Esiximos explicacións sobre o proxecto da reitoral de Monte.

O pasado mércores 12 de abril de 2017, “El Correo Gallego” publica un artigo referente á reitoral de San Mamede de Monte co titular “Solicitan la rectoral bañesa para hogar de niños discapacitados”

http://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/solicitan-rectoral-banesa-hogar-ninos-discapacitados/idEdicion-2017-04-12/idNoticia-1050458/

Ao parecer e segundo El Correo Gallego, Rocío Mosquera, exconselleira de sanidade, nun acto privado en Negreira anuncia que a rectoral de San Mamede será unha casa fogar para nenos discapacitados, e tal como especifica a propia nova, di textualmente “ya está prácticamente cedida, después de hablar con el Arzobispado y el Concello de A Baña, la rectoral de San Mamede de Monte, donde tendremos espacio para ocho chavales”.

Cremos necesario facer un resumo de todo o que se dixo dende o ano 2009 sobre esta casa reitoral e todo sobre os cartos públicos investidos dende aquela, sabendo que ata o día de hoxe esas instalacións non abriron ao público.

No ano 2009 a casona de pedra anexa á igrexa de S. Mamede e que pertencía nun primeiro momento ao Arzobispado de Santiago é cedida ao Concello da Baña a través dunha concesión temporal para converterse nunha residencia para maiores baixo a supervisión da Dirección Xeral de Patrimonio.

A Xunta de Goberno o 16 de xaneiro de 2009 aproba a adxudicación definitiva do contrato de obras ”Remodelación da casa reitoral de San Mamede para vivenda comunitaria para maiores por procedemento negociado sen publicidade” á empresa Excavaciones Agra Castro S. L. por un importe de 158.120,69 euros e 25.299,31 euros de IVE, é dicir, 183.420,00 euros en total.

O 27 de febreiro de 2009 “La Voz de Galicia” publica un artigo para falar sobre o proxecto de conversión da reitoral de S. Mamede en vivenda comunitaria: “O proxecto, avalado polas axudas da Consellería de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e da Deputación, permitirá nun futuro albergar una ducia de prazas para a atención a maiores desfavorecidos, é dicir, con escasos recursos, e sobre todo residentes no rural bañés, debido ao envellecemento deste Concello”.  (LVG 27/02/2009)

Nese mesmo ano 2009 tamén aparecen outras publicacións que din o seguinte:

Unha vez adxudicada a obra espérase que a segunda fase das obras comecen de inmediato, o que permitiría que no prazo dun ano o municipio da Baña dispoña dunha casa comunitaria para os seus maiores, unha necesidade que vén imposta polo crecente envellecemento da poboación que habita nese Concello”. (LVG 12/03/2009)

A Xunta de Goberno Local da Baña adxudica a anualidade do presente ano do seu proxecto de reforma da antiga casa rectoral de Monte, de cara a continuar coa súa reconversión nunha vivenda comunitaria ou xeriátrico bañés, cunha inversión de 160.000 euros, grazas á axuda concedida pola Consellería de Traballo e Benestar dentro do plan concertado. O importe destinarase á limpeza e encintado das paredes de pedra exteriores á vivenda(…) o próximo ano a inversión superará os 300.000 euros”. (LVG 05/11/2009)

O 2 de febreiro de 2011 (ano de eleccións municipais) “El Correo Gallego” saca unha nova co titular “O xeriátrico da Baña só espera a inspección para operar”. Nese mesmo artigo indícase que o inmoble conta con 437 metros cadrados, e no seu perímetro conta con zonas verdes, que tamén se melloraron, o alcalde explica que “dará servizo en horario completo a doce maiores desfavorecidos”. Especifica que o presuposto das obras foi de 329.249 euros (aos que lle hai que sumar 160.000 euros investidos nun primeiro momento).

O 27 de febreiro de 2011 a concelleira de cultura Mari Paz Gago manifesta que “de obter o beneplácito dos inspectores, non cren que o aspecto económico supoña un obstáculo para que a residencia poida iniciar a súa actividade nun prazo de tempo razoablemente curto (…) engade que aínda resta completar a instalación de mobiliario, pero para o que dende o Concello da Baña xa teñen unha subvención da Xunta para o presente ano”. A nova tamén di que “a última fase de remodelación do edificio, que foi completada ese mesmo ano coa instalación de portas e ventás e os traballos finais de acondicionamento interior do inmoble para dotalo de aseos e as demais dependencias, supuxo unha inversión de 329.249 euros”. (LVG 27/02/2011)

En xaneiro de 2012 o alcalde da Baña, o popular Andrés García Cardeso, considera “ un dos obxectivos fundamentais” do seu executivo para o presente ano a posta en marcha da vivenda comunitaria para maiores sen recursos de S. Mamede. Así mesmo indica que “a reitoral na que vai o xeriátrico está xa rematada e amoblada. O desembolse para o Concello sería mínimo, dado que na práctica reduciríase a nóminas dos empregados e a bens consumibles” (El Correo Gallego 10/01/2012).

Estes prazos, evidentemente, nunca se chegaron a cumprir, xa que a día de hoxe, oito anos despois da primeira concesión, e a pesar da importante inversión realizada, nunca se chegou a abrir estas instalacións. O goberno local do PP NUNCA CUMPRIU O PROMETIDO respecto ao proxecto da vivenda comunitaria, a pesar de que si era un punto incluído reiteradamente nos seus programas electorais de 2011 e 2015:

índice índice2

A partir das eleccións municipais de 2015 e unha vez que Compromiso por Galicia acadou representación na Corporación Municipal fixemos varias alusións á reitoral de San Mamede en diferentes plenos municipais, para tratar de darlle algunha utilidade a esa importante inversión que se fixera no seu momento e que o grupo de goberno (PP) dera as oportunas explicacións sobre este proxecto.

En setembro de 2015 presentamos unha moción sobre o “Acollemento de persoas refuxiadas de guerra” pola cal solicitabamos que as instalacións da reitoral foran cedidas ao Estado para acoller persoas refuxiadas de guerra. Nesa mesma sesión plenaria respecto a esta moción o PSOE indica  que “o Concello da Baña non ten capacidade para acoller refuxiados” e o PP indica “se queres acoller refuxiados lévaos para a túa casa” ou “ti pensas que descubriches América por poñer dúas palabras no papel”. A moción non foi aprobada finalmente.

En xaneiro de 2016 o alcalde en resposta a unha pregunta formulada polo noso concelleiro indica que na reitoral estase actuando para convertela en fogar residencial, César Ramos indícalle que é necesario facer algo con esas instalacións xa que se investiron moitos cartos inutilmente.

En setembro de 2016 preguntamos qué tipo de actividade se estaba a facer nesas instalacións e o alcalde explica que durante o verán estiveron membros da Fundación Amancio Ortega realizando un campamento de verán para nenos e nenas con problemas, así mesmo anunciou que están en contactos coa “Fundación José Otero” e a “Fundación Amancio Ortega” para realizar “outro tipo de actividades”. O noso grupo político quéixase de que o grupo de goberno nunca informa á Corporación Municipal sobre estes temas e en realidade este é o organismo onde se teñen que tomar este tipo de decisións.

Tamén solicitamos que o parque biosaudable da rectoral (que carece de uso por parte da veciñanza) fora trasladado para outro lugar do Concello con mellor accesibilidade, que os paneis solares foran recollidos, xa que estaban caídos e inservibles, e que arranxasen os problemas de malos olores que había na parroquia de S. Mamede cando poñían en funcionamento o saneamento das instalacións.

RESUMINDO:

  • O goberno do PP da Baña gasta con carto público, segundo as fontes mencionadas, aproximadamente 490.000 euros no proxecto da Reitoral de S. Mamede.
  • A finalidade deste proxecto é crear un fogar comunitario para persoas maiores e desfavorecidas do noso Concello.
  • O grupo de goberno non cumpre os prazos anunciados e minte sistematicamente á súa veciñanza sobre este tema dende hai varias lexislaturas.
  • O PP permite que a ex conselleira Rocío Mosquera anuncie que as instalacións terán unha finalidade diferente á proxectada, para un colectivo alleo á veciñanza da Baña, nun acto privado e antes de que sexa informada a veciñanza da Baña e a Corporación Municipal.

Dende Compromiso por Galicia esiximos que o grupo de goberno dea as oportunas explicacións á cidadanía sobre este proxecto, aclare as causas polas que esas instalacións que deberían hai anos abrir as súas portas como fogar residencial para maiores desfavorecidos da Baña aínda non cumpriu a súa función, explique o motivo de que a exconselleira Rocío Mosquera asegure que as instalacións están “practicamente cedidas” antes de que estea informada a veciñanza da Baña e a Corporación Municipal e que aclare por qué despois de investir tantos cartos nun interesante proxecto para cidadanía da Baña este terá unha finalidade totalmente distinta á inicial.

 

OS VECIÑOS E VECIÑAS DA BAÑA TEÑEN DEREITO A SABER QUÉ SE VAI FACER COS SEUS CARTOS!!!

NON QUEREMOS MÁIS MENTIRAS SOBRE ESTE PROXECTO!!!

 

Fontes:
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2009/03/12/bana-adjudica-obras-reconversion-rectoral-casa-mayores/0003_7585292.htm
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2009/11/05/bana-invertira-160000-euros-casa-comunitaria-monte/0003_8085123.htm
http://www.elcorreogallego.es/comarcas/ecg/concello-bana-quiere-abrir-geriatrico-guarderia/idEdicion-2012-01-10/idNoticia-722167/
http://www.elcorreogallego.es/comarcas/ecg/el-geriatrico-de-a-bana-solo-espera-la-inspeccion-para-operar/idEdicion-2011-02-02/idNoticia-635652/
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2009/02/27/rectoral-san-mamede-bana-sera-casa-comunitaria-municipal/0003_7556977.htm
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2011/02/27/vivienda-comunitaria-bana-espera-inspeccion-abrir/0003_201102S27C12991.htm
http://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/solicitan-rectoral-banesa-hogar-ninos-discapacitados/idEdicion-2017-04-12/idNoticia-1050458/