O alcalde da Baña retráctase das acusacións vertidas contra o edil de CxG

A pesar de non celebrarse finalmente a vista oral, García Cardeso manifestou perante o xuíz e o fiscal que as afirmacións manifestadas contra César Ramos foron produto dun exceso verbal derivado do fragor do debate político.

O alcalde do Concello da Baña, D. José Andrés García Cardeso, e o concelleiro de CxG, César Ramos, acudiron esta mañá ao Xulgado de Primeira Instancia e instrución de Negreira para a vista oral do litixio motivado polas acusacións vertidas polo rexedor bañense no pleno municipal do día 28 de marzo de 2018. Durante a devandita sesión plenaria, García Cardeso acusou ao concelleiro de Compromiso por Galicia de empregar o teléfono do CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba, lugar onde exerce a súa profesión como docente, para realizar xestións coa Xefatura Territorial de Educación da Coruña e obter información de calado político dende o teléfono do centro educativo, afirmando, asemade, que suplantaba a súa identidade para obter información. Estes feitos,  motivaron a César Ramos a emprender accións legais contra o rexedor bañense na procura de protexer o seu  dereito fundamental á honra persoal.

Momento do pleno no que García Cardeso acusa ao edil de CxG

Así, esta mañá e previo inicio da vista oral, os avogados das partes implicadas chegaron a un acordo para evitar o engorroso procedemento xudicial, en que  César Ramos lle esixía a rectificación destas falsas acusacións que atentaban contra a súa imaxe persoal, honra e profesionalidade.

García Cardeso rectificou as acusacións de que César Ramos utilizara o teléfono público do colexio onde traballa e respecto a que se fixo pasar por outra persoa aseverou que fora un “malentendido”.

Con anterioridade á xornada de hoxe, o alcalde bañense, xa rectificara mediante o escrito de contestación da demanda, presentado en decembro do ano 2018 perante o xulgado de Negreira, que “non tiña inconvinte en rectificar o dito cando mencionei que fora dende o teléfono do CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba” recoñecemento que realmente esa chamada foi realizada dende “o seu teléfono particular”. Non obstante, César Ramos incidía en que esta rectificación debía ter carácter público e que ademais quedaba pendente para hoxe a rectificación da suplantación de identidade.

Sobre este particular, García Cardeso aseverou que as súas palabras foron produto dun “malentendido” e “un exceso verbal derivado do fragor do debate político”.

WhatsApp Image 2019-04-27 at 08.59.38

A motivación de denunciar os feitos nunca foi económica, senón deixar claro e á vista de todo o mundo a miña honra e profesionalidade.

Pola súa banda, e á saída do xulgado, o concelleiro de Compromiso por Galicia, Cesar Ramos, amosouse “satisfeito” co acordo, pois “o interese  principal de acudir ao xulgado nunca foi económico” senón “deixar claro e á vista de todo o mundo a miña honra e profesionalidade”. Do mesmo xeito, o seu avogado, Xosé Antón Pérez Lema, sinalou a súa conformidade co acordo acadado esta mañá no xulgado de Negreira.