Moción relativa a creación dunha taxa pola utilización e/ou aproveitamento do dominio público local por parte de empresas de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos.

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello  da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para ser tratada pola corporación municipal.

Moción relativa a creación dunha taxa pola utilización e/ou aproveitamento do dominio público local por parte de empresas de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Tribunal Supremo ven de determinar en varias sentenzas que os concellos comecen a valorar como construcións ás liñas instaladas polas compañías eléctricas de alta tensión e as canalizacións de gas, á hora de calcular a base impoñible do custo por uso do dominio público nas que se sitúan.

Os fallos contrarios ás empresas Unión Fenosa, Gas Galicia ou Rede Eléctrica, e con impacto directo no resto do sector eléctrico que fan uso do dominio público para o transporte da enerxía eléctrica requiren que as ordenanzas fiscais regulen unha taxa pola utilización ou aproveitamento deste.

A Lei Reguladora das Facendas Locais establece que as empresas eléctricas, auga, gas ou hidrocarburos están obrigadas a pagar unha taxa fixada por un informe técnico por atravesar o dominio público local, aínda que non subministren. Porén, e aprobadas esas ordenanzas reguladoras nalgún dos concellos para fixar esa obriga, as empresas nunca aboaron esa taxa, acudindo aos tribunais contra as entidades locais impulsoras.

Estas recentes sentenzas emitidas polo TS avalan o cálculo das taxas dacordo cun estudo técnico-económico onde se empregan criterios coma a suma do valor catastral do solo rústico con construcións co valor das instalacións, e a base impoñible é o resultado de realizar o produto dese valor da instalación ao coeficiente de relación co mercado e a ocupación en metros cadrados que corresponde a cada metro lineal. Polo tanto, a idea é a de establecer o valor que lle corresponde ao aproveitamento ou uso do que gozan as empresas destes aproveitamentos privativos que atravesan o solo que é propiedade municipal.

Desta forma, a taxa que deberían pagar situaríase entre os 3.000 euros e 12.000 euros por metro lineal no caso das instalación de transporte eléctrico, segundo o tipo de tensión -baixa,media ou alta, e no que atinxe ao transporte de gas, entre os 500 euros e os 4.000 euros.

Con estas sentenzas pónse de manifesto a legalidade de gravar a utilidade que lle reporta a estas empresas a utilización privativa ou o aproveitamento especial do solo que forma parte de todos, e que en moitas ocasións implica a exclusión doutros usos, para unha actividade industrial consistente no transporte e distribución de enerxía eléctrica, de auga, de gas ou hidrocarburos.

Polo exposto anteriormente, é necesario iniciar canto antes os procedementos e trámites para poder facer efectiva a taxa pola utilización e aproveitamento do dominio público local polas empresas titulares de instalacións de transporte de enerxía eléctrica, hidrocarburos ou gas.

Con esta taxa poderase mellorar o nivel de recadación do noso concello. Ademais, ante a previsible instalación de parques eólicos na Baña e as liñas de transporte eléctrico que se construirán para a evacuación da enerxía xerada por estes, fará que desde o primeiro minuto da posta en marcha dos parques se repercuta esta taxa nas arcas municipais. Tamén estaría ben incluír na redación desta ordenanza as instalacións de hidrocarburos e gas debido ao proxecto de autorización administrativa promovido por Gas Galicia SDG, para a distribución de gas natural na vila da Baña, como forma de evitar posteriores correccións na ordenanza, quedando determinada desde a súa creación  estoutros sectores.

Por todo o exposto, propoñemos ao Pleno do Concello da Baña a adopción dos seguintes

ACORDOS

Que o Concello da Baña inicie os estudos e xestións necesarios para a tramitación e aprobación, a través da correspondente ordenanza fiscal reguladora, dunha taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público local polas empresas titulares de instalacións de transporte de enerxía eléctrica, auga, gas ou hidrocarburos, e o seu cobro en beneficio do municipio, segundo a doutrina marcala polas sentenzas do Tribunal Supremo que así o avalan.

A Baña 16 de maio de 2017