ensino que me gusta avaliar ao final o traballo desenvolvido.

“Gustaríame que me contestarades cuestións sobre o voso traballo durante estes 4 anos e o motivo polo que non cumpríchedes o prometido”

Entón tratarei de facer unha serie de preguntas previas sobre as respostas do anterior pleno, outras que me solicitan os veciños e veciñas e despois a través de rogos e preguntas tratar de que contestedes aspectos relacionados co voso traballo político nestes 4 anos”.

CONCRECIÓN ÁS RESPOSTAS DO ANTERIOR PLENO:

  1. Non respondedes nada ás preguntas número 2 (sobre as Xuntas de Goberno), 3 (respecto á piscina municipal), 5 (motivo polo que se excluíu da revista municipal o noso artigo) e 6 (sobre os calendarios, preguntamos oi motivo). Solicitamos resposta e concreción a estas preguntas e o motivo polo que non foron contestadas.
  2. Na pregunta número 11 credes que é normal responder “creo que se fixo coa intención dos agasallos para as persoas que o necesitan…”. Esiximos respostas obxectivas, a alcaldía non pode contestar que “cre algo” cando pode comprobar obxectivamente a resposta a nosa pregunta.
  3. A vosa resposta á pregunta 21, na que solicitamos unha homenaxe ou recoñecemento aos nenos e nenas da Baña que están acadando éxitos deportivos, é “Non queirades apropiarvos de certos valores que non vos corresponden”. Volvemos esixir seriedade e concreción das respostas. A que vos referides?
  4. Na pregunta 24 sobre a “unidade de atención temperá” dicides que se asinou un convenio co Concello de Santa Comba, cando no propio pleno diciades que non había nada asinado. Podedes concretar a resposta? En que consiste o servizo de atención temperá?
  5. Na pregunta 25 non respondedes ao que se vos pregunta. Que tipo de relación contractual hai coa empresa ATENDO CALIDADE. É evidente que non pode ser un contrato menor, cando vós xustificades o pago de case 48.000 euros.
  6. Na resposta 27 sobre o convenio con El Correo Galego polo que se paga 600 euros mensuais non especificades que tipo de convenio. É necesario gastar 600 euros mensuais?
  7. Na pregunta 31 non especificades se se solicitou a subvención á Consellería de Cultura e Turismo. Pedimos que se nos confirme se se solicitou ou non.

 

ROGOS E PREGUNTAS CORRESPONDENTES A ESTE PLENO

  1. Non recibimos o convenio co asociación ANXIÑOS para a cesión da Reitoral de Monte que no anterior pleno me comentáchedes que ía ser enviado. Solicitamos que nolo facedes chegar canto antes.
  2. Queremos saber que se vai facer coa pegada de carteis na campaña electoral? Solicitáchedes os taboleiros para cada parroquia e imos normalizar a pegada de carteis cun acordo con todos os partidos tal como solicitamos ou imos encher marquesiñas, colectores e mobiliario do Concello de carteis electorais?
  3. Respecto ao patio de infantil do CPI de S. Vicente solicitamos que, mentres non se execute o proxecto de mellora do patio escolar (25.000 euros) xa que a alambrada que está arredor da porta non está moi segura e pode ser perigosa ao haber nenos e nenas nese espazo, se coloque de forma axeitada. Cando tedes pensado comezar as obras?
  4. Respecto ao festival de entroido queremos saber o motivo polo que non se incrementaron os premios do concurso. Tamén se se “facilitou un local que cubrira as necesidades básicas para poder elaborar os traballos de construción das carrozas” e se “subvencionou no posible os desprazamentos das carrozas” . Todos eses puntos foron aprobados por moción.
  5. Gustaríanos saber o motivo polo que o escrito que eu mesmo asinei e entreguei solicitando que o Concello da Baña participara na edición da Guía do Camiño de Santiago a Muxía, xunto ca proposta da Editorial Alvarellos non me foi contestado a min cando son eu o que a entrego e asino.
  6. Cal é o motivo polo que non se nos contestou á solicitude entregada por rexistro o 15 de marzo pola que pediamos a cesión da Casa de Cultura da Baña para organizar a presentación dun libro o pasado venres.
  7. Queremos saber se houbo algún problema cos recibos de cobro ás familias dos nenos e nenas do PAI. Coméntannos que en febreiro non os pasaron e en marzo pasaron dous xuntos.
  8. A veciñanza de Troitosende trasmítenos que non está moi satisfeita co resultado final da actuación de pavimentación, xa que xa se están formando pequenas fochancas, as xuntas quedaron irregulares, non están ben rematado os límites cas cunetas e en varios tramos ten menos ancho do sinalado no proxecto. Queremos saber se o grupo de goberno está supervisando a obra e se ese é o resultado final da actuación.
  9. Queremos saber o motivo polo que se “suspendeu” (ou se aprazou 7 meses mellor dito) a ruta BTT. Hai diferentes rumores dos motivos pero dende o Concello non se especificou publicamente.

“Se queredes podedes crear unha páxina web ou perfil de Facebook do PP e publicades o que queirades, incluso podedes pagar tamén 500 euros mensuais a unha empresa para que vola xestione pero non cos cartos de todos e todas”

10. Solicitamos que nunca máis, baixo ningún concepto se volva utilizar a páxina web municipal nin as redes sociais oficiais para declaracións políticas de ningún tipo. Non poden aparecer titulares na web municipal do tipo : O alcalde da Baña acusa aos socialistas de usar a “política do barullo e da confusión” sobre o parque eólico de Troitomil”. (Se queredes utilizar as redes sociais para facer política podedes crear unha páxina web ou un perfil de Facebook do PP e publicades o que queirades, incluso podedes contratar a unha empresa para que vola xestione pero non con cartos públicos).

11. Respecto a revista municipal queremos saber o motivo polo que se repartiu unha nova publicación nos últimos días, cando antes só se repartía a comezos de ano. Por que dicides textualmente “a representación bañesa na organización da Vía Mariana está formada polo Concello e a Asociación Cultural Lumieira”? De onde saeu iso? Entendo que se poida dicir da promoción do Camiño a Muxia pero na Vía Mariana o colectivo que representa á Baña é COMPROMISO POR GALICIA. Respecto a isto tamén pediría que antes de escribir artigos deste tipo se non sabedes que preguntedes para informarvos antes. A Vía non pasa polo santuario de Corneira, a editorial non é Albarrellos nin Albarellos (con b) a portada da guía é dun veciño da Baña e nin o mencionades non sei se foi invitado, polo menos, ao acto de presentación. E por suposto que antes de publicar pase polo servizo de normalización lingüística do Concello que para algo o temos.

12.Relacionado con isto quería dicir que é a primeira vez que vou á presentación dun libro (neste caso a Guía do Camiño a Muxía que se celebrou en Seoane), que no propio libro se diga que é froito do traballo, entre outros, dun colectivo do Concello da Baña (A Asociación Lumieira), e que o alcalde dese municipio na súa intervención nin o mencione. Sendo unha total falta de respecto aos colectivos da Baña. Queremos saber o motivo porque o alcalde da Baña obviou ese nome.

13. Solicitamos copia dos seguintes proxectos das solicitudes de subvención: “Reforma e mellora da Praza das Escolas Vellas” (48.394,18 euros) á Consellería de Medio Ambiente, “A Baña, Ruta Mariana, un punto do Camiño de Santiago (48.305,12 euros) á Axencia de Turismo de Galicia e o proxecto “A Baña Dixital” á Consellería de Política Social.

 “Como mestre sempre recomendo levar a materia ao día, se se deixa todo para o último día acumúlase o traballo e acabase suspendendo”

E xa para rematar a miña última intervención nun pleno ordinario, como ao alcalde ten feito referencia á miña profesión ao longo da lexislatura, quero dicir que eu como mestre que son sempre recomendo levar a materia ao día, se se deixa todo para o último día acumúlase o traballo e acabase suspendendo. Non sei se o grupo de goberno vai cumprir todo o prometido neste escaso tempo que queda (en precampaña pasan sempre cousas moi raras). Vouvos preguntar agora por cousas que prometéchedes e gustaríame que nos contestarades o motivo polo que non se cumpriu o prometido até o de agora (algunhas se cito todas estaríamos aquí todo o día), espero que estas preguntas sexan contestadas antes de que remate a propia lexislatura.

A actualización da páxina web, levamos toda a lexislatura demandando actualizar os contidos da páxina e aínda hai contidos en construción (levan anos así): as fotos dos concelleiros/as que tanta presa houbo por sacalas no 2016, apartados de economía, casa de cultura, escola infantil de Lañas, CPI de S. Vicenzo, ao listado de asociacións continúa sen actualizar (nalgunha está de responsable xente que hai case 10 anos que faleceu), apartado de trámites, e un largo etcétera.

O camiño de acceso a unha vivenda de Suevos con referencia catastral 9605401NH1690N que en xaneiro de 2018 a unha pregunta de CxG se nos contestou “xa foron comprobar esta situación e procederase ao arranxo desde o asfaltado ata a entrada da vivenda para que sexa unha entrada digna”. O 31 de xaneiro volvemos entregar outro escrito e polo de agora nada. Non sei se terá  algo que ver que a xente desa casa non estea empadroados na Baña e non voten aquí.

Os famosos desfibriladores que estaban pedidos á federación no 2017, un ano despois pedidos á deputación e a día de hoxe seguen sen chegar. Ao grupo de goberno non lles debe parecer importante.

A numeración das vivendas que en setembro de 2017 nos diciades “Queremos que nos entreguen para finais de setembro aquelas que teñan o traballo de campo feito. Se para finais non o entregaron, tomaremos as medidas oportunas”.E despois que a empresa PROCAR aínda non entregara nada e que iades cambiar de empresa. A numeración segue incompleta e a veciñanza con problemas para recibir as cartas.

A retirada do amianto dos edificios públicos que tamén está aprobada a moción, segue sen facerse. Non hai máis que ir ao campo de fútbol para observalo.

A ordenanza municipal que regule a pegada de carteis e a actualización de moitas outras ordenanzas que están desfasadas.

Os colectores de aceite que tamén estaban pedidos á Fundación Amigos de Galicia e que en novembro de 2018 diciades “O pasado mércores estivo unha empresa de colocación de colectores conxuntamente co xerente da FAG (Fundación Amigos de Galicia) para comprobar onde instalar os ditos contedores”.Instaláronse xa ou vaise facer neste ultimo mes?

Celebrar o dia Mundial das Enfermidades raras (28 de febreiro) que estaba aprobado por moción.

Os espellos das diferentes parroquias que hai tres anos prometéchedes que se ían renovar e en moitos lugares seguen igual.

O cartel da ruta de sendeirismo de Troitosende que prometéchedes cambiar en setembro de 2016.

Informatizar o rexistro da axencia de lectura municipal, que en maio de 2016 xa dixemos que era algo fundamental e debido a non cumprilo se perderon varias subvencións.

A sinalización con pictogramas dos lugares públicos que está aprobada por moción en xullo de 2018 e que solicitamos que se valorara participar no proxecto de Accesibilidade nos Concellos Galegos da Federación de Autismo Galicia.

A simboloxía fascista segue en varias fontes do Concello da Baña cando no 2016 dixéchedes que iades estudar o tema para cumprir a lei de memoria histórica.

A homenaxe aos represaliados da época franquista que solicitaba a Asociación Cultural Afonso Eanes que prometéchedes que se ía facer antes de finalizar a lexislatura.

A homenaxe a José Manuel Pose Antelo no 20 aniversario do seu falecemento que solicitamos (14 de marzo de 2019) e dende a alcaldía se dixo textualmente: “Da persoa de José Manuel Pose podo dicirche que fixo moito pola veciñanza e polas asociación da Baña; incluso sei que colaborou gratuitamente en temas para o Concello” tamén o comentou a exconcelleira de cultura na presentación da Guía do Camiño. Pero nin unha soa mención por parte do Concello no 20 aniversario da súa desaparición.

CON RESPECTO AO VOSO PROGRAMA ELECTORAL DO 2015

  1. Con respecto á COMISIÓN DA MULLER se tanta importancia lle dades no voso programa electoral por que só se reuniu a comisión informativa só unha vez na lexislatura? Se un dos puntos desta comisión é “Fomentar campañas de concienciación da importancia da igualdade entre a poboación” qué campañas de concienciación fixéchedes? porque votáchedes en contra da que propuxemos nós?
  2. Con respecto á COMISIÓN DE XUVENTUDE E DEPORTES poñedes “consolidar o deporte feminino” e desapareceu o deporte feminino do Concello da Baña e “Achegar o deporte ás 15 parroquias do noso Concello” e despois de 24 anos gobernando aínda hai unha parroquia que non dispón de pista polideportiva, parque infantil ou zona de deporte e ocio. Cal é o motivo?
  3. Con respecto á COMISIÓN DE CULTURA, EMPREGO, SERVIZOS SOCIAIS E EDUCACIÓN poñedes un punto que di “poñer en marcha o Fogar Residencial de Monte” algo que evidente non cumpríchedes e ademais xa sabiades que era imposible cumprilo porque a lexislación, segundo vós, non o permitía. “Manter o obradoiro de teatro” e desapareceu. Cal é o motivo? Que actuacións se fixeron para cumprir este punto do programa?
  4. Con respecto a OBRAS E INFRAESTRUTURAS prometéchedes “desenvolver o polígono industrial” (xa no 2011) e en 8 anos non se fixo nada. Cal é o motivo?

No momento do debate posterior, cando tiña a palabra o concelleiro de CxG, César Ramos, un dos veciños asistentes á reuniòn plenaria interrompeu a sesión dando voces e insultando gravemente ao alcalde polo que, o rexedor bañés, adoptaría a decisión de expulsar a esta persoa do pleno e dar por finalizada a sesión.

foto_pleno_interrupcionMomento do pleno no que se interrompe a sesión.

Desde Compromiso por Galicia, queremos transmitir o noso completo rexeitamento ante calquera tipo de manifestaciòn intolerante ou actitudes que evidencien a falla da consideración e respecto ás persoas que conforman a corporaciòn municipal, sexa cal sexa a súa cor política.

Porén, queremos subliñar que feitos como os acontecidos nesta sesión non deben ter cabida en ningún acto da Corporación Municipal, entendendo que o respecto, a cordialidade e o diálogo deben de estar por riba de calquera cuestión ou circunstancia, e ser uns valores innegociables.

Ninguén ten dereito a insultar e perdelas formas dese xeito no transcurso dun acto cívico, máis aínda, cando se trate dun organismo de representación formal como o pleno da Corporación Municipal.

.