Nova falta de respecto do señor Pereira cara CxG- Contesta a todas as preguntas formuladas polo PP e négase a responder ás de CxG. Crónica do pleno de 25 de xuño de 2020.

A sesión dá comezo puntual coa asistencia de toda a Corporación e sen público asistente para respectar as medidas de contaxio fronte ao COVID-19.

Imaxes íntegras da sesión da canle de Youtube municipal

1.- Aprobación das actas anteriores.

Dende CxG anunciamos que non imos votar a favor de aprobar as actas de 29 de xaneiro, 5 de febreiro, 4 de marzo e 27 de maio e 9 de marzo.

  • Votamos a favor da acta do 15 de xuño de 2020.
  • A do pleno do 9 de marzo non se nos remitiu.
  • Solicitamos as seguintes emendas:
  1. Retirar de todas as actas dos plenos ordinarios: “O alcalde pregunta se algún grupo político desexa someter á consideración do Pleno por razóns de urxencia, algún asunto non comprendido na orde do día que acompañaba á convocatoria e que non teña cabida no punto de rogos e preguntas”. O alcalde non pregunta se hai mocións de urxencia, non debe figurar na acta.
  2. Na acta do 29 de xaneiro, a pregunta número 4 de CxG facendo alusión á pregunta nº 12 do anterior pleno di que o alcalde responde: “que está aberto ás asociacións que colaboran activamente coa organización do entroido”. É falso o alcalde fixo alusión a que estaba aberto a colectivos (non é necesario que sexan asociación).
  3. A acta do 5 de febreiro non recolle a intervención da concelleira Mónica González (que aludía a que o importante é sacar adiante o proxecto do IDAE e que era unha conversa propia de críos), na acta onde di: “apunta que a luminaria á que fai referencia o proxecto técnico non existe no catálogo da empresa que supostamente as fabrica” solicitamos que se indique o nome e marca da luminaria: Edisson Shark.
  4. Acta do 4 de marzo: non recolle a resposta ás dúas primeiras preguntas de CxG (e sí se contestaron no propio pleno), á resposta á pregunta número 7 a acta non recolle que o alcalde dixo que había multitude de queixas no Facebook oficial “formouse unha categoría por grupos porque non se daban formado comparsas” (non se dixo no pleno). A número 8 debe recoller que o alcalde admitiu que había queixas no Facebook do Concello pola feira de cans pero que el mesmo investigou e se trataba de xente de fóra do Concello, non aparece a resposta da pregunta número 9 (protección civil na festa da filloa), na pregunta número 10 o alcalde responde que non recorda afirmar sobre a empresa ALICENTIS “temos que comérola”, non o recolle a acta. Na pregunta número 12 non se recolle a resposta da alcaldía de que non se cobrara a subvención polo patio infantil do CPI (no anterior afirmaba que si se cobraba).
  5. Acta 27 de maio, na acta debe figurar as respostas dadas pola alcaldía no propio pleno, non as resposta que queira a alcaldía e que non foron nin entregadas aos concelleiros/as por escrito. A acta ten que ser fiel ao mencionado no pleno non ao que quere a alcaldía. Debe figurar tamén que o pleno foi de forma telemática.

Ningunha das actas é aprobada.

Mocións

  • Moción en apoio da competitividade e futuro dos empregos de Alcoa (PP) VER MOCIÓN

David Gontán, concelleiro de CxG, toma a palabra e anuncia o voto a favor do seu grupo da seguinte forma: “Respecto ao tema de Alcoa, o noso grupo non vai utilizar politicamente este tema. É un tema que nos entristece, que esperemos que se poida solucionar, non so polos 534 despidos, senón polo que vai afectar a comarca da Mariña Lucense, vense de falar pouco en Madrid no Congreso dos Deputados, estase a falar mais do peche da planta de NISSAN. Desde o noso grupo queremos solidarizarnos con este problema e votaremos a favor da moción polo menos para que o tema se lle de visibilidade, e esperamos que tanto o goberno central e o autonómico lle poñan unha solución a este tema”.

A moción é aprobada co voto favorable de toda a Corporación

  • Moción para instar ao goberno de España a garantir a autonomía que a Constitución Española e que as leis outorgan as entidades locais para a xestión dos seus recursos (PP) VER MOCIÓN

No referente a esta moción, nos somos concelleiros da entidade local e debemos velar polos intereses desta, polo que votaremos a favor.

A moción é aprobada co voto favorable de toda a Corporación

 

ROGOS E PREGUNTAS DE CXG

O alcalde négase a contestarlle ningunha pregunta ao portavoz de CxG, aínda que responde a todas e cada unha das preguntas do portavoz do PP, parecéndonos unha falta total de respecto a CxG e a todos os nosos votantes.

En resposta a unha pregunta do PP o alcalde informa de que a se recibiu unha solicitude de derrogación da subvención do proxecto do IDAE de case medio millón de euros.

“Se finalmente se perde a subvención para un proxecto de 500.000 euros que xa estaba aprobada na anterior lexislatura e licitada, fágao mirar señor Pereira! Espero que se asuman responsabilidades e se dea a cara ante a veciñanza”. César Ramos.

  1. Antes de nada queremos solicitar copia de todas as facturas que quedaron sen pagar da anterior lexislatura. Sempre fan vostedes alusión a elas, hoxe incluso anuncian una nova débeda coa empresa VODAFONE de 30.000 euros. Solicitamos copia de todo o que se agou e o que queda por pagar.
  2. Respecto ás preguntas do anterior pleno esiximos que se nos entreguen por escrito, non incluílas na acta. A ver se despois dun ano de lexislatura se poñen vostedes de acordo dunha vez e seguen un criterio: empezaron contestándoas no pleno, despois léndoas no propio pleno e entregándoas por escrito e agora xa deciden incluílas nunha acta que está sen aprobar. Solicitamos as oportunas explicacións ás respostas que aparecen na acta do anterior pleno:
  • Os gastos do festival de Entroido van xa ata os 5875,53 euros que, segundo nos comentan hai que engadir o importe da carpa alugada (mais ou menos de 1000 euros) polo tanto a inversión nun festival dun só día elevarase mais ou menos aos 6.800 euros. Solicitamos que cando teñan a factura da carpa nola envíen. Non responden a parte da pregunta número 2, vostedes admiten que pagaron case 1500 euros polo aluguer dunha nave de 70 metros cadrados pero non responden a se ten aseos e auga corrente. Ten? Non responde tampouco se lle parece unha boa xestión ceder estas instalacións a unha persoa (non é unha asociación e a solicitude é dun particular) un mes e pico antes de publicar estas axudas e que se lle deixe dous meses máis as instalacións para o seu “desarme” (mes e medio coincidindo co estado de alarma, o pertinente confinamento e a imposibilidade de visitar esas instalacións). Parécelle unha boa xestión e aínda cre que non é trato de favor? Se foran os cartos seus vostede pagaría 370 euros mensuais por esa nave de 70 metros cadrados sen aseos? Nós estamos moi a favor de promocionar e de subvencionar aos colectivos do Concello que traballan de forma altruísta e tamén a este colectivo en concreto para as actividades de entroido ou calquera outro pero dunha forma igualitaria e racional.
  1. Respecto ao parque medioambiental do CPI de S. Vicente segue sen aparecer o informe que solicitamos teremos que conseguilo por outras vías. Vostedes danme unha resposta un tanto confusa, admiten que había un proxecto para a solicitude da subvención e unha vez aprobada a subvención vostedes mudaron o proxecto e a obra non se axusta á solicitude inicial. E din vostedes que é unha “práctica habitual” e que non é necesario atender ao informe do arquitecto autor do proxecto. É así non?A subvención que vostede mentiu dicindo que estaba cobrada e despois rectificou dicindo que non estaba cobrada, como está a día de hoxe? Esperemos que como vostedes afirman iso sexa “unha práctica habitual” e a subvención se cobre sen problemas unha vez que fagan a súa avaliación.

Se finalmente se perden os 30.000 euros de subvención por facer unha actuación que non se corresponde co proxecto inicial. Fágao mirar tamén, señor Pereira! César Ramos.

  1. Respecto á pregunta número sobre o 8 M, segundo a súa resposta, a vostede parécelle serio e normal dicir en comisión informativa que non vai haber actos o 8 M e días despois organizar un acto ese día sen informar previamente. É así? Que credibilidade e formalidade ten esta alcaldía?
  2. Afirman vostedes que durante o confinamento só se lle pagou ás empresas que non enviaron aos traballadores ao ERTE. Non me contestan se vostedes confirmaron que os seus traballadores ían cobrar. Fixeron algo ao respecto? O servizo de madrugadores, por fin, sabemos que custou case 5000 euros, 4970 euros, xa que debido ao estado de alarma o servizo quedou suspendido, entendo xa que logo, que a empresa presentou un ERTE. Entón o servizo custoulle aos veciños e veciñas da Baña por 5 meses (de setembro a febreiro) uns 828 euros ao mes. Volvo facer a mesma pregunta: ao señor alcalde parécelle unha boa xestión? Gustaríame que nos deran un informe dos nenos e nenas que participaron neste servizo para saber canto se pagou por neno/a e día. O mesmo que dixen antes, non volvan dicir nunca máis que non hai cartos para actividades culturais e cando algún colectivo lles pida unha subvención acórdense vostedes desta xestión que fixeron.
  1. Referente á sinalización con pictogramas aprobada por moción na anterior lexislatura (esta pregunta quedou pendente de atrás) queremos saber se o Concello vai participar no proxecto de Accesibilidade nos Concellos Galegos da Federación de Autismo de Galicia e que xa se dedica a establecer criterios técnicos comúns sobre a accesibilidade, elaborar materiais informativos e controlar o desenvolvemento do proxecto. Neste proxecto xa están participando moitos concellos galegos”. Tal como solicitamos dende CxG.
  1. Comentóusenos no pleno de 20 de novembro que se nos ía dar copia da modificación da ordenanza da Área Recreativa de Chans, coas pertinentes modificacións que solicitaba CxG aprobadas no pleno, e aínda non a temos. Solicitamos de novo copia da ordenanza que inclúa as modificacións propostas por CxG e que foron aprobadas.
  1. O 28 de febreiro celebrouse o Día Mundial das Enfermidades Raras. En xaneiro de 2018 aprobouse unha moción presentada por CxG sobre este tema (á que vostedes votaron a favor, non sei se lembran), un dos puntos aprobados dicía: con motivo de cada 28 de febreiro, organizar unha campaña de sensibilización e información sobre esta problemática, que chegue a todos os sectores de poboación, para que os veciños e veciñas da Baña fagan conciencia da importancia destas patoloxías. Non fixeron vostedes nada, nin sequera unha simple publicación na web municipal. Demandamos que se cumpran os acordos aprobados por moción e que se teña en conta esta reivindicación.
  1. Queremos saber como están as xestións para a adquisición de desfibriladores. Na anterior lexislatura (xaneiro de 2017) aprobouse unha moción para dotar as instalacións municipais de desfibriladores. Nun pleno desta mesma lexislatura afirmouse que xa se pediran presupostos a varias empresas. Solicitamos copia destes presupostos. Cando se van adquirir?
  1. Volvemos solicitar que unha vez celebradas as eleccións ao parlamento de Galicia se publiquen na web municipal os resultados por mesas electorais para informar á veciñanza con total transparencia.
  1. Queremos saber se se efectuou a limpeza e desinfección dos parques infantís. Informamos que é necesario unha supervisión de todos eles, xa que moitos están en mal estado. O de S. Vicente é un perigo para a integridade física dos e das menores solicitamos un arranxo. Non chega con poñer un cartel informativo é necesario precintalos para que se vexa que non se poden utilizar as instalacións.
parque3
parqueParque infantil de S. Vicente
  1. Para que se organiza unha reunión cos grupos políticos para tratar o campamento urbano, se previamente xa se publicou na web municipal todo o referente sobre esa actividade. Para iso, mellor manden a información. É inconcebible que nos enteremos sempre por informacións alleas á Corporación.
  1. Como é que se publica no BOP que están colgadas as bases na web municipal e no taboleiro de edictos para a contratación dun tractorista e un socorrista pero non están. Os prazos para a presentación de solicitudes xa son curtos, é necesario cumprilos estritamente.
  1. Queremos saber, igual que solicitamos no pleno de xaneiro do presente ano, se as dietas cobradas de máis polo señor alcalde e a concelleira de cultura xa foron devoltas á tesourería.
  1. Respecto ao campamento urbano déanlle vostedes unha volta e poñan unhas normas estritas e un protocolo de actuación se existe algún posible contaxio. Relacionado con este tema, borren xa e canto antes a cláusula 4 da folla de inscrición aos campamentos que vai en contra dun dereito fundamental de calquera cidadán: incumpre o artigo 1255 do Código Civil, o artigo 24 da Constitución (dereito á tutela xudicial efectiva) e o artigo 47.1 a da Lei de 1 de outubro e por favor, asesórense antes de facer este tipo de cousas que non teñen nin pés nin cabeza.
clausula inscricion campamentos xuño 2020

VER SOLICITUDE COMPLETA DE INSCRICIÓN NOS CAMPAMENTOS

 

  1. Solicitamos que dende o grupo de goberno se fale máis cos veciños e veciñas cando se fai algún tipo de obra e que se actúe de forma imparcial sempre (sei que é difícil despois de 24 anos na oposición pero as obras deben ser imparciais e non beneficiar a ninguén). Para a obra de Duomes ao final decidiron seguir a modificación do proxecto e iso que solicitamos que se volvera falar co propietario da parcela que nun primeiro momento non quería ceder terreo (xa hai problemas co estado final da actuación con fochancas e iso que aínda non choveu). En Ordoeste as obras puideron facerse mellor se o Concello falara con veciños que querían ceder terreo para ampliar o ancho da estrada. En Corneira problemas e máis problemas. Solicitamos un informe desa actuación, as modificacións do proxecto e o gasto final da actuación. Non sei que fan vostedes coas obras e como xestionan ese traballo pero de verdade solicitamos que poñan vostedes máis empeño porque nunca vin tantas queixas xeneralizadas por unha mesma cousa. Algo se está a facer mal.
índiceActuación realizada en Ceilán (Monte)
  1. -Soilcitamos unha mellora nun camiño no monte Represas no camiño que vai da estrada xeral de Vilar da Torre (Lañas) á Estivadiña que está totalmente intransitable.
camiño monte estivadiña
  1. No referente aos servizos sociais, a Xunta de Galicia ven de reforzar o servizo SAF (Servizo de Axuda no fogar), asignando 500mil horas de coidado no domicilio ao mes de forma que non teña coste para os usuarios. Cantas horas lle foron concedidas ao Concello da Baña, e cantas se adxudicaron aos nosos usuarios?
  2. En vista que os centros de día non van abrir ata polo menos setembro, reforzouse ou púxolle este servizo aos usuarios que utilizaban os centros de día?
  1. Con respecto á piscina municipal queremos saber se se necesitan reformas para esta nova normalidade? e se a resposta e afirmativa coñecer cales son e o custo aproximado destas. Como vai ser o funcionamento da piscina municipal?

A sesión remata ás 22.30 h.