Moción sobre a instalación de desfibriladores nos espazos municipais.

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para ser tratada pola corporación municipal.

MOCIÓN SOBRE A INSTALACIÓN DE DESFIBRILADORES NOS ESPAZOS MUNICIPAIS.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O artigo 43 da Constitución recoñece o dereito á protección da saúde e declara que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través das medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios.

No noso país, segundo datos do 061, este servizo está atendendo ao ano arredor de 800 mortes súbitas fóra dos hospitais. Ante unha parada cardíaca é vital unha actuación rápida debido a que as posibilidades de supervivencia diminúen co paso do tempo. Coñécese que se se actúa nos 5 primeiros minutos trala parada, estas posibilidades aumentan nun 90%. Cada minuto de retraso na desfibrilación, reduce a probabilidade de sobrevivir entre un 7 e un 15%.

O 80% das persoas falecidas por parada cardíaca poderían terse evitado se se empregara un desfibrilidador combinado coas técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP) desde que se produce a parada ata que chegan os servizos de emerxencias.

O desfibrilador (DESA) é un pequeno equipo médico capaz de analizar o ritmo cardíaco de forma automática ou semiautomática e desfibrilar o corazón. Ten unha batería que garante o seu funcionamento autónomo e emprega parches autoadhesivos para monitorizar o ritmo cardiaco e aplicar os pulsos eléctricos. Os automáticos só precisan estar prendidos e cos parches postos para funcionar. Namentres, os semiautomáticos requiren que o operador presione un botón para comezar o análise do ritmo cardíaco e outro para administrar os choques.

En Galicia o marco que establece os requisitos de formación e o uso de desfibriladores externos por persoal non médico é o Decreto 99/2005, do 21 de abril. Este marca as condicións de uso extrahospitalario dos desfibriladores externos e a formación necesaria para a utilización e manexo dos mesmos por persoal non médico no ámbito extrahospitalario, e a súa acreditación.

Por todo o explicado, é de vital importancia que naqueles espazos onde existe unha gran aglomeración de xente ou se desenvolva unha actividade deportiva se conte cun desfibrilador cuxo uso aumente as posibilidades de supervivencia se se produce a situación de PCR. Pero segundo o decreto 99/2005 o seu uso só poderá realizarse por persoal que acredite a formación, coñecementos e habilidades necesarios, a través dos correspondentes programas de formación e actualización de coñecementos.

No mesmo sentido, a execución da RCP en combinación coas descargas do desfibrilador esixe que as persoas encargadas dos espazos públicos tales como os pavillóns, os campos de fútbol, a piscina ou as demais dependencias municipais dispoñan da formación precisa para proceder coas maniobras de RCP e do uso dos desfibriladores.

Por estes motivos propoñemos á corporación municipal os seguintes

ACORDOS

  • Avaliar os espazos públicos e deportivos nos que sería necesario a instalación de desfibriladores, presentándose unha proposta técnica e económica que priorice o incremento da seguridade sanitaria no municipio. Consideramos a instalación nos pavillóns municipais da Baña e Lañas, no campo de fútbol de Cartas,no centro da 3ª idade, na Casa do Concello e na piscina municipal (portátil).
  • Dispoñer dun disfibrilador portátil en actividades realizadas ao aire libre onde non se conte con servizos de emerxencia que sexan promovidas ou organizadas polo Concello, así como a posta a disposición do mesmo nas nosas Escolas Deportivas Municipais, en especial cando compitan fóra, en instalacións que non garantan ter medios suficientes para atender emerxencias deste tipo.
  • Instar á Consellería de Educación a que dote ao centro educativo dun desfibrilador.
  • Os espazos nomeados anteriormente tamén contarán cun botiquín que conteña os elementos necesarios para poder desenvolver actuacións de primeiros auxilios.
  • Obrigar aos encargados das dependencias municipais onde se instalen os desfibriladores a formarse debidamente na utilización dos mesmos.
  • A formación en primeiros auxilios poderá ampliarse á veciñanza do noso concello que así o desexe mediante a comunicación pública desta formación.

Asdo.

A Baña, 16 de xaneiro de 2017