Moción sobre a recuperación da ruta posxacobea cara Muxía.

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para ser tratada pola corporación municipal.

MOCIÓN SOBRE A RECUPERACIÓN DA RUTA POSXACOBEA CARA MUXÍA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Camiño de Santiago aglutina características que o converten nun elemento destacado do patrimonio cultural galego. O seu significado relixioso, o seu interese cultural e o seu potencial turístico converten á Ruta Xacobea nun recurso cun potencial enorme para a xeración de actividade cultural e económica ao longo dos seus diferentes trazados.

O Camiño de Santiago vaise consolidando co paso dos anos nun dos atractivos turísticos máis importantes de Galicia. Proba diso é que gran parte dos visitantes a Galicia chegaron directa ou indirectamente a través desta ruta de peregrinación milenaria. Constitúe, sen dúbida, unha marca turística de éxito e internacionalmente coñecida e, á súa vez, de prestixio, polo valor que supón acharse incluído na lista de bens Patrimonio da Humanidade.

Por outra banda, en moitos municipios, o interese e a implicación da Administración pública e da iniciativa privada permiten a posta en valor do Camiño de Santiago converténdoo nun recurso referente e principal do seu sector turístico.

Somos coñecedores de que a asociación Grandimirum de Brandomil, xunto con outros colectivos veciñais da Pereira (Santa Comba), San Cosme de Antes (Mazaricos), Baíñas e Berdoias (Vimianzo) contando coa colaboración dos Concellos de Zas, Muxía e Santa Comba están traballando dende fai uns meses no recoñecemento da ruta alternativa do Camiño de Santiago ata Muxía, da cal hai diferentes indicios históricos de que pasaba por parroquias do Concello da Baña.

Esta ruta  está documentada dende o século XV en diferentes documentos cartográficos e rutas de viaxes de nobres europeos.

O escritor e investigador Rafael Lema manifesta que Muxía, ao igual que Fisterra posúe a súa ruta medieval documentada e rexistrada e ademais é mais antiga que a de Fisterra. Existen moitos documentos que confirman o paso desta ruta polo noso Concello. O mapa do Reino de Galicia de 1812, por exemplo, marca os dous camiños a Fisterra e Muxía, o segundo dende Negreira por Barcala, Ordoeste, Marcelle (Santa Comba), Antes, Brandomil e Baíñas.

O proxecto, que comezou este verán pasado dando a coñecer a ruta coa organización dunha andaina pola ruta en catro etapas (unha das cales comezaba no noso Concello), continuará dando os seguintes pasos:

  • Identificación do trazado óptimo: unha vez feito o recoñecemento dos camiños funcionais, farase a marcación definitiva dos mesmos, para que todos aqueles peregrinos que queiran facer esta ruta alternativa a poidan facer sen ningún tipo de dificultade.
  • Recollida de documentación histórica para facer a petición de recoñecemento administrativo.
  • Promoción desta nova ruta alternativa do Camiño Santiago-Muxía.

Coñecendo a condición de produto turístico das rutas xacobeas e que fai que sexa un fenómeno económico que xera rendas e empregos así como un instrumento de desenvolvemento turístico rexional capaz de revitalizar os lugares que atravesa e tendo en conta todo o mencionado, Compromiso por Galicia A Baña PROPÓN AO PLENO DO CONCELLO DA BAÑA A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDOS:

  1. Ofrecer a colaboración da entidade local na recollida de información relativa ao Concello da Baña para a documentación histórica desta ruta posxacobea.
  2. Poñer os medios persoais e materiais do Concello para o recoñecemento, promoción e posta en valor desta ruta.
  3. Colaborar na medida do posible na consecución deste proxecto que pode ser importante para o desenvolvemento turístico do Concello da Baña.
camino-real-muxia

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A Baña 27 de outubro de 2016