Moción sobre a defensa do patrimonio cultural da Baña.

MOCIÓN SOBRE A DEFENSA DO PATRIMONIO CULTURAL DO CONCELLO DA BAÑA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A lei 2/2016 de 10 de febreiro do solo de Galicia no seu artigo 12 establece que os municipios  exercerán como competencias propias todas as facultades atribuídas na presente lei en materia de protección do patrimonio histórico.

Na lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, especifícase que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles, ou manifestacións materiais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

Segundo a citada lei, as entidades que integran a Administración Local, en relación cos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial teñen, entre outras, as obrigas de:

  1. a) Protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural.
  2. b) Adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que visen a súa integridade ou valor ameazados.

Ademais, o artigo 32 especifica que as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e, a evitar a súa perda, destrución ou deterioro.

No noso concello sabemos que a maioría destes bens atópanse en propiedades privadas, onde se debe ter en conta a aplicación do artigo mencionado para a súa posta en valor.

Por isto facemos fincapé na idea de que non só basta coa conservación e recuperación puntual do noso patrimonio, senón que tamén se require un programa de sensibilización, educación e información da veciñanza.  Desta forma as veciñas e veciños da Baña coñecerán mellor o patrimonio que temos, podendo valoralo e polo tanto coidándoo e conservándoo. Con isto, a longo prazo aforraremos parte das partidas económicas que se teñen que dedicar puntualmente para os coidados e limpezas necesarios.

Tendo en conta todo o mencionado, así como o catálogo arqueolóxico do noso Concello e  observando o mal estado de conservación no que se atopan estes bens, Compromiso por Galicia A Baña PROPÓN AO PLENO DO CONCELLO DA BAÑA A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDOS:

1.- A colaboración da entidade local para a protección, defensa e posta en valor dos bens de patrimonio cultural presentes no noso concello.

2.- Elaborar un catálogo completo de todo o patrimonio cultural que complemente o catálogo arqueolóxico do Concello.

3.- Notificar aos propietarios dos terreos con presenza de bens patrimoniais e asesoralos respecto ás medidas preventivas aplicables para garantir a súa conservación.

4.- Estudar a posibilidade de elaborar unha estratexia/programa municipal para a sensibilización e educación da veciñanza e conseguir así unha mellor conservación do patrimonio.

5.-   Explorar a posibilidade de conseguir fondos destinados a conservación e recuperación do patrimonio no termo municipal.