Nova Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galiza

O 11 de xaneiro entrou en vigor a lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, que foi aprobada no Parlamento o 26 de setembro cos únicos votos a favor do PP. É esta unha lei que estivo sempre rodeada de moita polémica, de feito a FEGAMP acaba de mostrar o seu rexeitamento explícito á aplicación da lei e o seu vicepresidente executivo, o señor Manuel Mirás, alcalde do Concello de Oroso declarou que non descarta ir ao contenciosos administrativo por non incluír esta lei unha dotación económica suficiente para que os Concellos poidan facer fronte ás imposicións que marca a propia lei.

can

Pero… que novidades incorpora a lei?

A continuación facemos unha análise dos principais aspectos da nova lei de protección animal para que a veciñanza da Baña estea informada das súas novidades e de qué aspectos están penados pola mesma.

1.- Os animais non poden permanecer atados. A nova regulación restrinxe o uso de “calquera mecanismo ou utensilio que, destinado a limitar ou impedir a movilidade dos animais, prodúzalles dor , danos, sufrimento, menoscabo ou estrés innecesarios”. Así, prohíbese manter a cans atados de forma permanente ou limitar os seus movementos ao largo do día. De feito existe xa unha páxina web www.sencadeas.info da Asociación Animalista LIBERA para denunciar a existencia de cans atados. Infrinxir este punto da lei podería supoñer unha multa entre 501 e 5000 euros.

can4

2.- Os circos, sen animais. Prohíbese en toda Galicia o uso de animais silvestres en circos. En canto ao destino destes animais, corresponderá aos poderes públicos recolocar estes animais de forma que se garanta o seu benestar. En cambio esta lei non é de aplicación aos animais empregados en calquera espectáculo taurino, polo tanto séguense permitindo en Galicia as corridas de touros.

can2

3.- Prohibido exhibir animais en escaparates. Aínda que se permite a venda de animais en tendas, non se pode mostrar os animais a través de escaparates en tendas e centros comerciais.

4.- Prohibida a venda ambulante de animais. Ademais aos menores de 16 anos non se lles pode doar, vender ou ceder animais de compañía.

5.- Sacrificar animais. Matar animais castigarase con multas de entre 5.001 e 30.000 euros, aínda que si se permitirá a eutanasia para evitar o seu sufrimento, sempre prescrito por un veterinario/a.

6.- O chip é obrigatorio para todos os cans. Os donos poderán ser sancionados como mínimo por  500 euros (antes a multa era como máximo de 300 euros).

7.- Non alimentar animais vagabundos. Se alguén lle dá de comer a un can ou gato abandonado pode recibir unha multa de ata 5000 euros se non conta con autorización municipal previa.

can3

8.- Transporte de animais. Con esta lei os cans non poden ser transportados en maleteiros totalmente pechados e sen ventilación axeitada. No transporte ou permanencia de animais en vehículos ou os seus remolques o animal dispoñerá de ventilación e temperaturas axeitadas.

9.- Os Concellos serán os encargados de recoller os animais domésticos abandonados. Deben albergalos ata ser reclamados polos seus propietarios, acollidos ou adoptados. Isto, se ninguén reclama ao can, significa para os Concellos galegos que terán que facerse cargo do animal durante toda a vida do mesmo.

Dende Compromiso por Galicia A Baña pensamos que a veciñanza, debido ao importante número de animais de compañía que existen no noso Concello e á gran tradición de práctica da caza, debe estar informada debidamente das novidades desta lei para que os veciños e veciñas coñezan qué aspectos están penados pola mesma  e actúen en consecuencia. Tamén para solicitar calquera tipo de información relacionada cos animais de compañía debe poñerse en contacto co Concello, que é o organismo encargad0 de recoller os animais domésticos abandonados, tal como dixemos. Así mesmo, ofrecemos a nosa colaboración, na medida das nosas posibilidades, para asesorar á veciñanza da Baña no que sexa preciso con respecto a esta polémica lei.

Fonte:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171011/AnuncioC3B0-051017-0001_gl.html
http://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2018/01/10/perros-libres-cadenas-circos-animales/1252370.html
http://www.eldiario.es/caballodenietzsche/proteccion-animal-Galicia-avances-retrocesos_6_668493174.html
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2018/01/10/fegamp-exige-fondos-cubrir-costes-ley-proteccion-animal/0003_201801G10P26992.htm
http://lindeiros.gal/oroso-di-lei-de-proteccion-benestar/
www.sencadeas.info