Instancia para solicitar a mellora da seguridade viaria na AC-444 pola parroquia de Monte.

César Ramos Domínguez con DNI. nº 78XXXXXXX en calidade de concelleiro de COMPROMISO POR GALICIA na actual corporación municipal

EXPÓN

Son moitos os veciños e veciñas da aldea de Nantón que para camiñar ata San Mamede ou ata o campo da festa veciñal (zona onde tamén está instalado o Punto de Atención á Infancia) están obrigados a camiñar polas marxes da estrada sen que exista ningunha medida de seguridade. Desde a mellora da estrada AC-444 alá polo ano 2010 poucas actuacións máis se realizaron no referido á seguridade viaria desta estrada.

Son varios os motivos polos que os veciños e veciñas de Nantón se expoñen a un risco elevado de sufrir un atropelo nese tramo. O primeiro é a gran cantidade de vehículos que circulan pola estrada. O segundo motivo é o insuficiente tamaño das marxes da citada estrada neste mesmo tramo. Outro é a concentración de desvíos e a existencia de varias curvas entrelazadas, que a pesar de ser unha zona de 50, moitos vehículos incumpren esta limitación de velocidade, co que podería producirse nalgunha ocasión unha saída de vía.

Cremos que a construción dunha senda peonil desde o PK 2+750 ata o Pk 3+350 melloraría a seguridade tanto dos peóns coma dos condutores, xa que a estrada gañaría unha beiravía apta para o paseo e mesmo para bicicletas. Esta senda tería unha lonxitude de arredor duns 600 metros de lonxitude, incluíndo a instalación dun paso de peóns na estrada cara Buchaín e outro para que os peóns puidesen atravesar a estrada AC-444 cunha maior seguridade, por exemplo, nas inmediacións do Punto de Atención á Infancia.

Nesta mesma actuación contemplamos a instalación dunha canle para a recollida de augas de drenaxe e dunha tubaxe para a evacuación destas nos tramos onde resulte necesario. Por exemplo, no Pk 3+100 na época de chuvias adoita anegarse esta curva, co conseguinte perigo para os vehículos. Con esta actuación podería previrse esa situación.

Nese mesmo punto desemboca un camiño que vai paralelo á estrada e que pode servir de conexión co lugar de San Mamede, sempre que o Concello da Baña faga un acondicionamento previo deste camiño. Desta forma, pode aumentarse a seguridade dos peóns e realizarse unha actuación en dous tramos, facendo que a Xunta se centre nun primeiro tramo entre Nantón e este punto e, posteriormente, ata o campo da festa. Con este escenario recuperaríase un camiño tradicional e evitaría que a veciñanza tivese que camiñar polas marxes da estrada AC-444, nos que hai unha velocidade máxima limitada en 70 km/h.

Para visualizalo mellor, engadimos a esta instancia un mapa sobre a senda que propoñemos nos parágrafos anteriores.

Como última observación, e aproveitando que a estrada é a mesma, tamén nos parece inconcibible que no lugar de Seilán, no que hai instaladas beirarrúas e no cal se sitúan varios negocios e ata unha residencia da terceira idade non se dispoña dun paso seguro para peóns.

SOLICITA

– Que se fagan as pertinentes xestións na Xunta de Galicia, titular da estrada AC-444, e que o Concello da Baña realice todo o que estea na súa man para construír unha senda peonil na citada estrada entre Nantón e San Mamede, como forma de mellorar a seguridade viaria dos veciños deses lugares no tramo indicado.

– Que se aproveiten estas xestións para solicitar a colocación dun paso de peóns no lugar de Seilán.

Senda peonil AC444-001