Non tan ben como vostede, amigo Lois.

lazo_negro_rosa

Difícil tratar de encadear unhas palabras neste papel unha vez coñecedor da fatídica e inesperada nova que me deron onte no serán, cando unha mensaxe de texto causaba nos meus miolos un repentino impacto de forte tristura acompañado dun sentimento de total impotencia.

O teu corazón cansado e esgotado despois de tanto esforzo e sufrimento cansouse de loitar e deixou de latexar deixando en nós un baleiro imposíbel de substituír.

Coñecinte hai uns anos nunha reunión política cando me dixeron que no pobo veciño había unha persoa que tiña intención de crear unha agrupación local de CxG en Negreira e que ía formar parte do Consello Nacional, como representante dese municipio. Dende aquela moitas foron as charlas, xuntanzas, celebracións e actos no que foi un privilexio aprender e loitar ao teu lado por un compromiso, un compromiso como ti dicías no teu artigo: “Compromiso con Galicia, cos galegos, coa boa xente que ven a nosa terra, co noso futuro… e pensando unicamente que se algo é bo para os galegos; é bo para Galicia”.

Nos moitos encontros que tivemos ti máis eu, ían precedidos sempre polo mesmo prólogo, estreitando a túa man: que tal Lois? Como andamos? E ti cun sorriso na cara, seguramente condicionado polos problemas de saúde que dende fai moito te acompañaron, a mesma resposta de sempre: “Non tan ben como vostede”.

Pois teño que dicirche, amigo Lois, que as cousas non van nada ben por aquí, hoxe é un día moi triste, hoxe os minutos e segundos pasan lentamente e veñen acompañados dun olor a tristura e melancolía porque o inmenso baleiro que deixas convértese nunha fonda ferida moi difícil de aliviar, sequera de asimilar.

Compañeiro fiel, amigo dos teus amigos e loitador constante, ten presente que a pegada que deixas endexamais será borrada. Ten a seguridade tamén que cada un dos logros e éxitos que academos, por moi grandes ou pequenos que sexan,  ti, alá onde esteas, serás protagonista principal deles.

Hoxe, no que a dor e incomprensión son tan fortes pola túa prematura e inesperada marcha, quero tratar de despedirme de ti con estas palabras esforzándome por debuxar un sorriso na miña cara. Négome a pensar que sexa unha despedida real e sexa tan só un “ata logo, compañeiro”, unha aperta entre dous amigos que saben que van tardar en volverse ver pero coa seguranza de que non é unha despedida para sempre, unha despedida sen fin, un ata sempre. Teño a certeza que algún día, alá onde esteas agora mesmo, nos volveremos ver e dándoche de novo unha forte aperta volverei dicirche: que tal Lois? Como andamos? E de novo volverei ver o sorriso na túa faciana e volverei escoitar outra vez ese cumprido da túa boca: Non tan ben como vostede…

Que a terra che sexa leve, amigo Lois.

A Luis Martínez Bascoy in memóriam.

clone tag: -6578702142345938648

 

César Ramos Domínguez

Secretario local de Compromiso por Galicia A Baña.