Inexplicable deixadez do goberno municipal con respecto á biblioteca da Baña

Dende que Compromiso por Galicia acadou representación na Corporación do Concello da Baña levamos tempo reclamando máis atención e interese do goberno municipal por un servizo fundamental para o noso Concello como é a Biblioteca Municipal da Baña.

casa de cultura

O Concello leva toda a lexislatura, facendo “oídos xordos” das nosas peticións e mostrando unha total deixadez e desatención pola biblioteca municipal do Concello da Baña.

Hoxe mesmo (venres 12 de xaneiro de 2018) as instalacións levan 5 días sen calefacción e sen servizo de internet e isto é algo xa recorrente na biblioteca municipal e que dende o noso grupo político xa reclamamos en varios plenos municipais durante a actual lexislatura. Facemos a continuación un resumo das nosas reclamacións e propostas ao goberno municipal nestas sesións plenarias:

24 de novembro de 2015: na nosa pregunta nº 9 solicitamos que cando a persoa encargada da biblioteca se ausente por vacacións ou por calquera outra circunstancia sexa substituída e a biblioteca non teña que pechar, sobre todo en período non lectivo que é cando os nenos e nenas teñen máis tempo libre. A concelleira de cultura explícanos que non pode substituírse, porque a encargada da biblioteca “ten as cousas da súa man” e non pode facerse cargo das instalacións outra persoa.

27 de xaneiro de 2016: indicamos a través do noso concelleiro (pregunta nº 3) que na biblioteca municipal leva tempo sen funcionar a calefacción e varios usuarios quéixanse de que fai frío nas instalacións. O alcalde admite que a biblioteca está sen calefacción debido a que descoñecían o funcionamento da nova caldeira pero que o problema xa está resolto.

29 de marzo de 2016: na nosa pregunta nº 8 solicitamos que o xornal que merca diariamente o Concello da Baña e que está na Casa do Concello unha vez que pechen estas instalacións se leve á biblioteca para que os usuarios poidan ler a prensa. O alcalde di que xa existe un exemplar no Centro dos Maiores e que o que solicitamos tamén “se pode facer”. O xornal nunca foi levado á biblioteca.

25 de maio de 2016: na pregunta número 17 o noso concelleiro César Ramos indica que o Concello da Baña perdeu unha subvención (entre 500 e 3000 euros) para a mellora das coleccións bibliográficas por non ter a biblioteca “automatizada” (non ter os libros no rexistro informático MEIGA), sendo a única biblioteca de Galicia que perdeu a subvención por ese motivo. Solicitamos que esa deficiencia sexa corrixida canto antes para non perder vindeiras subvencións. A concelleira de cultura admite que se perdeu a subvención e indica que rexistrar todos os libros “dá moito traballo”.

montaxe_biblioteca_meiga

2 de febreiro de 2017: volvemos indicar que non funciona a calefacción da biblioteca e que as instalacións  volven estar pechadas en  non lectivo, volvemos solicitar que a baixa da encargada da biblioteca sexa cuberta para que a veciñanza dispoña dese servizo, ademais de avisar con anterioridade a través da web municipal de qué días vai estar pechada para evitar que usuarios se atopen, sen previo aviso, coa porta pechada. O alcalde contéstanos que “se tentará facer”. A día de hoxe as ausencias da responsable nunca foron cubertas e a través da páxina web non se anuncia qué días está pechada.

1 de agosto de 2017: ao decatarnos que aínda non está solucionado o tema relacionado co proxecto MEIGA, volvemos incidir en que é necesario rexistrar todos os libros para non volver perder ningunha subvención. O alcalde ante esta pregunta contesta que acaba de ser aprobada outra subvención para a mellora da biblioteca. O proxecto MEIGA leva máis de 10 anos implantado nas bibliotecas galegas e a biblioteca da Baña actualmente continúa sen ter os libros rexistrados de forma informática.

29 de novembro de 2017: volvemos indicar que a biblioteca estivo pechada durante 10 días debido a vacacións da responsable e o grupo de goberno non cumpriu o prometido de cubrir a baixa. No seguinte pleno ordinario de 31 de xaneiro o alcalde ten a obriga de contestar á nosa pregunta.

Momento do pleno de 27 de xaneiro de 2016 onde o noso concelleiro César Ramos fai alusión á biblioteca municipal

A todo isto súmase que o alcalde do Concello da Baña o día 15 de decembro na súa intervención da presentación do libro “Xente e Terra de Barcala – Letras da Mocidade” escrito polo alumnado do IES Xulián Magariños (Negreira) explicou que o Concello adquirira 142 exemplares do libro e a día de hoxe ningún deles figura no rexistro de libros da biblioteca municipal.

Que fixeron con eles se non levaron ningún exemplar á biblioteca?

Pensamos que todo isto só ten unha explicación, que o Concello da Baña non mostra ningún tipo de interese por un servizo tan importante como a biblioteca municipal.

Dende Compromiso por Galicia seguiremos demandando que teña servizos de calidade, conexión a internet, calefacción, rexistro informatizado, maior número de exemplares posibles e que a veciñanza da Baña poida dispoñer dun bo local para o lectura e estudo nunhas instalacións de suma importancia como a biblioteca municipal.

Aproveitamos este artigo tamén, para destacar o bo traballo que está a desenvolver a responsable da biblioteca municipal polo esforzo e dedicación no seu traballo, nunhas condicións que as veces non son as máis idóneas, e a súa vontade de mellorar sempre un servizo municipal fundamental nun Concello rural como o noso.