Todo sobre a homenaxe a Avelino Pousa Antelo

Levamos case 3 anos loitando para que o Concello da Baña homenaxee debidamente a D. Avelino Pousa Antelo, unha das personalidades máis ilustres que naceu no noso Concello. Ata en 11 plenos municipais fixemos referencia a esta homenaxe, á que o alcalde NUNCA DIXO QUE SE NEGABA, pero como podemos ver máis adiante continuamente pon escusas e trabas para que esa homenaxe non se realice.

Cremos que a actitude de José Andrés García Cardeso durante todo este tempo non é propia dun alcalde serio, xa que tanto a comunidade educativa, como o noso grupo político, colectivos da Baña e outros de relevada importancia cultural de todo o país apoiaron a nosa proposta e están á espera desta merecida homenaxe.

avelino pousa anteloAvelino Pousa Antelo na homenaxe ao maxistrado Daniel García Ramos na praza do Concello

Queremos facer un resumo de todo o sucedido respecto a devandita homenaxe.

Un dos puntos do noso programa electoral das eleccións municipais do 2015 é:

4.1 Proposta de modificación xunto coa colaboración da ANPA e o Consello Escolar para mudar o nome do actual CPI San Vicenzo. A iniciativa está orientada a mudar o nome polo de algunha persoa ilustre da Baña que, pola súa recoñecida traxectoria vital de compromiso galeguista e coa lingua galega, mereza un recoñecemento especial á vez que se perpetúa a súa memoria.

O noso programa electoral é o documento que guía todo o noso traballo político durante toda a lexislatura, xa que é un COMPROMISO que adquirimos con toda a veciñanza da Baña. Especificamos a continuación todos os movementos que fixemos relacionados coa homenaxe a Avelino Pousa Antelo, unha das personalidades máis importantes a nivel cultural e político que naceu no noso Concello.

“3 anos loitando para que o Concello da Baña homenaxee debidamente a D. Avelino Pousa Antelo”

–  O 27 de agosto de 2015 entregamos unha moción solicitando o seguinte:

  1. Instar ao grupo de goberno que nomee con carácter urxente “Fillo Predilecto do Concello da Baña” a D. Avelino Pousa Antelo de acordo co “Regulamento de Honras e Distincións” publicado no BOP Nº 207 de 9 de setembro de 1998.
  2. Facer unha homenaxe pública como mostra de agradecemento e admiración por parte do Concello da Baña.
  3. Instar ao grupo de goberno á redacción dun informe favorable, requisito indispensable para comezar os trámites para o cambio de nome do colexio público “CPI S. Vicente” por “CPI Avelino Pousa Antelo”; de conformidade co establecido no artigo 1.2 do Regulamento orgánico dos centros públicos integrados, aprobado polo Decreto 7/1999 do 7 de xaneiro, aprobado no DOG do 26 de xaneiro.

 

O 30 de setembro de 2015 defendemos a moción e non se chega a votar porque segundo o alcalde: “este procedemento non é adecuado entón a moción decae porque non é adecuado”. Así mesmo o secretario di : “debido ás dúbidas postas de manifesto no tocante a cuestións de procedemento, deberá deixarse o asunto sobre a mesa, a resultas do informe que como asesor legal preceptivo da Corporación lle corresponde, para que os concelleiros teñan os suficientes e adecuados elementos de xuízo”.

O PSOE di que cambiar ao nome ao colexio é un “serio prexuízo económico ao tempo que o Colexio xa ten un nome recoñecido”.

https://youtu.be/k47CyNlnwQ0?t=685

–  O 23 de novembro de 2015: o secretario entréganos o informe no que consta que é necesario “que o procedemento debe iniciarse por Decreto do alcalde ou por iniciativa dunha terceira parte dos membros da corporación”. O 10 de maio entregamos instancia coas sinaturas dos 5 concelleiros da oposición e o apoio de personalidades de ámbito cultural de toda Galicia.

Unha vez recompilada a documentación oportuna, tal como marca o informe do secretario-interventor, e contando co apoio dos catro concelleiros do PSOE, César Ramos, secretario local e concelleiro de Compromiso por Galicia da Baña, vén de entregar toda a documentación no Concello para, se a alcaldía o considera a ben, comezar os trámites de nomear a Avelino Pousa Antelo fillo predilecto do Concello da Baña.

                Durante este tempo moitos foron os colectivos e personalidades de grande importancia cultural e social tanto de ámbito local como nacional que se puxeron en contacto coa agrupación galeguista para apoiar a proposta de Compromiso por Galicia. Colectivos como a Fundación Pedrón de Ouro, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación Cultural Xermolos, a Asociación Cultural Afonso Eanes, A.C.M. Os Campantes da Baña ou agrupación local do BNG da Baña, entre outros, deixaron constancia documentalmente do apoio á proposta.

 

                As fillas lexítimas do homenaxeado tamén quixeron mostrar o seu apoio por escrito á proposta e agradeceron o mesmo textualmente coas seguintes palabras: “Aproveitamos para agradecer a toda a corporación municipal da Baña, o seu xesto de aloumiño na lembranza de Lucho desde o seu berce matriarcal, que Avelino sentía como xénese e o porvir da súa existencia”.

 

VER TODOS OS APOIOS RECIBIDOS

 

27 de xullo de 2016: facemos a seguinte pregunta:

7- O pasado 10 de maio entregamos no Concello unha instancia dirixida ao alcalde solicitando que se iniciara o procedemento para concederlle a distinción de “fillo predilecto Concello da Baña a D. Avelino Pousa Antelo”, cumprindo os requisitos do informe do secretario-interventor do Concello, e a día de hoxe, máis de dous meses despois, seguimos sen contestación. Queremos saber, canto antes, cal é a decisión da alcaldía respecto a este tema.

 

28 de setembro de 2016: Por fin o alcalde, en resposta á pregunta do anterior pleno, comunícanos oficialmente que vai comezar o procedemento de facer fillo predilecto do Concello da Baña a D. Avelino Pousa Antelo e tratará de axilizar os trámites.

30 novembro de 2016, na pregunta número 8 preguntamos:

8) Porque non se iniciaron aínda os trámites para facer fillo predilecto a Avelino Pousa Antelo, tal como anunciou o señor alcalde no pasado pleno ordinario? Solicitamos que se inicien coa maior brevidade posible.

O alcalde responde textualmente por escrito “estes temas levan o seu tempo e polo tanto non hai que precipitarse”.

2 de febreiro de 2017, Con respecto ao tema de Pousa Antelo, César volve preguntarlle e o alcalde confirma que o procedemento se iniciou onte e o de cambiar o nome ao CPI de S. Vicente xa se votou onte no Consello Escolar e tamén segue os pasos pertinentes. O colexio debe enviar a acta desa votación e escoller un nome para o colexio (Avelino Pousa Antelo da Baña ou Avelino Pousa da Baña) O pleno escollerá o nome.

 

pousa_antelo_2

5 de abril de 2017, volvemos preguntar, sobre este tema na nosa pregunta nº 10 do seguinte xeito:

Volvemos preguntar pola data en que se vai a facer fillo predilecto a Avelino Pousa Antelo, en setembro de 2016 a alcaldía anunciou que se ían comezar os trámites, hai dous meses o alcalde en resposta á nosa pregunta comentou que era un tema “que levaba o seu tempo e non había que precipitarse”. Moitos colectivos de importancia cultural de todo o país están pendentes deste nomeamento. Queremos coñecer qué trámites se realizaron ao respecto e pedimos outra vez que se comecen os trámites xa e non demorar o tema continuamente.

O alcalde contéstanos que “hai que facer as cousas sen precipitación e, sobre todo, hai que realizar e valorar os trámites oportunos”.

 

1 de agosto de 2017, facemos esta pregunta:

  1. Queremos saber como está o tema da homenaxe a Pousa Antelo, tanto de nomealo “fillo predilecto”como o cambio de denominación ao CPI de S.Vicente, unha vez que a comunidade educativa votou por unanimidade o cambio de denominación do mesmo. Pedimos novamente que o grupo de goberno actúe con celeridade e non poña impedimentos para que se cumpra o acordado no consello escolar.

O alcalde dinos que o colexio só mandou unha fotocopia dunha libreta (referíndose á acta do Concello Escolar) e que deben constar as sinaturas de todos os mestres a petición da Xefatura Territorial. O noso concelleiro explícalle que non é así, xa que os acordos xa constan na acta. Non é unha fotocopia dunha libreta senón a copia do libro de actas, que non se poden fotocopiar na súa totalidade por conter datos de alumnos e alumnas.

27 de setembro de 2017, o alcalde contéstanos por escrito á pregunta do anterior pleno:

O tema estaba pendente do escrito así como da acta firmada por todos os membros do Consello Escolar tal como nos requiren na Xunta (en concreto, na Xefatura Territorial da Coruña).

–  Na pregunta 8, preguntamos pola homenaxe a Pousa Antelo e só se nos responde polo cambio de denominación no CPI de S. Vicente, o asunto para facelo fillo predilecto que en setembro do ano pasado dixéchedes que nos vindeiros días se ían comezar os trámites e en maio deste ano que “hai que facer as cousas sen precipitacións e, sobre todo, hai que realizar e valorar os trámites oportunos” . Está claro que con precipitación non o estades a facer pero fixestes  algo respecto a esta homenaxe que prometéchedes?

O alcalde volve dicir que son os mestres e mestras os que teñen que asinar a acta na que se adoptou o cambio de denominación do centro educativo.

De facelo fillo predilecto di que aínda non fixeron nada.

https://youtu.be/qWZ3wZEsnwg

– 29 de novembro de 2017, volvemos facer alusión a este tema na pregunta 11, indicando o noso concelleiro que ao constar na acta do Consello Escolar o acordo, o profesorado non ten que asinar nada:

Seguimos esperando a que o Concello faga as pertinentes xestións sobre a homenaxe a Avelino Pousa Antelo, así como o cambio de denominación no CPI de S. Vicente. O Concello da Baña debería ter vontade de cumprir o acordado pola comunidade educativa no Consello Escolar (incluso a concelleira de cultura votou a favor) e facer cumprir o que o alcalde prometeu en setembro de 2016.

Neste punto o alcalde volve incidir que Indalecio Cabana, xefe territorial de Educación na Coruña, xa lle mandou ao colexio as pertinentes indicacións para cambiar a denominación do colexio e de que ás veces a Consellería pide cousas que non teñen sentido.

31 de xaneiro de 2018, o alcalde resposta:

“Estamos á espera de recibir a documentación requirida pola Xefatura Provincial de Educación”.

Así mesmo, o noso concelleiro pídelle concreción:

Na pregunta 14 respecto á homenaxe a Pousa Antelo dicides que estades á espera de recibir a documentación requirida pola Xefatura Provincial de Educación. Entendo que dende o Concello se fixo unha solicitude por escrito seguindo o protocolo para o cambio de denominación do centro educativo, solicitamos copia desta documentación. Non respondedes nada respecto ao nomeamento de fillo predilecto que en setembro de 2016 se indicou que se faría nos vindeiros días. Queremos que se inicien os trámites xa.

O alcalde non quere responder nese momento polo que teremos que esperar ata o pleno de marzo para ler a resposta.

“O señor García Cardeso non di toda a verdade sobre este procedemento”

O pasado 9 de febreiro poñémonos en contacto con Indalecio Cabana, Xefe Territorial de Educación na provincia da Coruña para que nos explicara cal é o motivo polo que, segundo o alcalde, todos os membros do Consello Escolar teñen que asinar a acta e por que está paralizado o procedemento. O señor Cabana dinos que “o procedemento é o seguinte, aprobación en consello, o claustro trasládallo ao Concello e o Concello trasládalle á Xefatura a proposta do cambio de nome. Cando o Concello emita á Xefatura Territorial esa proposta eles o que fan é tramitalo para a súa publicación no DOG”. O señor Cabana tamén nos di que non sabe en que punto está paralizado o procedemento pero dende logo na Xefatura Territorial non.

O 9 de febreiro poñémonos en contacto coa inspección educativa e tamén nos explican que o centro educativo fixo todo de forma correcta e para o cambio de denominación do centro só precisan que o Concello da Baña envíe un certificado confirmando que están a favor dese cambio de denominación.

Polo tanto dende COMPROMISO POR GALICIA confirmamos que o señor García Cardeso non di toda a verdade sobre este procedemento e que o único responsable de que non se cumpra a vontade do Consello Escolar é do señor alcalde, aínda que, por motivos que descoñecemos el nunca se negou explicitamente a cumprir ese acordo.