Esiximos máis explicacións sobre o proxecto da reitoral de San Mamede

REITORAL7

Non queremos máis oscurantismo e falta de transparencia nesta “chapuza” de xestión do PP da Baña na que se investiron máis de medio millón de euros nunha concesión da Igrexa e que até o de agora, despois de case dez anos,  non serveu practicamente para nada.

A Baña non pode permitir “malgastar” deste xeito os cartos de todos e de todas.

Por esta razón COMPROMISO POR GALICIA esixe que o alcalde dea as oportunas expicacións sobre as xestións realizadas polo seu executivo, por iso entregamos as seguintes preguntas que ten a obriga de contestar no pleno da vindeira semana:

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte

 PREGUNTA ESCRITA PARA A SÚA RESPOSTA NO SEGUINTE PLENO ORDINARIO

O proxecto da Reitoral de S. Mamede no que se investiron unha importante cantidade de cartos (máis de 500.000 euros en subvencións de carácter público) leva varios meses causando unha importante polémica social debido ás informacións públicas dos últimos meses. No pasado pleno ordinario de setembro o alcalde, como resposta a unha pregunta de Compromiso por Galicia referente ao proxecto da Reitoral de S. Mamede, díxonos:

O Concello leva insistindo na urxencia deses informes e, en consecuencia, estivo facendo xestións na Xunta (C. de Sanidade, C. Política Social) tanto co secretario da Consellería como coa directora de Familia os días 21.09 e 25.09 para que dunha vez axilicen todo este tema.

Dous meses despois desa contestación nin nós nin a veciñanza recibiu máis información ao respecto. Entendemos que durante estes días se continuou “insistindo na urxencia deses informes” ou que se “tratou de axilizar todo este tema” realizando algún tipo de xestión, por esa razón, COMPROMISO POR GALICIA, quere ter resposta ás seguintes cuestións:

  • Que xestións se realizaron durante estes dous últimos meses referente ao proxecto da Reitoral de S. Mamede?
  • Tomouse algún tipo de decisión respecto ao proxecto da Reitoral de S. Mamede e/ou referente á asociación Anxiños?
  • As respectivas Consellerías mencionadas entregaron algún informe ou información sobre a Reitoral de S. Mamede?