O Concello da Baña difunde unha enquisa para maiores carente de rigor, responsabilidade, ética e incumprindo a Lei de Protección de Datos.

No mes de agosto, o Concello da Baña publica unha nova na páxina web oficial e no Facebook buscando veciños ou veciñas de máis de 55 anos para participar nun proxecto de voluntariado sénior. Este proxecto está cofinanciado pola Consellería de Política Social e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

destinatarios enquisaCartel oficial colgado na web do Concello da Baña

A propia información publicada na web do Concello da Baña di textualmente: O equipo de voluntarios realizará enquisas telefónicas a persoas maiores seleccionadas aleatoriamente do padrón de habitantes do municipio. O obxectivo é coñecer de primeira man cales son as inquedanzas e necesidades deste colectivo social na Baña”.

Un proxecto a simple vista moi interesante e beneficioso para un colectivo que é moi numeroso no noso Concello.  De estar axeitadamente organizado, asesorado e coordinado podería dinamizar a un número importante de veciños e veciñas ao mesmo tempo que ofrecer información de interese sobre as inquedanzas e necesidades dos nosos e das nosas maiores.

A día de hoxe o Concello da Baña non informou nada maís sobre este proxecto, non presentou publicamente ás persoas que participan no mesmo, o traballo que desenvolven, nin sequera que están a visitar os domicilios de xente de avanzada idade.

A veciñanza está preocupada xa que non sabe quen organiza a actividade e algunhas das preguntas parécenlles improcedentes.

Desde CxG quedamos atónitos ao recibir numerosas chamadas da veciñanza preocupados e preocupadas por unha enquisa que están sendo entregadas presencialmente nas súas casas e descoñecendo o organismo que organiza, se é un partido político, unha empresa ou a propia entidade local, quen tratará os datos recompilados e moito menos a utilidade das súas respostas a preguntas que consideran en moitos casos totalmente improcedentes.

Desde CxG conseguimos unha copia dese cuestionario que están a repartir por algunhas casas e despois de analizar todo o procedemento expuxemos no pleno e a través dunha instancia entregada no rexistro a nosa opinión sobre o propio programa.

(DESCARGAR ENQUISA AQUÍ)

Como di o título deste artigo consideramos con rotundidade que o programa está ausente de rigor, responsabilidade, ética e incumprindo a lei de protección de datos e non goza da seriedade suficiente para ser un programa desenvolvido por un organismo público.  Estes son algúns dos motivos de tal afirmación:

A enquisa non vén asinada por ninguén e non aparece nin logo nin entidade organizadora. Os voluntarios e voluntarias non reciben ningún tipo de formación e non van acreditados.

enquisa voluntariado senior-1Encabezado do cuestionario

1) O cuestionario non cita o organismo que está a desenvolver o traballo. Como se pode apreciar non aparece o logo, non explica o tratamento que se lle dará aos datos obtidos nin especifica tampouco a finalidade dos mesmos. A xente cubre a enquisa sen coñecer o seu motivo real. Isto agrávase ao coñecer que as persoas que teñen que contestar ás cuestións son persoas de avanzada idade polo que esta explicación debería ser clara e pormenorizada.

2) As persoas participantes no programa non levan ningún tipo de identificación ou acreditación para presentarse á veciñanza e xustificar que están traballando nun proxecto oficial. O Concello da Baña tamén nos confirmou que estes voluntarios non recibiron ningún tipo de formación para desenvolver o traballo.

A enquisa non é anónima e non ten o consentimento explícito da persoa entrevistada. Algunhas preguntas están mal formuladas e son improcedentes.

3) A enquisa solicita datos e información de carácter persoal,  por iso legalmente debe incluír o consentimento explícito do entrevistado ou entrevistado. Aspecto inexistente.

4) A enquisa entregada non garante o anonimato da persoa enquisada. Que o enquisado non teña que poñer os datos persoais non quere dicir que sexa anónima porque o entrevistador pode tomar notas da vivenda onde se fai, rasgos do entrevistado, etc. Esta enquisa non cumpre esta cuestión xa que ademais do mencionado solicita a data de nacemento, o sexo e a parroquia. Con ambas cuestións é moi doado de identificar a identidade dos enquisados e enquisadas.

enquisa voluntariado senior-1Fragmento real do cuestionario entregado á veciñanza

5) Moitas das preguntas están mal formuladas. Existen preguntas abertas, outras pechadas, ningunha coa opción de NON SABE / NON CONTESTA e moitas delas son improcedentes. Por exemplo: as preguntas nº 9 e nº 10 que solicitan información de se o enquisado ou enquisada ten parella ou se lle gustaría tela, son claramente improcedentes. Para que precisa o Concello da Baña esa información privada? É tan absurdo como innecesario.

A cuestión nº 1 pregunta ao enquisado que escriba “Persoas individuais de referencia ou apoio”. Pregunta que seguramente sexa moi valiosa para un partido político para coñecer as persoas importantes na parroquia pero totalmente improcedente nun estudo para coñecer os seus hábitos.

A enquisa non fai ningún tipo de alusión a que o entrevistado ou entrevistada compare o modo de vida actual coa forma de vida cando eran mozos e mozas. Opinión que podería ser interesante para coñecer as necesidades actuais relacionadas co cambio de hábitos en relación co paso dos anos. En contraposición si que se lle pregunta que faga unha valoración con respecto á realidade de hai dous anos. Por que non 5 anos? 10? Ou 30? A cuestión nº 5 di: “Se compara a situación actual dos servizos aos que ten acceso a súa zona, con respecto a como eran hai dous anos, cal é a súa impresión?”. Seguramente estean de acordo en que a análise desta cuestión podería ser importante para un partido político que goberna dende hai 16 meses pero totalmente innecesaria para coñecer os hábitos e necesidades da cidadanía.

Os datos obtidos poden ser interesantes para un partido político pero innecesarios para a finalidade do proxecto.

enquisa voluntariado senior-5Fragmento real do cuestionario entregado á veciñanza

6) A pregunta nº 10 é para que a persoa enquisada sinale dunha lista os “principais problemas da súa zona” especificando só catro apartados: “transporte, abastecemento, actividades sociais e servizos privados”. A persoa enquisada non pode seleccionar ningunha outra opción como por exemplo: barreiras arquitectónicas, espazos naturais ou calquera outra que se lle ocorra. Cal é o motivo polo que o grupo de goberno fai unha pregunta pechada e non dá opcións? Descoñecémolo pero o que é evidente é que lle interesa que a xente enquisada opine sobre esas catro opcións e ningunha outra.

7) As vivendas visitadas non responden a ningún criterio ou selección aleatoria formal senón que responden a criterios de afinidade persoal dos voluntarios e voluntarias, polo que o criterio empregado para elixir aos enquisados/as é totalmente subxectivo e consecuentemente os resultados finais non serán obxectivos.

É unha irresponsabilidade que o Concello fomente que as persoas maiores visiten outros domicilios ou sexan visitados/as co conseguinte perigo de contaxio.

8) O propio programa incita a que o colectivo máis vulnerable ante posibles contaxios da COVID (persoas maiores de 55 anos) visite outros domicilios ou sexa visitado no seu domicilio polo que nos parece un feito moi irresponsable por parte do goberno municipal, sendo ademais un feito que contradí a información difundida a través dos medios municipas xa que, como dixemos liñas atrás,  indicaba que o obxectivo do programa era realizar “enquisas telefónicas” non de forma presencial.

A todo este desaguisado que vimos comentando súmase que algunhas das persoas voluntarias e que están a visitar os domicilios dos nosos e das nosas maiores para solicitar información e que non acompañan ningún tipo de identificación, son as mesmas que acompañaron ao señor alcalde en campaña electoral na visita aos domicilios de diferentes parroquias, polo que este feito crea maior inseguridade á veciñanza, confunde sobre cal é o organismo organizador e pon en cuestión aínda máis a finalidade real do programa.

Solicitamos que se emende o erro, se pidan desculpas públicas e nun futuro se actúe cos nosos e as nosas maiores con máis responsabilidade.

Por todo o comentado, desde CxG A Baña solicitamos ao grupo de goberno(PSOE):

  • Que non se volva mentir á veciñanza publicando nos medios de difusión municipal que o proxecto se fará vía telefónica e que se dean as explicacións pertinentes do motivo polo que non se fixo dese modo.
  • Que se pidan desculpas públicas por crear un proxecto para persoas maiores de 55 anos no que é necesario visitar vivendas, nun contexto de crise sanitaria e co evidente perigo de contaxio.
  • Que se pidan desculpas públicas ás persoas que participaron de forma voluntaria, tanto as veciños e veciñas que cubriron as enquisas como aos propios voluntarios e voluntarias por ser un programa tan pouco serio, como ético e transparente.
  • Que se eliminen todos os datos obtidos a través destes formularios por respecto ás persoas enquisadas ao non cumprir un mínimo de anonimato, ética e transparencia.
  • Que nun futuro se actúe con máis responsabilidade, rigor e profesionalidade na organización deste tipo de actividades para os nosos e as nosas maiores, acordes á seriedade que debe ter unha entidade local.