O alcalde admite en resposta a CxG ata 5 erros da súa xestión – Crónica do pleno ordinario de 4 de marzo de 2020

A sesión comeza 5 minutos tarde, debido a tardanza do señor secretario, coa asistencia de toda a Corporación agás o concelleiro Manuel Landeira do Partido Popular.

Imaxes íntegras do pleno da canle de Youtube do Concello da Baña

A orde do día foi a seguinte:

convocatoria

Os puntos 1 e 2 son aprobados co voto favorable de toda a Corporación e os dous puntos seguirán o curso legal preestablecido para ambos os dous casos.

Grazas a CxG o Concello subscribirase ao “Diario Nós” e habilitará dúas zonas na parroquia de Corneira para o acubillo de peregrinos e peregrinas do Camiño a Muxía e da Vía Mariana.

A Corporación vota favorablemente ás dúas mocións que defendeu César Ramos e que se poden descargar nas seguintes ligazóns:

Tamén é aprobada unha moción do PP con motivo do 8 de marzo, co voto favorable de toda a Corporación.

ROGOS E PREGUNTAS DE CxG

23Instantánea do pleno

Antes de nada e por alusións do señor alcalde no propio pleno. Vostedes cren que é serio na Festa da Filloa avisar no momento aos concelleiros e concelleiras para participar na entrega de premios? Tamén, a diferenza de outros anos, non avisar a toda a Corporación para participar no acto simbólico de facer filloas xunto co pregoeiro? Pedimos máis seriedade ao grupo de goberno.

 

  1. A primeira pregunta é sobre a entrevista concedida a “El Correo” polo señor alcalde no mes de decembro pasado. Esa entrevista na que vostede manifestaba que era “un tanto incomprensible que nos tiveran 5 meses castigados sen cobrar. Pero estivemos durante ese tempo traballando pola mañá e pola tarde e non lles quedou outro remedio que aprobarnos os salarios”. Sinto comentar que iso é falso, non sei se o di sabendo que é falso ou vostede pensa que é certo, pero en confianza dígolle que é falso: non influiu para nada no voto de CxG que vostedes estiveran traballando e sí a rebaixa de 12.000 euros que fixo vostede na proposta, algo que como sabe se aprobou nunha reunión de CxG en setembro. Se volve a facer referencia a este asunto que que saiba que é mentira. As preguntas son as seguintes: nesa entrevista di textualmente “Actualmente hai proxectada unha residencia privada e xa falamos da posibilidade de facer un centro de día con eles”. Pode explicar esas declaracións? Hai algo concreto respecto a estes dous proxectos? Que empresa é? A que se refire con “xa falamos da posibilidade de facer un centro de día?
  2. Solicitamos un informe detallado con todos os gastos do festival de Entroido, incluídas as subvencións, axudas, alugueres, etc.

O señor alcalde, froito das preguntas de CxG admite ata 5 veces que diversos problemas foron froito de erros da súa xestión.

  1. O señor Pereira no pleno de 3 de outubro de 2018 (cando era concelleiro da oposición) dixo textualmente: “O Concello da Baña organizou a presentación do Trail no Hostal dos Reis Católicos. Acaso non hai na Baña un lugar para facer esa presentación? É esta a maneira de fomentar e revitalizar a vida social e económica do noso Concello. Non nos satisface esa maneira de facer esa presentación. Creo que é moito máis interesante facela aquí que facela en Santiago. Igual se fixo coa Festa da Filloa e cos bocadillos da camiñata que tamén se compraron en Negreira. E que me doe moito que non se faga aquí na Baña”. Lembran vostedes que facían publicacións nas redes sociais ridiculizando ese acto? Recoméndolle que volva mirar esas imaxes. Respecto aos bocadillos xa falamos noutro pleno pero nestes decretos volven a aparecer facturas do GADIS. Pois agora que é vostede alcalde fai a presentación da Festa da Filloa tamén nun local comercial da Cidade de Santiago. Fago a mesma pregunta que fixo vostede daquela: Acaso non hai na Baña un lugar para facer esta presentación? Que hai de diferente naquela presentación que vostede criticaba e ridiculizaba con esta que organiza vostede?
  2. Sobre o pavillón de S. Vicente coméntannos que ao equipo de fútbol sala feminino que ás veces utiliza esas instalacións para xogar os seus encontros se informou o mesmo día de que non ían poder xogar o seu partido, debido a que había un cambio nas luminarias. Ese aviso foi dado polo encargado do pavillón, ninguén do grupo de goberno se dignou a avisar. Iso que tiñan permiso previo para a súa celebración. Solicitamos máis seriedade e que se avise con máis antelación para que se poidan organizar. Tamén solicitamos que cando se organice algunha festa ou evento na pista do pavillón se poña unha moqueta para cubrir a pista e esta non sufra desperfectos. Con respecto ao pavillón coméntannos tamén que se cedeu o pavillón a un centro educativo para pernoctar durante varias noites. É certo? Poden explicar que tipo de permiso e que grupo vai pernoctar?

Filtrar información dunha mesa de contratación para publicar na web municipal foi un simple erro.

  1. Como saben despois do pleno urxente do IDAE, celebrouse unha mesa de contratación. Dende CxG levamos tempo sendo moi críticos coa forma parcial e partidista coa que están a utilizar a web e Facebook municipais. O rematar ese pleno urxente fixeron vostedes a seguinte publicación: “Unha vez rematado o pleno, reuniuse a mesa de contratación para analizar a documentación das cinco empresas que se presentaron ao concurso. Entre elas non se atopa a que presentou alegacións” É algo incomprensible. Non só a barbaridade de publicación. Como vai presentarse unha marca de bombillas? Senón que unha persoa do grupo de goberno traslade información dunha mesa de contratación ao responsable de comunicación. Despois púxenme en contacto co grupo de goberno para explicar o absurdo que acababan de facer e rectificaron e borraron esa fragmento da publicación. Queremos saber quen tivo a intelixente ocorrencia de facer esa publicación?
  2. No pasado pleno ordinario criticamos a publicación que fixo o grupo de goberno tanto na web municipal como no Facebook respecto á concentración no centro de saúde. Queremos saber o motivo polo que non se publicou nada na web municipal sobre as 4 concentracións convocadas polo sindicato CIG para esixir unha mellora na sanidade pública na Baña?
  3. O Concello o 18 de febreiro fixo unha publicación na web municipal que dicía: “Atendendo as peticións veciñais, decidiu engadir a categoría de grupos no Concurso de disfraces de Entroido”, iso supón a modificación das bases 18 días antes da celebración do festival. Supoñemos que sería por unha razón de peso. Queremos saber cantas peticións veciñais existiron? Solicitamos copia das mesmas. Non cren vostedes que non é moi xusto poñer 1700 euros de premios para comparsas (que poden ser de 10 participantes) e un só de 150 para grupos (que poden ser de 9)?
índice
  1. Nun pleno anterior comentóuseme que se suspendía a ruta BTT Filloa da Pedra, entre outros motivos, porque “non tiña nada que ver coa Festa da Filloa”, e vostedes decidiron este ano o mesmo día da Festa da Filloa organizar unha “Feira de Cans” Tendo en conta que por causa de 2 persoas que vos criticaron (e non hai queixas por escrito) vostedes decidiron cambiar as bases de entroido, vendo as críticas que existiron a esta feira de cans (sobre todo nas redes sociais) Van vostedes a deixar de organizar este tipo de eventos?
  2. Na festa da filloa houbo problemas importantes de acceso derivados entre outras polo mal tempo. Cal é o motivo polo que, a diferenza dos anos anteriores, non colaborou Protección Civil? Pensamos que é importante que, igual que anos anteriores, colabore protección civil, aínda máis tendo en conta a situación climática dese día.
  3. Nunha reunión a comezo da lexislatura comentóusenos que se ía cambiar de empresa de comunicación. Non sei se recorda vostede a frase exacta que nos dixo a David mais a min: “Alicentis ten contrato ata xaneiro, temos que comernola”. Cambiaron de opinión respecto a este tema?
  4. O pasado 13 de febreiro o alcalde desdice un bando da alcaldía de dous días antes e decide cancelar unha chamada “Xuntanza da alcaldía coa veciñanza da Riba”, especificando textualmente “para non interferir na campaña das elección autonómicas” (Unha rectificación máis deste grupo de goberno). Gustaríame aclarar que non é para “non interferir” senón que é ilegal celebrar este tipo de actos segundo a lei electoral. A min incluso me parece moi pouco ético e transparente que se organizaran xa dous destes “mitins” no mes de xaneiro pero a pregunta é: a vostedes parécelles ético que se celebraran dúas destas xuntanzas en ano electoral? Ou que o luns pasado organizara unha reunión coa veciñanza de Corneira que finalmente se cancelou? Tendo en conta que o seu grupo político criticou con antelación este tipo de condutas ao anterior grupo de goberno.

Unha nova mentira do señor Pereira, pese a asegurar nun pleno anterior que xa se cobrara a subvención para o parque infantil do colexio, agora admite que non é certo, a subvención está sen cobrar.

  1. Respecto ao parque medioambiental que se ía construír no CPI de S. Vicente. É certo que hai un informe do arquitecto autor do proxecto que di textualmente que o parque que se executou non corresponde co parque infantil de carácter medioambiental que especifica a memoria, instalándose un parque tradicional que nada ten que ver coa proposta realizada? É certo, como afirmou nun pleno anterior, que xa se cobrou a subvención?
  2. Gustaríanos saber se hai algún problema en Ordoeste con respecto á actuación do lugar de Rial. No alto de Rial onde estreita a estrada. Coméntannos que na beira dereita hai un veciño que lle comunicou que quería ceder terreo para facer mais ancha a estrada (é evidente que é moi estreita e hai problema para que pasen dous coches) e non se aceptou. Cal é o motivo?

No pasado pleno retireille a palabra porque o debate “estaba obsoleto” (José Antonio Pereira Gil, en sesión plenaria).

  1. Respecto ao pavillón de Lañas, solicitamos un informe no que ese especifiquen todas as actividades que se realizan e os pertinentes permisos. Que persoal ten copia das chaves desas instalacións? Tamén informamos da necesidade de arranxar unha goteira que hai na pista destas instalacións.
  1. Respecto o tema do comedor sobre rodas que veño falando nos últimos plenos, primeiro díxonos que non podiamos participar no programa da Xunta porque os usuarios non tiñan microondas, rebato no seguinte pleno que o microondas o inclúe o programa da Xunta, e agora contéstasenos que os usuarios do noso Concello non teñen capacidade para poñer un microondas en funcionamento, ademais de informársenos que a persoa que lle leva a comida é a encargada de facer o seguimento dos usuarios, para non seguir alargando o tema nos plenos, e co fin de entendernos, solicitamos unha reunión coa técnica de servizos sociais e a concelleira de dito departamento para facer unha valoración mais exhaustiva tanto a nivel de funcionamento como económico, entre os programas do Concello e da Xunta, e asi poder escoller cal é o mellor recurso para os veciños.
  2. Pedimos que se informe dos horarios de atención o público das diferentes áreas do Concello, (conto o meu caso persoal, fun un venres ao concello tramitar un permiso de obras e infórmaseme de que os venres non se atende o público, outro dia fun a o servizo de normalización lingüística, e tamén se me informou que ese día concreto  non traballaba no Concello da Baña), por iso incidimos na necesidade de informar a veciñanza.
  3. Solicitamos o arranxo dunha luminaria no lugar de Ceilán que hai semanas que xa informamos no Concello.
  4. Solicitamos que se revise a actuación no lugar de Buchaín, xa que o estado final da actuación non é satisfactorio.
  5. Solicitamos a limpeza das beirarrúas de S, Vicente e a praza do Conello que stán actualmente nun estado de abandono.
  6. Solicitamos copia do novo contrato coa empresa ALICENTIS. Tamén queremos copia das propostas de outras empresas que mencionou no propio pleno.

 

O pleno remata ás 22.15 horas.