O alcalde da Baña continúa sen cumprir o prometido respecto á Fundación de discapacitados psíquicos de Barcala.

O pasado mes de xaneiro dende CxG A Baña publicamos un artigo na nosa paxina web dando a coñecer a difícil situación económica que estaba a atravesar a Fundación de Dicapacitados Psíquicos de Barcala e informando de que solicitáramos ao Concello da Baña que colaborara de forma económica con esta entidade para  facilitar que continuara desenvolvendo ese importante labor social na integración e desenvolvemento das persoas con discapacidade e evitar que teña que cesar a súa actividade por problemas económicos. VER INSTANCIA ENTREGADA.

31969970_775069879365300_386480613495930880_oImaxe dun obradoiro para usuarios da Fundación

Lembramos que a Fundación de Discapacitados Psíquicos de Barcala, é un Centro Ocupacional que acolle a persoas con discapacidade maior do 33 %, que teñan máis de 16 anos e que sexan válidas por si mesmas, coa finalidade de prepararalas para o acceso a formas de vida normalizadas, mediante a realización de actividades nun réxime máis semellante ao normal, sendo o obxectivo principal do Centro a Integración do discapacitado psíquico no seu contorno tanto laboral como social.

Os estatutos da propia Fundación especifican que no caso de existir problemas económicos, os Concellos de Negreira e A Baña encargaríanse de pagar unha determinada cantidade de cartos para facer fronte aos gastos de funcionamento da propia Fundación.

En xaneiro o alcalde da Baña comprométese a ingresar 8.000 euros á Fundación pero despois retráctase no pleno.

O alcalde da Baña afirmou no mes de xaneiro pasado que ía facer efectivo o pago de 8.000 euros á Fundación, como podemos ler textualmente na seguinte nova publicada por “La Voz de Galicia”:  “O Concello da Baña espera facer efectiva a súa aportación de 8.000 euros do pasado ano para paliar a falta de fondos da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos Comarca de Barcala, tal como fixo o Concello de Negreira en xuño pasado. Así o manifestou o alcalde, Andrés García Cardeso (PP)”.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/negreira/2019/01/17/bana-achaca-pago-taxis-deuda-fundacion-discapacitados/0003_201901S17C6994.htm

No pleno de 30 de xaneiro o alcalde de forma sorpresiva dá marcha atrás na súa promesa e di que NON VAI FAGER EFECTIVO ESE PAGO. Nese mesmo pleno o concelleiro de CxG, César Ramos, pídelle que rectifique publicamente o seu compromiso de facer efectiva esa suposta débeda e solicita que se non se pode pagar esa cantidade de cartos que se “faga todo o posible para colaborar con esta importante entidade social”. O alcalde afirma textualmente que vai “adiantar ese diñeiro para que a Fundación non pase problemas”. No seguinte vídeo podemos ver o momento exacto dese pleno:

https://www.youtube.com/watch?v=AW85UUuVkh8

Dende Compromiso por Galicia A Baña xa visitamos en decembro de 2016 as instalacións do Centro Ocupacional II de Negreira, observamos in situ o importante traballo que desenvolve na integración das persoas con discapacidade de toda a comarca e colaboramos na medida das nosas posibilidades coa propia Fundación, xa que fixemos varias doazóns económicas ademais de estar en contacto permanente con algúns usuarios e as súas familias.

A situación económica da Fundación segue a ser precaria.

Nos últimos días decatámonos que o alcalde da Baña non cumpriu nada do prometido hai máis de 4 meses e a Fundación, aínda que se reduciron os problemas económicos (polo menos o persoal puido cobrar as súas nóminas) grazas á aportación do Concello de Negreira e ao cobro dalgunhas subvencións que estaban pendentes continúa con moitos problemas económicos.

Dende Compromiso por Galicia non entendemos como o alcalde de cara ao público móstrase moi solidario e colaborador pero despois  de “portas adentro” do Concello non cumpre nada do prometido tanto en nota de prensa como no pleno municipal.

IMG_20180730_134440301César Ramos no salón de plenos do Concello

García Cardeso incumpre sistematicamente as súas promesas.

“Parécenos indignante que o alcalde sistematicamente incumpra as súas promesas, máis aínda cando se trata dun colectivo que foi un labor tan encomiable como o desenvolvido pola Fundación de Discapacitados Psíquicos de Barcala”, afirma o concelleiro galeguista César Ramos.