Moción sobre o regulamento orgánico e de funcionamento do Concello da Baña

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para ser tratada pola corporación municipal.

MOCIÓN SOBRE O REGULAMENTO ORGÁNICO E DE FUNCIONAMENTO DO CONCELLO DA BAÑA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Lei 5/97, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, no seu artigo 59 dá potestade aos Concellos para crear o Regulamento orgánico municipal que constitúe a norma básica para regular o funcionamento dos órganos de representación política municipal.

O Concello da Baña carece de Regulamento orgánico; esta carencia vai en detrimento das funcións do Pleno da Corporación e das distintas Comisións informativas creadas no Concello da Baña, das cales moitas non teñen funcionamento real ningún.

Cómpre aprobar o Regulamento orgánico coa finalidade esencial de prestixiar e potenciar a institución municipal, de mellorar o funcionamento do Pleno da Corporación e de facilitar o cumprimento das funcións que ten encomendadas como órgano de debate político, de definición de obxectivos e liñas esenciais das diferentes políticas públicas e de control e fiscalización da acción do goberno municipal.

É necesario tamén regular que a veciñanza poida intervir no Pleno Municipal, onde se exerce a potestade normativa a nivel local e establecer deste xeito unha canle de comunicación real e eficiente coa sociedade da Baña, coas asociacións, comunidade educativa e outras entidades ou persoas implicadas no desenvolvemento do concello.

Entre outros aspectos a incorporar no futuro Regulamento orgánico, COMPROMISO POR GALICIA propón:

a) Establecer o debate sobre o estado do municipio da Baña que se celebrará anualmente para analizar a situación xeral do Concello e debater as liñas mestras da acción de goberno.

b) Regular de forma clara o dereito á información dos concelleiros e concelleiras, así como o acceso directo á información.

c) Regular de igual forma as sesións do Pleno da Corporación estipulando regras xerais sobre os debates e intervencións tanto de membros da corporación como da cidadanía en xeral.

d) Incorporar a este regulamento os principios da Lei 19/2013 de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno pola que os Concellos teñen a obrigatoriedade de facilitar información sobre contratos municipais, contas públicas, retribucións e outras cuestións.

e) Establecer que calquera informe, traballo, memoria ou ditame requirido mediante contrato ou en atribucións das súas competencias polo Concello a profesionais, entidades ou empresas alleas a aquel sexa redactado e entregado en idioma galego, agás documentos que soliciten expresamente outro idioma.

En calquera caso, debe procurarse que o Regulamento orgánico obteña o maior grao de consenso posible entre todos os grupos municipais presentes na Corporación.

Por todo isto, COMPROMISO POR GALICIA formula esta moción a fin de que o Pleno se pronuncie sobre a mesma e adopte o seguinte

ACORDO

Instar ao Goberno municipal a elaborar un proxecto de Regulamento Orgánico Municipal e sometelo ao Pleno da Corporación para o seu debate e aprobación.