Escurantismo e falta de transparencia na selección de persoal para o posto de traballador/a social

No mes de abril decatámonos pola prensa que Lucía Canabal, edil do Partido Popular no Concello da Coruña presentaba a súa renuncia como concelleira e que será substituída na Corporación Municipal da cidade herculina por Susana Pazos Meijide, actual traballadora social do Concello da Baña e que xa fora concelleira no anterior mandato municipal co goberno de Carlos Negreira.

susana_pazos2Susana Pazos Meijide titular da praza de traballadora social. Foto: La Voz de Galicia

No mes de xuño ante a  pasividade do goberno municipal na contratación dun traballador/a social solicitamos ao Concello da Baña celeridade neste procedemento tan importante e colgamos na web de Compromiso por Galicia A Baña un artigo onde explicamos todo o procedemento:

http://abana.compromiso.gal/o-concello-da-bana-continua-sen-traballadora-social/

noticia_traballadora_socialPublicación de “El Correo Gallego”

O 19 de xullo ao ver que o Concello non quería empregar as listas de substitución xa existentes para o posto de traballo social, algo que dende CxG nos parecía o máis xusto e rápido publicamos un novo artigo na nosa páxina web. Explicando que o Concello da Baña optou por convocar un novo proceso selectivo para a formación dunha lista de substitución para o posto de traballo social, algo que dende Compromiso por Galicia non entendemos, xa que demoraría máis tempo a contratación de persoal.

http://abana.compromiso.gal/a-praza-de-traballo-social-do-concello-da-bana-segue-sen-cubrirse-mais-dun-mes-despois-da-renuncia-da-titular/

No pleno de 30 de xullo tamén fixemos alusión a este tema. Ademais solicitamos información sobre algún punto da propia convocatoria, xa que había aspectos que non nos parecían coherentes despois de facer unha comparativa con convocatorias similares doutros concellos. Estas foron as nosas preguntas:

– Por que se dá de prazo para presentar solicitudes só 5 días hábiles cando nas bases xerais para a selección de persoal mediante listas de substitución publicadas no BOP o 18 de xullo di que serán 10 días? (só para casos excepcionais 5 días).

– Os cursos sobre SIUSS (Sistema Informático de Servizos Sociais) a maioría son inferiores a 20 horas e son unha ferramenta obrigatoria moi utilizada polos traballadores/as sociais. Segundo as vosas bases non puntúan. Por que non puntúan os cursos inferiores a 20 horas?

– Por que se puntúa ter outras titulacións concretas como filoloxía inglesa ou francesa? Por que non filoloxía galega ou calquera outra?

– Por que só se puntúan os cursos realizados a partir do 1 de xaneiro de 2008?

– Solicítase para a acreditación da experiencia profesional un certificado cando na administración estes certificados poden tardar ata 15 días e só se dá 5 días de prazo para presentar as solicitudes. Por que non é válido entregar a vida laboral ou os propios contratos de traballo?

O grupo de goberno (PP) ten a obriga de contestar por escrito a estas cuiestións no vindeiro pleno ordinario de 27 de setembro.

 Continuamos reclamando información sobre a selección de persoal para o posto de traballo social.

O 21 de agosto ao observar que aínda non estaba seleccionada a nova traballadora ou traballador, volvemos solicitar información ao Concello da Baña a través dunha instancia entregada por rexistro.

Cal é a nosa sorpresa cando onte mesmo, 23 de agosto, o Concello da Baña publica na páxina web oficial o novo “listado de substitución para o posto de Traballadora Social”. Nese mesmo documento indícase Unha vez realizada a valoración dos méritos presentados polas persoas candidatas procédese á publicación da lista por orde da puntuación acadada, e segundo esa orde procederase aos chamamentos dacordo ao disposto na Base 4 das Bases Xerais para a selección de persoal funcionario interino e persoal laboral temporal, mediante listas de substitución.

Como se pode observar na seguinte ligazón aparece unha listaxe cunha puntuación total (sen desglosar).

http://concellodabana.gal/attachments/article/740/Lista%20Substituci%C3%B3n%20do%20posto%20de%20Traballadora%20Social.pdf

Varios aspirantes á praza se puxeron en contacto con nós para comentarnos que quixeron poñer unha reclamación á baremación e non se lles permitiu xa que lles dixeron que non existe prazo para presentar reclamacións, algo que é obrigatorio por lei.

Chamamos ao Concello para poder pedir explicacións e falar co secretario e decatámonos que este estaba de vacacións, así mesmo comunicáronnos que non cabían posibles reclamacións xa que a persoa que ten máis puntuación  ao aceptar a praza xa ía asinar o contrato hoxe mesmo.

Non debería ter dereito cada aspirante a coñecer a súa puntuación desglosada?

Cada aspirante ao procedemento de selección non debería ter dereito a reclamar a súa baremación?

Por que non se publica a baremación desglosada por apartados?

Por que se chama á primeira da lista o mesmo día que se fai pública a lista de puntuacións? Non cabe ningún erro na baremación?

Non é a primeira vez que dende Compromiso por Galicia A Baña denunciamos falta de transparencia nos procedementos de selección de persoal do Concello da Baña.

Este sistema de selección de persoal utilizado polo Concello da Baña recórdanos ao procedemento de selección de persoal empregado en outubro de 2016 para a contratación de dúas monitoras para o programa integrado MOVE´T 2016/2017 que dende Compromiso por Galicia A Baña tamén criticamos por existir erros evidentes de cumprimento das bases, por existir reclamacións de aspirantes que adía de hoxe non foron contestadas e por facer caso omiso do requirimento reiterado da Valedora do Pobo. Sobre este procedemento, ante a negativa do Concello da Baña de dar as explicacións oportunas adoptamos as medidas legais que consideramos e xa está en mans da xustiza. Máis información sobre este procedemento na seguinte ligazón:

http://abana.compromiso.gal/instancia-para-corrixir-os-erros-na-seleccion-de-persoal-no-concello/

bNova publicada en “La Voz de Galicia” en outubro de 2016

Dende Compromiso por Galicia A Baña rexeitamos este tipo de procedementos de selección de persoal pouco transparentes, esiximos que o señor García Cardeso aclare o motivo polo que a puntuación dos aspirantes á praza de traballo social está sen desglosar, por qué se chama á aspirante con máis puntuación o mesmo día que se fan públicas as listaxes e por qué non se dá un prazo para que os e as demais aspirantes poidan presentar as oportunas reclamacións á súa baremación.

Nos procedementos de selección de persoal futuros, esiximos que o Concello da Baña actúe con total transparencia e imparcialidade e que cumpra estritamente as bases das convocatorias e a lexislación vixente para que se escolla o persoal sempre atendendo aos principios de mérito e capacidade.