Moción para o cumprimento real e efectivo da carta europea das linguas rexionais e minorizadas

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para ser tratada pola corporación municipal.

MOCIÓN DE COMPROMISO POR GALICIA PARA O CUMPRIMENTO REAL E EFECTIVO DA CARTA EUROPEA DAS LINGUAS REXIONAIS E MINORIZADAS

O pasado 21 de xaneiro facíase público o 4º Informe de avaliación do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias[1] , elaborado polo Comité internacional de expertos. Ao tempo, e baseadas neste informe, facíanse públicas as recomendacións do Consello de Ministros do Consello de Europa ao Estado español [2].

Nestas recomendacións, o Comité de expertos e o Consello de Ministros sinalan os aspectos que cómpre corrixir para o cumprimento efectivo das garantías que o Estado español e a propia Xunta de Galicia se comprometeron a cumprir ao ratificar a Carta en 2001,

O Concello da Baña manifesta o seu compromiso coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, tratado internacional que garante os dereitos lingüísticos, nomeadamente en relación á lingua galega como lingua propia e oficial de Galicia e

INSTA á Xunta de Galicia a:

  • Cumprir con todas as recomendacións do Consello de Ministros e do Comité de Expertos do Consello de Europa, e esixir do Estado español a aplicación real dos seus compromisos en relación coa Carta, tal e como indica o Consello de Ministros.
  • Dar os pasos necesarios para cumprir co sinalado na línea 640 do informe que afirma que o Decreto 79/2010, do 20 de maio de plurilingüísmo no ensino non universitario de Galicia contradí o establecido na Carta, e o punto 5º da resolución do Consello de Ministros, onde sinala que a introdución dunha terceira lingua no ensino non pode afectar negativamente á propia.
  • Elaborar de maneira ampla e consensuada un novo decreto para o uso do galego no ensino, que atenda aos principios de normalización lingüística, e acorde co sinalado na Carta Europea.
  • Que mentres non se elabora o novo decreto, modifique o actual derrogando os artigos que poñen límites ao uso do galego nas aulas, como as porcentaxes máximas de materias a impartir en galego nos centros e a prohibición de impartir na nosa lingua as materias científico-técnicas ou matemáticas.
  • Garantir unha oferta ampla de liñas de ensino infantil en galego en todas as vilas e cidades.

Para que así conste na Baña a 29 de febreiro de 2016


 

[1]Texto na web do Consello de Europa (en inglés): http://www.coe.int/t/dg4/education/minlang/Report/E_Reports/SpainECRML4_en.pdf

[2]Texto na web do Consello de Europa (en inglés): http://www.coe.int/t/dg4/education/minlang/Report/Recommendations/SpainCMRec4_en.pdf