Nova redución no servizo de pediatría do centro de saúde da Baña

Nos últimos meses observamos como diferentes colectivos relacionados coa sanidade pública galega convocan folgas, paróns e concentracións demandando melloras nun servizo público de sanidade cada vez máis precario. A Xunta de Galicia volve recortar onde, se cadra, menos debería facer, na Sanidade Pública.

Hoxe mesmo 22 xefes do servizo de Atención Primaria de Vigo presentaron a súa demisión debido ás presións e á precariedade do seu traballo.

“Os xefes do servizo estivemos organizando as carencias da sanidade pública, pero non se pode organizar a miseria”

Luciano Garnelo, xefe de servizo do centro de saúde Pintor Colmeiro de Vigo.

Novo recorte no servizo de pediatría da Baña

pediatra

Estes días puxéronse en contacto con nós veciños e veciñas do Concello da Baña indignados, unha vez máis co servizo de pediatría que ofrece o Centro de Saúde de S. Vicente por sufrir, de novo, un recorte no servizo por mor das vacacións dun facultativo.

Ao parecer, e despois de poñernos en contacto co propio Centro de Saude, infórmannos de que esta semana, o SERGAS decidiu que a pediatra que habitualmente atende na Baña os martes e xoves (compartida co Concello de Mazaricos), atendera un día deses no Concello de Negreira, debido a vacacións do persoal de pediatría do Centro de Saúde do Concello veciño. Descoñecen, así mesmo, as decisións que se adoptarán en vindeiras semanas.

Así pois, luns e mércores , esta pediatra consulta no Centro de Saúde de Mazaricos, o martes consulta en Negreira (os nenos e nenas da Baña deben desprazarse ata alí para seren atendidos) e os xoves sería o único día que atendería aos nenos e nenas na Baña (onde tamén atenden nenos e nenas de Negreira), este venres (cando con normalidade atendería en Mazaricos) vai consultar en Negreira, momento no que tamén terían dereito a consulta as crianzas da Baña que se despracen ata alí.

A Consellería quere que os nenos e nenas da Baña se poñan de acordo para enfermar só os xoves.

Deste xeito vemos que os veciños e veciñas da Baña volven sufrir as consecuencias dos recortes nun servizo tan importante como é a sanidade pública. Só un día á semana haberá servizo de pediatría no noso Concello.

Ademais segundo nos informan,  nestas datas hai no CPI de S. Vicente e no PAI de S. Mamede moitas ausencias de nenos e nenas por enfermidade. Esas crianzas teñen que desprazarse a outros lugares para seren atendidos por un pediatra. Ou é que a Consellería quere que se poñan de acordo para enfermar só os xoves?

centro-de-saude-a-baña_img176426t0m4w712h356Imaxe do Centro de Saúde da Baña de paxinasgalegas.es

COMPROMISO POR GALICIA A BAÑA xa solicitara con anterioridade unha mellora deste servizo

pediatria_voz_agosto_2018_subliñadaNova de “La Voz de Galicia” do mes de agosto

Dende CxG A Baña non podemos permanecer alleos a esta problemática relacionada cos recortes en sanidade, que como vemos tamén está tendo repercusión no noso Concello.

No pleno ordinario de 1 de agosto do ano 2017, xa demandamos melloras no servizo sanitario da Baña e solicitamos ao Concello da Baña que pedira á Consellería de Sanidade unha mellora no servizo de pediatría para que, polo menos, este servizo xa precario non se vise prexudicado na temporada estival. Como se pode ver nas imaxes, ao alcalde non lle gusta a pregunta, contesta de malos modos ao noso concelleiro e xustifica a ausencia do pediatra.

“As vacacións, teño que dicircho, a pesar de que Cristina Cifuentes non colle vacacións, teñen que sufrir as consecuencias das vacacións” “Non collas vacacións ti tamén”

Palabras textuais de García Cardeso ao noso concelleiro César Ramos no pleno de agosto de 2017

Momento do pleno ordinario de 1 de agosto onde César Ramos solicita melloras no servizo de pediatría

Nada sabemos das xestións realizadas polo alcalde da Baña en todo este tempo.

Noutros concellos galegos, como por exemplo o Concello de Zas, tanto as familias como o goberno municipal uníronse para reclamar o que por dereito lles corresponde. Xuntáronse colectivos municipais e acordaron realizar mobilizacións contra  a diminución da calidade de asistencia para centos de nenos e nenas do municipio.

VER NOTA INFORMATIVA SOBRE ISTO

Dende COMPROMISO continuamos solicitando melloras no servizo sanitario público da Baña

Dende CxG A Baña non estamos de acordo en que a Xunta de Galicia continúe degradando o servizo público de sanidade dos nosos vecinos e veciñas e por iso entregamos unha nova instancia no rexistro municipal pedindo, de novo, que o Concello da Baña solicite á Consellería de Sanidade unha mellora no servizo do Centro de Saúde de S. Vicente e que o PP remate cos recortes nun ámbito tan importante como é a sanidade pública.

Fontes e máis información:
https://www.antena3.com/noticias/sociedad/medicos-atencion-primaria-vigo-dimision-protesta-sanidad-gallega-video_201812115c0f66540cf2913b2cf67a4b.html
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2018/09/26/convocan-9-dias-huelga-medica-sergas-11-octubre-11-diciembre/00031537957714487638565.htm
http://elmedicointeractivo.com/los-medicos-gallegos-cumplen-ya-ocho-jornadas-de-huelga/
http://www.atlantico.net/articulo/galicia/mas-80-personas-concentran-santiago-deterioro-sanidad-ultima-jornada-huelga-medicos/20181211125504682268.html
https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/huelga-medicos-enfermeras-exigir-sergas-acuerdo-salarial/idEdicion-2017-10-12/idNoticia-1077478/
http://www.concellodezas.org/portal-cidadan/noticia/gl/762
http://www.concellodezas.org/portal-cidadan/noticia/gl/794
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/a-bana/2018/08/31/recortes-pediatria-generan-malestar-comarca-barcala/0003_201808S31C5994.htm
https://www.msn.com/es-es/news/espana/rebeli-c3-b3n-de-m-c3-a9dicos-gallegos-contra-el-deterioro-de-la-atenci-c3-b3n-primaria/ar-BBQMke0