Moción pola defensa da biodiversidade fronte á eucaliptización.

Plantaciones-eucaliptos-monte-gallego_EDIIMA20170628_0168_19

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para ser tratada pola corporación municipal.

 

MOCIÓN POLA DEFENSA DA BIODIVERSIDADE FRONTE Á EUCALIPTIZACIÓN

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

No Real Decreto 630/2013 de 2 de agosto entra en vigor o Catálogo Español de Especies Exóticas e Invasoras (EEI), co obxecto de reforzar a protección do medio ambiente e a biodiversidade. O problema causado polas especies invasoras foi considerado prioritario dentro da Estratexia da Biodiversidade da Unión Europea para o ano 2020, aprobando o Regulamento 2016/1141 sobre especies exóticas e invasoras.

Unha EII é entendida como “aquela que se introduce ou establece nun ecosistema ou hábitat natural ou seminatural e que é un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa”

Dende os anos 60, Galicia, Asturias, norte e centro de Portugal e sur-oeste de Andalucía foron territorios repoboados coa especie exótica eucalipto, para abastecer as fábricas de pasta de papel con esta madeira. O que nun principio pareceu que se trataba de dispor dun número determinado de hectáreas desa especie, co paso do tempo foi incrementándose exponencialmente. Dende as 130.000 hectáreas do ano 1973 (segundo o primeiro inventario forestal do estado: IFN), ata en 2016 chega a ocupar en Galicia a máis de 400.000 ha. entre masas puras e mixtas (con outras especies), o que representa practicamente a quinta parte do monte galego. E dicir, os eucaliptais medraron en superficie un 300% en 43 anos.

Dito incremento asóciase a varias causas. Aparte das repoboacións voluntarias apoiadas e subvencionadas dende a administración como único cultivo forestal alternativo, destaca o avance de plantacións incontroladas en terreos de labradío, agravado polos incendios forestais, cando se dan as mellores condicións de propagación pola velocidade do lume e o lanzamento de muxicas (poden chegar a máis dun km, cos conseguintes riscos para a poboación do entorno)

Ademais, os eucaliptais convértense en terreos con escasa biodiversidade, debido aos aceites esenciais das follas, que forman ao caer unha capa sobre o chan cunha baixa taxa de descomposición. Por outra banda, as raíces procuran humidade e auga chegando a percorrer máis de 50 m en eucaliptos de 25 m de altura, penetrando en depósitos e mananciais, e creando unha maraña superficial que impide a filtración das augas cara aos acuíferos.

O Plan Forestal de Galiza de 1992, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego para un período de 40 anos, que contemplaba poñer freo ás repoboacións de eucalipto, resultou un auténtico fracaso, xa que no período de control previsto, só entre 1992 e 1998, a superficie de eucalipto aumentou en 60.000 hectáreas; é dicir, en seis anos excédense as previsións totais do plan de 40 anos.

Asemade, a proliferación do eucalipto ven acompañada de pragas e enfermidades, (algunhas foráneas, que chegaron coa importación de madeira desa especie), insectos como a Phoracantha semipunctata, o Gonipterus scutellatus (gorgullo do eucalipto) e fungos. Isto leva aos produtores e ás empresas pasteiras a aplicar insecticidas e funxicidas de forma extensiva e intensiva, con grande contestación social por empregar glifosato (de efectos nocivos para a saúde animal) para diminuír a carga do sotobosque, flufenoxurón (co nome comercial de “Cascade”, altamente perigoso) para combater o gurgullo, e a loita biolóxica coa solta de avispillas Anaphens nitens, insecto foráneo.

A Organización das Nación Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) tense pronunciado sobre as plantacións de eucaliptais novos (12-15 anos), que son os que chegan á quenda de corta ideal das fábricas de pasta de papel. Segundo a FAO, estas especies de medra rápida “non regulan tan ben o caudal hídrico coma os bosques naturais, as fortes e longas raíces superficiais fan que compitan coa vexetación rasante e cos cultivos veciños cando a auga escasea. Os eucaliptos non dan bos resultados para conter a erosión en condicións de seca, rematan coa vexetación rasante absorbendo a auga coas súas raíces. A tala continuada de eucaliptos orixina un rápido esgotamento dos nutrintes do solo e impide o desenvolvemento de plantas-herbas de ciclo anual. Os eucaliptos desprazan os ecosistemas anteriores, apenas se constata a existencia de fauna, e reducen a biodiversidade”.

Se analizamos a aplicación do Convenio Europeo da Paisaxe, Florencia 2000, que entrou en vigor no Estado en 2008, adaptado en Galicia coa Lei 07/2008 de Protección da Paisaxe de Galicia, e a Directiva Europea 2014/52/UE que avalía os proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente, sendo de aplicación as repoboacións e intervencións nos montes, pode comprobarse que as administracións responsables fan caso omiso das recomendacións. É evidente o impacto que as repoboacións con eucaliptos e o seu espallamento tiveron, teñen e terán repercusión sobre o territorio galego de non modificarse as condicións actuais, nas que se ignoran os aspectos recollidos nas directivas europeas e na lexislación estatal e autonómica en materia de protección da paisaxe.

Polo tanto, existen motivacións suficientes para que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño proceda á inclusión do eucalipto como especie exótica e invasora no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do Estado Español e que se adopten unha serie de medidas a curto prazo que permita facer unha xestión axeitada das plantacións de eucaliptos do noso Concello.

Por todo o anterior Compromiso por Galicia A Baña PROPÓN AO PLENO DO CONCELLO DA BAÑA A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDOS:

  • Que o Concello da Baña se declare a prol da biodiversidade, do mantemento, conservación e recuperación sostible da flora e a fauna autóctona da nosa terra e que se elabore unha ordenanza municipal que inclúa beneficios para os propietarios de plantacións con especies autóctonas.
  • Solicitar do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño a inscrición do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do estado español.
  • Solicitar á Xunta de Galicia colaboración para elaborar un plan municipal de prevención de lumes con especies autóctonas como xa se está a facer noutros Concellos galegos.
  • Facer cumprir con carácter urxente as distancias mínimas especificadas no anexo II da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia, para:

–  Afastar debidamente esta especie dos mananciais, regatos e ríos.

– Separar de calquera ben inmoble, dos pastos e das zonas agrarias.

– Afastar as plantacións das estradas convencionais e liñas eléctricas.

– Romper a continuidade das masas forestais de eucalipto con distancias mínimas de separación.

 

A Baña 12 de xullo de 2017