Moción para dar apoio expreso á plataforma de víctimas do Alvia 04155

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para ser tratada pola corporación municipal.

MOCIÓN PARA DAR APOIO EXPRESO Á PLATAFORMA DE VÍCTIMAS DO ALVIA 04155

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Plataforma de Vítimas do Alvia 04155 leva loitando por esclarecer as circunstancias nas que se produciu o desgraciado accidente do tren Alvia 04155 con destino a Santiago de Compostela o 24 de xullo de 2013. Neste accidente no que morreron 81 persoas e resultaron feridas outras 145 é o accidente ferroviario máis grave da historia da democracia. Dita Plataforma constituiuse coa intención de reivindicar a verdade e a xustiza en sentido amplo, esixindo tamén responsabilidades políticas, polos feitos que rodearon ao mencionado sinistro.

Un suceso tan grave non pode nin debe quedar no esquecemento das institucións públicas e dos responsables políticos, e por iso é necesario indagar nas causas e responsabilidades penais e políticas que puidesen derivarse de devandito accidente ferroviario. Á marxe das investigacións xudiciais e as responsabilidades penais que poidan derivarse delas, as vítimas sempre reivindicaron a apertura dunha Comisión de Investigación Parlamentaria para depurar as responsabilidades políticas e nun exercicio de responsabilidade é necesario dar o noso apoio a esta iniciativa, situarnos do seu lado dándolles o noso apoio expreso.

A Plataforma de Vítimas do Alvia 04155 denunciou en reiteradas ocasións a falta de sensibilidade das autoridades e unha incomprensible situación de desamparo que viola os seus dereitos máis básicos como vítimas e familiares deste terrible suceso. Con esta moción non podemos reparar o dano inmenso que estas persoas sufriron, non podemos facer xustiza, nin esclarecer a verdade do ocorrido, pero a través do consenso entre todos os partidos políticos con representación no noso Concello nun acto de responsabilidade e compromiso  contribuímos a recoñecer e dignificar ás vítimas  e familiares do accidente ferroviario Alvia 04155.

Por todo o anterior Compromiso por Galicia A Baña PROPÓN AO PLENO DO CONCELLO DA BAÑA A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES

ACORDOS:

1- Dar apoio expreso á Plataforma de Vítimas do Alvia -04155.

2 – Solicitar ao Goberno Central que encargue a unha comisión de expertos e técnicos  independentes a investigación do ocorrido.

3 – Solicitar ao Goberno Central a apertura dunha comisión de  investigación en sede parlamentaria para establecer posibles responsabilidades políticas.

A Baña 23 de maio de 2017