Moción para a redacción dun regulamento de participación veciñal

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para ser tratada pola corporación municipal.

MOCIÓN PARA A REDACCIÓN DUN REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN VECIÑAL

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

No concello da Baña é patente a nula participación veciñal na toma de decisións, xa que nin sequera hai posibilidade de que os colectivos do concello poidan intervir no Pleno Municipal, onde se exerce a potestade normativa a nivel local. Tendo en consideración este feito, nestes momentos, nos que a credibilidade da clase política está cada vez máis cuestionada, é cando se ten que dar una paso adiante non só para recuperala, senón para demostrar que a democracia é unha ferramenta que beneficia ao conxunto da veciñanza. O primeiro paso, e fundamental, neste sentido é a implicación dos propios veciños e veciñas nas canles de decisión mediante a súa participación. É por este motivo polo que é necesaria a redacción dun regulamento de participación cidadá, como xa existe en moitos concellos galegos, que permita, amais da participación no pleno municipal, unha canle de
comunicación real e eficiente coa sociedade da Baña, coas asociacións, comunidade educativa e outras entidades ou persoas implicadas no desenvolvemento do concello.

ACORDOS:
Instamos ao goberno municipal da Baña á elaboración dun Regulamento de Participación Cidadá, consensuado con todos os grupos políticos e que facilite e garanta a participación activa dos veciños e veciñas na vida política, económica, cultural e social do noso concello. Propoñemos como puntos fundamentais do mesmo os seguintes:

  • Establecer reunións periódicas coas asociacións veciñais e colectivos inscritos nas distintas parroquias do noso concello.
  • Celebrar as sesións plenarias en horarios que faciliten a conciliación laboral e familiar e a asistencia da veciñanza.
  • Facilitar a participación da veciñanza ao finalizar os plenos municipais cunha rolda de preguntas final.
  • Comprometerse a corporación municipal a tratar aquelas mocións entregadas por calquera asociación ou colectivo inscrito no concello da Baña e avaladas por un número mínimo de sinaturas.

Para que así conste, na Baña a 11 de xaneiro de 2016