Moción sobre a subvención á Unión Barcalesa da Habana

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para ser tratada pola corporación municipal.

MOCIÓN SOBRE A SUBVENCIÓN Á “UNION BARCALESA DA HABANA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Unión Barcalesa da Habana creouse na capital cubana un 3 de novembro de 1907 e agrupa aos descendentes dos nosos emigrantes e as súas familias. Esta sociedade levou adiante unha importante labor nos anos 30 de construción de escolas na nosa comarca, cuxos edificios aínda están en perfecto estado; as escolas de Aro e Covas no Concello de Negreira e a escola de Seoane no Concello da Baña, levando á práctica unha importante tarefa no desenvolvemento cultural e social en toda a comarca do Val de Barcala, e a día de hoxe supón a única colectividade organizada de emigrantes barcaleses no mundo.

A Unión Barcalesa é, ademais, unha das sociedades que máis prestixian o entorno galego en Cuba, para facer avanzar os programas da galeguidade, como é a atención aos maiores e as actividades culturais. A sociedade ten, así mesmo, o seu propio panteón no cemiterio Cristóbal Colón onde están soterrados case a totalidade dos emigrantes barcaleses sepultados en Cuba. Este panteón constitúe un patrimonio do Val de Barcala en Cuba.

Somos coñecedores da boa relación existente entre esta sociedade e os Concellos de Negreira e da Baña e que varios foron os momentos nas últimas décadas en que se lles prestou colaboración e axuda humanitaria.

O pasado 14 de xullo o seu presidente Manuel Rodríguez Barreiro , enviou unha notificación ao catedrático de Historia Xosé Amancio Liñares Giraut, autor do libro “Son para a Unión Barcalesa de la Habana”, agradecendo que o Concello de Negreira aprobara nos seus orzamentos, con unanimidade de todos os grupos políticos con representación municipal, unha subvención anual que se converterá con seguridade nun compromiso con periodicidade anual.

Cremos que o Concello da Baña tamén debería adoptar unha decisión nuns termos semellantes e así axudar a que esta sociedade garanta a súa continuidade, xa que en palabras do seu presidente: “Eso va a ayudar a salir del hueco económico en que estamos y tratar de que los jóvenes se acerquen más a la sociedad para que se hagan cargo en algún tiempo de la misma (…). Esa ayuda marca la diferencia entre seguir con la sociedad y desaparecer”. Por todo o mencionado Compromiso por Galicia A Baña PROPÓN AO PLENO DO CONCELLO DA BAÑA A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDOS:

  1.  Que a corporación municipal acorde incluír nos presupostos anuais unha cantidade a modo de subvención anual para a Unión Barcalesa da Habana.
  2.  Continuar mantendo unha colaboración permanente con esta importante sociedade Barcalesa.

A Baña 19 de xullo de 2016