Moción de adhesión á campaña “Concellos en negro contra a violencia de xénero”

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para ser tratada pola corporación municipal.

MOCIÓN DE ADHESIÓN Á CAMPAÑA “CONCELLOS EN NEGRO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO”

A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo feito mesmo de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada. Segundo os datos da última macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, un 13% das mulleres residentes en España de mais de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella.

Dende 2003 ata maio do 2017, a Delegación de Goberno rexistrou 53 asasinatos machistas en Galicia, e 780 en España.

Co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, no 2015, o Concello de Santiago puxo en marcha a campaña de sensibilización Compostela, en Negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma.

A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.

Partindo desta boa práctica, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social desta campaña, no 2016, dezaseis concellos máis se uniron para desenvolver conxuntamente a campaña de sensibilización En negro, contra as violencias. Este ano son máis dunha trintena os concellos que queren situar na axenda política, con contundencia e para sempre, a loita contra as violencias machistas.

Por todo o anterior Compromiso por Galicia A Baña PROPÓN AO PLENO DO CONCELLO DA BAÑA A ADOPCIÓN DO SEGUINTE ACORDO:

Que o Concello da Baña se adhira á campaña “Concellos en negro contra a violencia de xénero” e fomente a participación e colaboración entre todos os colectivos e empresas do municipio.

 

Asdo.

 

A Baña 25 de agosto de 2017