O concello devolverá parte do abono da piscina grazas a nosa agrupación

O Concello da Baña devolverá parte do abono mensual a cada abonado ou abonada á piscina municipal por cobros indebidos.

Compromiso por Galicia da Baña en sesión plenaria ordinaria insta ao grupo de goberno a cumprir con rigor a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización das instalacións deportivas.

Redacción, 3 de agosto. O pasado mércores 29 de xuño tivo lugar o pleno ordinario do concello da Baña, onde Compromiso por Galicia, a través do seu concelleiro César Ramos, presentou unha moción para reclamar que non se está a cumprir de forma sistemática a ordenanza municipal referente ao aluguer e pago de taxas das instalacións deportivas municipais.

Segundo Ramos, non se está permitindo reservar os pavillóns municipais a través do concello e non permiten pagar as taxas nas entidades bancarias ademais de que as cantidades que se cobran tanto polo aluguer dos pavillóns como polo abono mensual da piscina municipal non son as que indica a citada ordenanza municipal.

O alcalde García Cardeso manifestou publicamente na sesión plenaria que se tentará cumprir con mais rigor a mencionada ordenanza fiscal e que chamarán a todos os abonados e abonadas á piscina municipal para devolverlles os 5 euros cobrados de forma indebida, xa que polo abono mensual cobróuselle aos veciños e veciñas 25 euros cando a devandita ordenanza marca 20 euros por persoa e mes e 30 euros polo abono familiar (matrimonio e ata dous fillos).

Compromiso por Galicia xa informara deste problema o 14 de abril do ano 2014, hai xa máis dun ano, pero ao non ter naquel momento representación na corporación municipal as súas demandas non se tiveron en conta.

Ademais do relacionado coas instalacións deportivas, Compromiso por Galicia da Baña tamén instou á corporación municipal a que os respectivos grupos políticos retiraran canto antes os carteis electorais das pasadas eleccións municipais, xa que en palabras de César Ramos “contribúen á contaminación medioambiental e visual e dan pé a que as comisións de festas peguen os seus carteis en calquera lado”. Outras peticións da agrupación galeguista foron: o arranxo de diferentes fontes e tubaxes en mal estado, a explicación por parte da xunta de goberno das xestións referentes á estrada de Corneira e a postura municipal adoptada con respecto ás mobilizacións de apoio ao sector lácteo.

Foi esta a primeira sesión plenaria que Compromiso por Galicia gravou en vídeo e ten o compromiso de divulgar ese material a favor do dereito á información dos cidadáns e cidadás da Baña. A lexislación actual permite a gravación e divulgación da información dos plenos a través da rede ou calquera medio de comunicación; e existen sentenzas xudiciais que amparan o dereito de calquera cidadán ou cidadá a gravar os plenos municipais. “Cremos que os veciños e veciñas da Baña teñen dereito a coñecer o que ocorre nesas sesións plenarias que consideramos que se celebran nun horario que imposibilita a asistencia da xente”, manifesta o concelleiro.