Moción sobre a recollida e xestión de aceite doméstico usado

No noso programa electoral tiñamos un punto adicado á xestión de residuos: “Elaboración dun mapa municipal de colectores de lixo, xunto a un plan de limpeza dos mesmos e aumentar o seu número situándoos naquelas aldeas ou zonas nas que sexa necesario.”

A día de hoxe no noso concello aínda non coñecemos ningún punto de recollida de aceite doméstico. Xa que logo, onte presentamos esta moción para que o pleno da Baña aprobe a instalación de colectores onde poder depositar o aceite que empregamos nas nosas casas. Ademais solicitamos que a súa xestión se faga da mellor forma posible, e preferiblemente por entidades que teñan un fin social. Todo isto xunto cunha campaña informativa aos veciños para fomentar a reciclaxe dese aceite.


 

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para ser tratada pola corporación municipal.

MOCIÓN SOBRE A RECOLLIDA E XESTIÓN DE ACEITE DOMÉSTICO USADO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A polución e a contaminación son temas que cada día preocupan máis á sociedade polos efectos nocivos que causan na saúde das persoas.
É unha das responsabilidades dos Gobernos loitar por minimizar e incluso eliminar no posible ambos problemas. Os Concellos como institucións máis achegadas á cidadanía deben ser un dos motores que aposten polas enerxías renovables, e polo desenvolvemento sostible, así como pola reciclaxe do lixo, preservando así o entorno, a vida e saúde dos cidadás e cidadáns.

O aceite que empregamos nos nosos fogares é un dos residuos máis contaminantes que xeramos no noso día a día. Calcúlase que un litro de aceite vexetal contamina 1000 litros de auga e o propio residuo xerado a partir de aceites usados é actualmente unha das principais causas de contaminación das nosas augas o cal é consecuencia directa da súa vertedura incontrolada. A dinámica xeral demostra que unha vez utilizado, o aceite doméstico usado vértese polos desaugadoiros á rede de sumidoiros, xerando atascos e malos cheiros nos canos das nosas vivendas, co que non só temos un problema ambiental, senón un problema social, co incremento de custo de mantemento das depuradoras ou as obstrucións nos canos domésticos.

Neste sentido, a reciclaxe do noso aceite usado ademais de evitar a contaminación e redundar nun importante aforro tanto para os veciños e veciñas como para as propias arcas municipais; a reciclaxe do nosos aceite usado, a través dun procedemento industrial, pode ter tamén utilidades enerxéticas, farmacéuticas e cosméticas.

Con aceites usados domésticos pódense fabricar xabóns, biodiesel, vernices naturais, pinturas, etc. , sendo esta labor realizada en moitos casos por ONGs ou FEAPs onde fomentan o emprego de calidade para persoas discapacitadas.

A fórmula para evitar os danos ambientais e o gasto en depuración é tan sinxela como non verter o aceite polo sumidoiro; pero para iso o primeiro que hai que realizar é un proceso de concienciación da poboación para que refugue o aceite usado de forma axeitada e facilitarlle, sobre todo, a forma de facelo instalando colectores onde poidan depositalo facilmente, xa que a distancia do punto limpo fai desistir moitas veces á veciñanza da reciclaxe do aceite doméstico, pois tras acumulalo na casa hai que trasladarse ata un punto limpo nada próximo para moitos veciños ou veciñas.

Dende Compromiso por Galicia A Baña consideramos que é indispensable velar pola correcta xestión dos residuos que xeramos, entre eles o aceite doméstico usado, polo que, tendo en conta as desastrosas consecuencias da vertedura incontrolada de aceites domésticos e coa finalidade de facer a reciclaxe máis fácil aos nosos veciños e veciñas; Compromiso por Galicia A Baña PROPÓN AO PLENO DO CONCELLO DA BAÑA A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDOS:

  1. Que dende o Concello se proceda á instalación, tanto en S. Vicente como nas diferentes parroquias, de colectores dedicados especificamente á recollida de aceites domésticos usados.
  2.  Que se analice a mellor, e máis económica, forma de xestionar a recollida e eliminación destes residuos, preferiblemente a través de entidades que fagan desta recollida unha labor social.
  3.  Que se realice unha campaña informativa a través dos medios municipais para informar sobre o porqué da reciclaxe de aceite usado e os seus posibles usos, contribuíndo á concienciación da veciñanza con respecto ao medio ambiente.