Pedimos explicacións polos pagos efectuados a unha empresa en concepto de “Xestión de redes sociais”

O alcalde da Baña, en resposta a unha pregunta de CxG no pleno de maio de 2017, confirmaba que o Concello da Baña non contratara ningún persoal para a xestión das redes sociais, confirmando o señor alcalde que esa tarefa era desempeñada por persoal laboral do Concello.

facebook

Nos antecedentes do pleno do pasado de 28 de marzo atopamos unha factura por un importe de 484 euros da empresa “ALICENTIS S.L” en concepto de “Servizos de gabinete de comunicación e xestión de redes sociais durante o mes de decembro de 2017”. Por iso preguntamos no devandito pleno qué servizo se corresponden a ese gasto.

Quere dicir que o Concello da Baña paga case 500 euros ao mes a unha empresa privada para xestionar as redes sociais e o servizo de prensa?

Se pagamos esa cantidade de cartos, por que a páxina web do Concello segue desactualizada, nalgúns apartados desfasada ata 9 anos?

É necesario gastar esa cantidade de cartos ao mes por un servizo que noutros Concellos é realizado por persoal do propio Concello?

Mentía o señor alcalde cando afirmaba que non había ningunha empresa contratatada para realizar estas tarefas?

Queremos respostas a estas preguntas por iso solicitamos un informe de intervención no que conste o tipo de servizo desenvolvido pola empresa “Alicentis S. L.” no Concello da Baña, a relación contractual coa mesma e as facturas pagadas ou pendentes de pago coa devandita empresa, a través da seguinte instancia:

César Ramos Domínguez con DNI. XXXXXXXXXXX en calidade de concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente

 

EXPÓN

  1. O artigo 77 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, recoñece o dereito dos membros das Entidades Locais a obter do Alcalde cantos antecedentes, datos ou información obren en poder dos servizos da corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función.
  2. Para poder fiscalizar os órganos de goberno municipais, no exercicio da súa función, precisa dispoñer dalgúns datos e informacións que requiren da autorización da Alcaldía, xa que están excluídos do acceso libre á información a que se refire o artigo 15 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.

 

SOLICITA

– Informe de intervención no que conste o tipo de servizo desenvolvido pola empresa “Alicentis S. L.” no Concello da Baña, a relación contractual coa mesma e as facturas pagadas ou pendentes de pago coa devandita empresa.

 

 

A Baña, 2 de maio de 2018

JOSÉ ANDRÉS GARCÍA CARDESO (ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DA BAÑA).