Iníciase o procedemento de primarias abertas en CxG A Baña

logo_sen_fondo

O pasado sábado, na reunión celebrada na sede local de S. Vicente da Baña os afiliados/as e simpatizantes de Compromiso por Galicia da Baña deron por comezado o procedemento de primarias abertas á cidadanía para a elección de candidato ou candidata á alcaldía do Concello da Baña nos vindeiros comicios de maio.

Segundo o regulamento de primarias o sistema de elección da persoa que encabece a candidatura de Compromiso por Galicia ás vindeiras eleccións municipais do ano 2019 en cada Concello será o de primarias abertas a cidadanía. A persoa que encabece a candidatura na localidade será a proposta de Compromiso por Galicia a ser alcalde ou alcaldesa.

Naquela Agrupación Local na que se presente unha única persoa a encabezar a candidatura municipal de Compromiso por Galicia e, xa que logo, a alcaldía, será votada nunha reunión da Agrupación Local pola afiliación con dereito a voto.

De acordo co regulamento de primarias a agrupación local dará un prazo de 7 días contados a partir da publicación deste artigo na web de Compromiso – A Baña para as persoas que teñan condición de electores ou electoras presenten a súa candidatura ás primarias. Segundo o artigo 3 deste regulamento as persoas candidatas deberán ter cumpridos os 18 anos, estar afiliado/a a CxG e contar co aval do 10 % da afiliación. Non poderán ser candidatas aquelas persoas a respecto das que se ditara auto de procesamento ou de apertura do xuízo oral.

O actual secretario local e concelleiro de CxG A Baña, César Ramos, xa manifestou a través do video que podemos ver ao final deste artigo a vontade, se a afiliación e a veciñanza da Baña o considera, de seguir encabezando o proxecto político de CxG A Baña nas vindeiras eleccións municipais. Lembramos que César Ramos xa fora elixido candidato á alcaldía nas eleccións municipais de 2015 polo procedemento de primarias abertas á cidadanía.

No caso de existir unha única candidatura, será refrendada pola Agrupación Local de CxG A Baña nunha reunión que se celebrará o vindeiro 25 de xaneiro. De existir máis de unha, nesa mesma reunión darase a coñecer o calendario de todo o procedemento de primarias abertas á cidadanía.