O PSOE DA BAÑA REXEITA A PROPOSTA DE PACTO DE COMPROMISO POR GALICIA

A formación galeguista nunha xuntanza celebrada na xornada de onte cos representantes da agrupación socialista da Baña, foi informada de que non foi aceptada a súa proposta de pacto de coalición bianual.

IMG_20190629_094858087David Gontán e César Ramos momentos antes do pleno de organización

O secretario local de Compromiso por Galicia A Baña, César Ramos, vén de dar a coñecer que na noite de onte reuniuse co alcalde socialista, o señor José Antonio Pereira, e foi informado de que o PSOE non ve viable aceptar a proposta de pacto de Compromiso por Galicia, na que se ofrecía un pacto de goberno progresista con alternancia bianual na alcaldía.

O actual rexedor argumentou que despois de manter unha xuntanza coa afiliación da formación socialista o pasado domingo e somentendo a votación a decisión de aceptar ou non a proposta de pacto da agrupación galeguista, decidiu, finalmente, rexeitar devandito pacto de progreso.

“A fórmula que ofrecemos é beneficiosa para ambas formacións e favorecería un traballo conxunto a prol da veciñanza”

César Ramos, secretario local de CxG A Baña, mostrou a súa insatisfacción coa decisión adoptada polo PSOE da Baña, xa que para el esa forma de pacto é “o máis lóxico e a mellor opción para A Baña no contexto político que actualmente se atopa o municipio barcalés”. Unha proposta similar xa fora trasladada ao PSOE bañense antes da investidura e dende CxG volve propoñerse neste momento coa finalidade de avanzar na estabilidade do goberno. A proposta ofrecida é “unha fórmula beneficiosa para ambas formacións e que favorecería un traballo conxunto a prol da veciñanza da Baña”.

“A decisión do PSOE de rexeitar un pacto é nefasta para os intereses da cidadanía”

O mandatario socialista da Baña asemade informou á agrupación local liderada por Ramos da negativa da súa formación a negociar calquera tipo de cesión da alcaldía, aspecto que CxG valora como unha decisión  “nefasta para os intereses da veciñanza da Baña”. O PSOE comunicou que para facilitar a integración de CxG no grupo de goberno está disposto unicamente a ofrecer unha dedicación remunerada a maiores para un concelleiro de CxG, algo que dende a formación verde rexeitaron con rotundidade “esa medida non é útil para crear un pacto real e só serviría para aumentar o gasto”, ademais engadiu “demostramos que o noso obxectivo nunca foi económico, se así fora, de seguro que a decisión que adoptamos na investidura sería distinta”.

“CxG non é o responsable da inestabilidade actual do goberno”

César Ramos incide en que “CxG non é o responsable da inestabilidade actual do goberno, nós xa facilitamos o cambio na investidura e propoñemos outra vez un pacto de alternacia na alcaldía para dar estabilidade“, poñendo o foco en que CxG só conta con dous concelleiros nunha corporación de once e a súa proposta é de novo rexeitada polo grupo socialista.

César Ramos e David Gontán continuarán na oposición

Finalmente, a agrupación galeguista destacou que, dadas as circunstancias actuais e de que o PSOE non quere realmente un pacto de goberno en igualdade de condicións, continuará, como até de agora, co seu traballo de fiscalización municipal na oposición.

 

A Baña, 23 de xullo de 2019