Instancia para corrixir os erros na selección de persoal no Concello.

D. César Ramos Domínguez con DNI 78*******, en calidade de concelleiro de COMPROMISO POR GALICIA na actual corporación municipal.

EXPÓN

En Compromiso por Galicia queremos sempre traballar en beneficio da veciñanza e contribuír a que os procedementos de selección de persoal do Concello sexan o máis transparentes posibles e imparciais para que todos os participantes teñan as mesmas oportunidades e sexan escollidos os traballadores/as que mostren maior mérito e capacidade para o posto a desempeñar.

Que no proceso de contratación de dous titores de emprego para o programa integrado MOVE´T 2016/2017, existiron erros durante o proceso de selección, que a continuación explico:

Dende a publicación das bases, non se cumpre coa proba tipo tema, onde se especifica que a programación elaborada polos aspirantes deberá ser entregada o mesmo día da exposición. E sen existir ningunha modificación previa das mencionadas bases, se lles solicita aos/ás aspirantes enviar esa programación a unha dirección de correo electrónico.

Tamén, segundo os/as participantes, non se cumpriu cos 15 minutos para realizar a exposición da programación, tal como especifican as bases. Os primeiros por orde alfabético dispuxeron do tempo anunciado, e os últimos só se lle deixou 5 minutos e nalgún caso mesmo se pasou á entrevista directamente.

O tribunal non foi o mesmo para todos os participantes. Habendo nalgunha fase do procedemento ausencia dalgún dos seus membros.

A proposta provisional de selección de titores que está na páxina web do Concello, non aparece a puntuación de cada unha das probas do proceso. Tampouco consta ningún período de reclamacións.

A acta non estivo no taboleiro expositor do Concello. E a mesma está sen asinar.

Temos coñecemento de que participantes neste proceso, realizaron reclamacións no rexistro, e non foron contestadas e de que as dúas persoas seleccionadas xa están dadas de alta na seguridade social, sen terse publicado o listado definitivo, nin aberto un período de reclamacións.

Tendo en conta, ademais, que o proceso non cumpre coa lei 39/2015 de procedemento administrativo, nin coa lei 2/2015 do emprego público de Galicia, de acordo ao principio de transparencia.

SOLICITA

Que sexan atendidas as reclamacións dos participantes, que se declare nulo o proceso, e que na maior brevidade posible sexa convocado outro que cumpra coa lei e que garanta a transparencia e a igualdade de oportunidades para os/as aspirantes.

Así mesmo, que en futuros procedementos de selección de persoal o Concello da Baña actúe con total transparencia e imparcialidade e que cumpra estritamente coas bases da convocatoria.