O PP da Baña adxudica no que vai de lexislatura máis de millón e medio de euros “a dedo”

montaxe_contratacion_sen_publicidade

O goberno do PP da Baña adxudicou (segundo os datos ofrecidos no perfil do contratante en www.contratosdegalicia.es), entre xuño de 2015 e outubro de 2017, un total de 1.552.908,75 euros a través da adxudicación de 30 obras por procedemento negociado sen publicidade, ou o que é o mesmo, a adxudicación “a dedo” a empresas escollidas polo grupo de goberno. Nesta cantidade exclúense os contratos menores que non aparecen no perfil do contratante, xa que o noso grupo político non tivo acceso aos mesmos, se se incluíran esa cantidade aumentaría substancialmente.

Aínda que a lei permite este tipo de contratacións, este procedemento de adxudicación de contratos autoriza ao PP a invitar só ás empresas que eles queiran no canto de darlle publicidade e abrir posibilidades entre todas as empresas interesadas, é dicir,  na maioría de contratos do Concello da Baña non se consegue a oferta máis vantaxosa economicamente e dá pé a que o goberno municipal adxudique obras a empresas “amigas”, prexudicando claramente ás pequenas empresas non afíns ao grupo de goberno.

A publicidade nos procedementos de contratación repercute en maiores posibilidades de conseguir a oferta máis vantaxosa e abrir o abano de posibilidades a diferentes empresas. Segundo os datos do perfil do contratante, o Concello da Baña adxudicou mediante o procedemento negociado con publicidade 0 euros.

É evidente que o Concello non ten a obriga de dar publicidade mais alá do que marca a lei pero si debe tratar de dar máis garantía de transparencia aos procedementos, tal como explica Guillermo Yáñez Sánchez (licenciado en dereito e experto en contratación pública):

“Sen publicidade da licitación, non haberá verdadeira concorrencia entre os empresarios que queiran facer negocio, sen esa concorrencia non haberá libre competencia e sen competencia, as posibilidades de seleccionar a mellor oferta serán moi remotas”.

Sen publicidade facilítase que poidan existir casos de favoritismo a determinadas empresas, ou polo menos que a veciñanza dubide da transparencia dos procedementos, xa que a obrigatoriedade de concorrencia de polo menos tres empresas non garante a transparencia do mesmo (sacado de http://www.contratacionpublicacp.com).

Manifestamos, polo tanto, que os sistemas de adxudicación empregados no Concello da Baña son discriminatorios, ao impedir que todas as empresas interesadas en traballar coa administración pública poidan facelo en igualdade de condicións.

Ademais a información transmitida á veciñanza respecto aos procedementos é en moitos casos deficiente. Por exemplo, na páxina web do Concello nos apartados de “contratación”, “trámites” ou “xestións” non aparece ningunha información referente á contratación, e están dende que se creou a páxina “en construción”.

Atopamos no perfil do contratante, tamén, algunha información errónea. Por exemplo para a contratación do proxecto “Instalación dunha caldeira de pellet no Centro de Saúde” o tipo de procedemento é un negociado sen publicidade (como se pode observar na primeira foto), pero máis adiante dise que é un procedemento con publicidade.

Sin título-1 clausulas administrativas contrato-6

Para facernos unha idea das empresas contratadas polo grupo de goberno empregando este sistema tan inxusto de adxudicación de negociado sen publicidade podemos observar a seguinte gráfica, publicada no 2015 na nosa páxina web, onde aparecen as cantidades pagadas a cada empresa en toda a pasada lexislatura. Como se pode apreciar o 69 % da cantidade total de toda a lexislatura é repartido tan só entre 4 empresas. Significativo que “case sempre” sexan contratadas as mesmas empresas.

Empresas-contratadas--1000x635

Por todo o mencionado, e coa inminente entrada en vigor da Lei 9/2017 de contratos do sector público o vindeiro 9 de marzo, dende Compromiso por Galicia A Baña propoñemos que con carácter xeral os contratos de obras se realicen por procedementos que inclúan publicidade, evitando as adxudicacións directas e os negociados sen publicidade, estendendo a práctica a todos aqueles contratos que pola súa contía non estean na obriga por lei de facerse deste modo, así mesmo plantexamos a publicación de todos os contratos sen excepción, a publicación dun extracto anual de pagos a cada empresa e que todos os grupos estean representados nas mesas de contratación, con voz pero sen voto, para unha fiscalización efectiva e unha transparencia real nos procedementos de contratación.