Petición de explicacións sobre a eliminación dos campamentos Val de Barcala

A nosa agrupación pediulle explicacións ao alcalde para coñecer por que este ano non haberá campamentos Val de Barcala tras máis de 40 anos realizándose sen ningunha interrupción. Queremos saber se polo menos houbo a tentativa de facelos. Desde Compromiso por Galicia – A Baña non damos creto que dun ano para outro se deixe de ofertar esta actividade de tanta tradición e referente na nosa comarca.

Tamén solicitamos que as actividades de verán que ofrece o noso concello non se solapen unhas a outras, como ocorre co campus multideportivo e o campamento urbano. A pesar das diferenzas patentes entre ambas concellarías debería primarse sempre a programación de actividades a favor dos intereses da veciñanza, buscando a maior participación desta, e impedir as contraprogramacións de actividades do concello. Canta máis xente poida asistir, mellor!

Instancia  presentada no rexistro o 23 de xuño no Concello da Baña


D. César Ramos Domínguez en calidade de concelleiro de COMPROMISO POR GALICIA

EXPÓN

Que o pasado 18 de xuño no xornal “La Voz de Galicia” publicaba unha nova referente ao veciño Concello de Negreira e onde di textualmente “este verán o municipio vai quedar sen una soa praza na oferta de campamentos concertados de verán, algo inaudito nos moitos anos que Negreira leva programando esta actividade, que conta cunha alta participación”, achacando a responsabilidade desta ausencia de prazas á Xunta de Galicia.

O concellaría de Xuventude e Deportes do Concello da Baña vén de anunciar nos últimos días un “Campus multideportivo” que terá lugar no noso Concello na primeira quincena de agosto en horario de 8:30 h. a 20:30 h.; así como, igual que anos pasados, na páxina web municipal vén anunciado o “Campamento lúdico-deportivo” e o “campamento urbano” en horario de 9:00 h. a 14:00 h. nos meses de xullo e agosto respectivamente.

Polo que entendemos que este ano por primeira vez dende 1975 o Concello da Baña fará unha modificación da programación de actividades infantís e xuvenís e non ofertará o tradicional “Campamento Val de Barcala” no que os nenos e nenas da Baña levan gozando máis de 40 anos supoñendo unha estancia de varios días de duración e onde as crianzas realizaban distintas actividades deportivas e culturais nun entorno natural costeiro acompañados de monitores ou monitoras con titulación. E que tamén foron importantes para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar dos veciños e veciñas.

Aínda que xa sabemos que nos últimos anos por diferentes motivos os “Campamentos Val de Barcala” deixaron de organizarse conxuntamente co veciño Concello de Negreira e perderon os valores de convivencia entre os dous Concellos da comarca do Val de Barcala, sí que conservaron valores como a defensa do medio ambiente, a convivencia entre iguais, o respecto, a tolerancia, a responsabilidade, o desenvolvemento persoal, e un largo etcétera, sendo unha das actividades infantís e xuvenís con máis arraigamento e tradición no noso Concello.

É de sobra coñecida a importancia e popularidade que tiveron os “Campamentos Val de Barcala” na Baña durante xeracións e iso vese reflectido no seguinte fragmento dunha nova publicada no ano 2012 no mesmo xornal xa citado:

“Durante todos estes anos os campamentos Val de Barcala supuxeron o mellor exemplo de espírito social e a convivencia na unión comarcal da Baña e Negreira. Miles de mozos formaron parte da historia dunha actividade que se converteu en todo un referente e que aínda hoxe perdura no tempo con puntos de encontro cun perfil de Facebook, onde se intercambian fotografías para o recordo de quen eran nenos e pasaron a ser monitores”.

Por todo o mencionado

SOLICITA

  1.  Que se explique porque este verán non se ofertan os tradicionais “Campamentos Val de Barcala”, e se a Xunta de Galicia, tal como di a nova, é a responsable de non ceder prazas nos campamentos para os nenos e nenas da Baña a diferenza de outros anos, solicitamos, se aínda non se fixo, que se emita a correspondente queixa a este organismo responsable.
  2. Que aos horarios das actividades de verán ofertadas polo Concello na medida do posible non se solapen para que todos os nenos e nenas poidan gozar delas e que aínda que participen monitores/as voluntarios ou voluntarias que sexan tutelados en todo momento por persoal coa titulación e formación axeitada.
  3. Que en vindeiros anos se trate, novamente, de ofertar os tradicionais “Campamentos Val de Barcala” por ser unha actividade referente na comarca e idónea para o lecer e formación dos máis pequenos e pequenas.

Así mesmo ofrezo a miña colaboración e ao do grupo que represento para calquera asunto relacionado con estas actividades.

Sen máis, reciba un cordial saúdo.

A Baña, 23 de xuño de 2016

D. JOSÉ ANDRÉS GARCÍA CARDESO (ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DA BAÑA).


 

UNHA MOSTRA AUDIOVISUAL DO QUE SON OS CAMPAMENTOS VAL DE BARCALA