Os orzamentos municipais do exercicio 2017 son aprobados co voto en contra de Compromiso por Galicia

Ás 14:00 horas de hoxe comezaba o pleno extraordinario cun único punto na orde do día: orzamento xeral exercicio 2017 e coa asistencia de todos os concelleiros e concelleiras da Corporación.

Os orzamentos son aprobados co voto favorable do PP e o voto en contra de PSOE e Compromiso por Galicia.

O noso concelleiro, César Ramos, argumentou que aínda que o alcalde di que é o pleno máis importante do ano, a nivel práctico de nada vale o que diga ou vote a oposición, a celebración deste pleno é simplemente un requisito legal, xa que coa maioría absoluta do grupo de goberno os orzamentos van ser aprobados si ou si.

César Ramos fixo ademais unha valoración dos gastos e ingresos dos orzamentos indicando que os gastos de persoal (soldos dos traballadores) é un 29% do orzamento total. É dicir case un terzo dos gastos é para pagar a traballadores/as.

“É dicir de cada 100 euros, 29 son para pagar salarios, dos cales case 2 (1,6) son para pagar os cargos políticos”

Ramos tamén fixo alusión a gastos dubidosos como os 8.000 euros en vestiario, 18.500 en material de oficina ou 38.500 euros en indemnizacións, indicando que as partidas de gastos deberían versereflectidas nunha mellora xeral do noso Concello e lamentablemente non é así.

“Xa que a día de hoxe vemos  o de sempre: que a poboación segue a baixar, a taxa paro non mellora, os servizos culturais van a menos, as parroquias seguen sen saneamento, etc.”

Con respecto aos ingresos fixo alusión ás taxas que se pagan por actividades deportivas que non se corresponden coas cantidades que figuran nos orzamentos, así como que non aparecían reflectidas as cantidades correspondentes ás actividades culturais que até o de agora se pagaban de forma ilegal “en man” no despacho da concelleira. Aspecto que xa criticara Compromiso por Galicia noutro pleno ordinario.

Polo tanto, o noso concelleiro conclúe que Compromiso por Galicia non vai apoiar eses orzamentos municipais que non benefician para nada o desenvolvemento do Concello da Baña.

A continuación adxuntamos unha táboa cun resumo dos gastos e ingresos dos orzamentos que se aprobaron de forma provisional e estarán ao servizo da veciñanza para consulta pública.

  1. Estado de gastos:
CAPÍTULO DENOMINACIÓN EUROS
1 Gastos de persoal 996.291,18
2 Gastos de bens correntes 1.174.400,00
3 Gastos financieiros 3.000
4 Transferencias correntes 80.000
TOTAL ORZAMENTO DE GASTOS 3.435.255,12

 

  1. Estado de ingresos
CAPÍTULO DENOMINACIÓN EUROS
1 Impostos directos 601.000
2 Impostos indirectos 30.000
3 Taxas e outros ingresos 292.910
4 Transferencias correntes 1.669.458,85
5 Ingresos patrimoniais 1.600
6 Alleamento de inversións reais 10.000
7 Transferencias de capital 617.970,27
9 Pasivos financeiros 212.316,00
TOTAL ORZAMENTO DE INGRESOS 3.435.255,12