Moción para que o Concello da Baña se incorpore á Xunta pro devolución do Pazo de Meirás

Aerial view of the Pazo de Meiras  La Coruna  Galicia    Photo by Xurxo Lobato Cover Getty Images

MOCIÓN SOBRE A INCORPORACIÓN DO CONCELLO DA BAÑA Á XUNTA PRO DEVOLUCIÓN DO PAZO DE MEIRÁS

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello  da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para ser tratada pola corporación municipal.

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O 18 de xullo de 1936 producíase unha sublevación militar e fascista contra o goberno democrático e lexítimo da República. Aquí, en Galicia, non houbo guerra civil, senón un auténtico xenocidio, comezando a “era do terror, os encadeamentos inxustificados, os fusilamentos sen formación de causa, as matanzas en masa”, como publicaba Maruja Mallo en agosto de 1938 nas súas crónicas dende o exilio Relato veraz de la realidad de Galicia.

No listado do proxecto interuniversitario “Nomes e voces” aparecen 18 persoas do Concello da Baña que que inxustamente foron executadas, encarceradas, xulgadas ou desaparecidas naquel doloroso periodo da nosa historia.

A Junta pro Pazo del Caudillo foi unha iniciativa tomada en marzo de 1938 e da que formaría parte o gobernador Civil da Coruña, Deputacións, alcaldes da provincia, significados empresarios, dirixentes franquistas e representantes da banca, Cámara de Comercio e empresas de comunicación. Con esta doazón (entregada a Franco, como xefe de Estado, o 5 de decembro de 1938) pretendían conseguir os favores de Franco, aproveitando as súas estadías estivais no Pazo de Meirás.

A adquisición do Pazo de Meirás aos herdeiros da Condesa de Pardo de Bazán e a propiedade doutros elementos patrimoniais foi un roubo e un espolio continuado, que se disfrazou fraudulentamente, como unha doazón e compra-venda. Os métodos utilizados foron diversos: descontos dos salarios do funcionariado e persoal traballador, achegas dos Concellos, desviación irregular de fondos e recursos públicos ao pazo, etc.

Podemos falar dun espolio de moitos espolios porque dentro do Pazo de Meirás hai pezas arqueolóxicas de importante valor, cruceiros, fontes, balaústres ou escudos traídos doutros lugares ou pazos galegos: Pazos de Bendaña (Dodro), mosteiro de Moraime en Muxía (que está situado no Camiño de Santiago cara Muxía e que pasa pola Baña), esculturas do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago, etc.

Despois da morte do ditador, 20 de novembro de 1975, a familia Franco recibiu un trato privilexiado, cousa insólita nun país democrático. A viúva recibía unha paga anual superior ao salario do presidente do Goberno. A familia vendeu propiedades doadas a Franco como Xefe do Estado, tivo todo tipo de facilidades para especular con fincas e casas e hoxe teñen unha fortuna de máis de 600 millóns de euros. Poucos días despois de morrer o ditador, o rei Juan Carlos concedía os títulos de señorío de Meirás e Ducado de Franco, que aínda conservan.

Manter hoxe todas esas propiedades nas mans da familia Franco e as distincións, é unha ofensa ás vítimas do franquismo e a toda a cidadanía. Que este espolio continuado se manteña despois de corenta anos de democracia é unha vergoña. Sería admisible que en Alemaña ou Italia os herdeiros dos ditadores e criminais mantiveran hoxe propiedades conseguidas durante o réxime do terror? Sería posible a existencia de Fundacións dedicadas a exaltar a memoria de Hitler ou Mussolini?

Cómpre defender a devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público a través dunha fronte ampla e unitaria, que agrupe institucións, entidades e sociedade civil. Cómpre reparar a honra e dignidade das vítimas do franquismo e das persoas que foron roubadas e forzadas a ceder diñeiro e propiedades baixo ameazas e utilizando a violencia máis extrema.

. Por todo o mencionado Compromiso por Galicia A Baña PROPÓN AO PLENO DO CONCELLO DA BAÑA A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDOS:

  1. Aprobar a incorporación do Concello da Baña á Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás.
  2. Apoiar o seguinte manifesto da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás:
  • Facemos un chamamento a institucións, organizacións políticas, sociais, sindicais, fundacións, etc. Para que aproben a súa incorporación a esta Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás.
  • Despois de que a familia do ditador Franco embargarra á chamada Fundacion Nacinal Francisco Franco (FNFF) a xestión das visitas ao pazo de Meirás e que esta fundación declarase “es una excelente oportunidad para mostrar al gran público la grandeza de la figura de Francisco Franco”, condenamos estas declaracións que son apoloxía do franquismo e manifestamos o apoio á memoria das vítimas do franquismo.
  • Rexeitamos a xestión da Fundación Nacional Francisco Franco do programa de visitas ao Ben de Interese Cultural (BIC) Pazo de Meirás e apoiamos a demanda do Concello de Sada de que sexa esta administración quen as xestione.
  • Instamos á Xunta de Galicia a que esixa que se cumpra o réxime de visitas ao BIC, segundo o disposto na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, coa independencia da resolución dos expedientes polos incumprimentos reiterados, coa imposición da máxima sanción prevista na Lei para ditas infraccións.
  • Instamos ás Cortes, Grupos Parlamentarios e goberno do Estado para que tomen as iniciativas lexislativas condecentes á modificación da vixente Lei 50/2002, de Fundacións, co obxecto de amparar a declaración como ilegais daquelas que, como a FNFF, teñan por obxecto a homenaxe á vida e obra do ditador.
  • Apoiamos a realización dun estudo arredor do espolio e a apropiación do Pazo de Meirás por parte da familia Franco e sobre os pasos concretos a dar para lograr a súa devolución e incorporación ao patrimonio público. Demandamos, así mesmo, da Xunta de Galicia e Goberno do Estado o apoio institucional a todas as iniciativas para conseguir ese obxectivo.
  • Reclamamos a aprobación dunha Lei Galega de Memoria Histórica que, entre outros obxectivos, impida o enxalzamento dos protagonistas da represión e inclúa as correspondentes disposicións relativas ao Pazo de Meirás e a súa posta en valor asociado á recuperación da memoria histórica.
  • Pedimos ás distintas institucións e Concellos que presenten iniciativas ou mocións de apoio a este manifesto”.