Moción sobre o gas radon

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para ser tratada pola corporación municipal.

MOCIÓN SOBRE O GAS RADÓN

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O gas radon está presente no subsolo de forma natural, pero na comarca de Barcala e especialmente no concello da Baña ten un dos índices máis altos de Galicia, segundo as medicións e o mapa elaborado pola USC.

Segundo estudos feitos nos últimos anos pola Organización Mundial da Saúde, OMS, o gas radon é a segunda causa de cancro de pulmón – entre un 10 e un 12 % dos casos – e a primeira en non fumadores. A súa concentración mídese en bequerelios por metro cúbico.

Este gas é un factor de risco do cancro broncopulmonar, pois en fogares con niveis elevados de radon existe máis do dobre de probabilidades de presentar cancro de pulmón. Polo tanto, está demostrada a transcendencia para a SAÚDE PÚBLICA do papel do radon domiciliario.

O Mapa de Radon en Galicia presenta as comarcas con alto risco de radon. O Concello da Baña é unha zona de alto risco por presentar  as maiores medidas de exposición ao radon (o 26,3 % das vivendas medidas teñen unha concentración maior de 300 bq/m3).

Esta situación pódese paliar con sinxelas medidas preventivas que diminúen esta concentración nos fogares e que a poboación debe coñecer: ventilación, practicar aberturas de aireación nos sotos…

A Organización Mundial da Saúde, OMS, ten en marcha un proxecto para instar aos gobernos a tomar políticas de redución do radon en edificios públicos e vivendas.

O Decreto 262/2007 de 20 de decembro onde se aproban as normas do hábitat galego, recolle que: “… terase especial consideración na eliminación da posible contaminación das vivendas por gas radon.”.

Os responsables do Laboratorio de Radon de Galicia inciden na importancia da prevención, e apuntan  solucións que pasan pola implicación das Administracións Públicas estatais, autonómicas e locais

Por estes motivos propoñemos os seguintes ACORDOS á corporación municipal:

  1. Realización dunha campaña informativa sobre os efectos do gas radon, incidencia e posibles efectos, que chegue a todos os fogares do concello, así como dar a coñecer as medidas preventivas.
  2. Medición dos índices de gas radon que existen nos edificios públicos de ámbito municipal do Concello da Baña.
  3. Promover a medición naqueles fogares que o desexen, con medidas por parte do concello que reduzan o seu custe, como poden ser acordos coa USC ou outras a considerar.