COMPROMISO DENUNCIA COMENTARIOS QUE INCITAN A VIOLENCIA NAS REDES SOCIAIS DOS SOCIALISTAS DA BAÑA

O secretario local e actual concelleiro de CxG A Baña, César Ramos, vén de personarse nas dependencias da Garda Civil para informar deste caso grave e preocupante.

No Facebook oficial da agrupación local do PSOE da Baña “Socialistas de A Baña” pódense ler nos últimos meses, e en  diferentes publicacións, mensaxes tales como: “os veciños non teñen un par de cojones para ir os plenos e decirlle as caciques…”, “con presentarse un día no pleno xa se arregla” ou “eso se arregla en un pleno (…) con un par de ostias”. Estes comentarios son claramente mensaxes que incitan ao odio e á violencia e non deberían ter cabida nunha páxina de Facebook oficial dunha agrupación política.

face1Comentario da páxina de Facebook “Socialistas A Baña” publicado hai máis de 5 semanas

O PSOE NON ELIMINA MENSAXES QUE CLARAMENTE INCITAN Á VIOLENCIA

face2Comentario da páxina de Facebook “Socialistas A Baña” incitando á violencia

Se xa é grave que unha persoa publique comentarios deste tipo máis o é que o partido político responsable da páxina non os elimine ou os denuncie. Este tipo de comentarios, que segundo o artigo 510 do código civil constitúen un delito, deberían ser eliminados automaticamente pola persoa encargada de devandita páxina da popular rede social. Ata o día de hoxe podemos observar que algún deses mensaxes leva semanas sen ser eliminado, cando outro tipo de mensaxes críticos co seu traballo son eliminados sen demora.

O artigo 510 di textualmente que deben ser condutas condenables, quen publicamente fomente, promova ou incite directa ou indirectamente ao odio, hostilidade, discriminación ou violencia contra un grupo, unha parte do mesmo ou contra una persoa determinada por razón da súa pertenza a aquel. As penas por este delito, agravaránse cando os feitos se realizaran a través dun medio de comunicación social, por medio de internet ou mediante o uso das tecnoloxías da información.

“O PSOE quere crispar á veciñanza e que os plenos se convertan nunha Bombonera”.

Nunha entrevista concedida a Radio Negreira o 19 de setembro, César Ramos e David Gontán, concelleiros de CxG na Baña, xa criticaran a actitude do actual alcalde da Baña incidindo en que estaba tentando “crispar á veciñanza e que os plenos da Baña se converteran nunha auténtica Bombonera para meternos presión”, ou tamén que “o PSOE con esta forma de actuar está conseguendo dividir á veciñanza”.

Momento da entrevista de David Gontán e César Ramos onde explican a problemática dos plenos municipais.

Os plenos da Baña están sendo moito máis tensos do normal, con continuas interrupcións, chamadas de atención e berros ou increpacións ao finalizar o mesmo. Dende CxG xa publicaramos un vídeo dun pleno no que unha persoa asistente insultara gravemente a un membro da Corporación e no que se pode apreciar como César Ramos reprocha a actitude permisiva e pasiva do rexedor.

Insultos no pleno municipal da Baña

CxG TAMÉN SUFRIU BERROS E INCREPACIÓNS Á SAÍDA DOS PLENOS

Aínda que os insultos e intimidacións normalmente van dirixidos a outros concelleiros da Corporación, César Ramos e David Gontán, tamén padeceron algún que outro berro ao saír do pleno e comentarios en ton ameazante. Aínda que non xustifica este tipo de actuacións, César Ramos, afirma que non chegou a intimidarse, que non perdeu a compostura e que non lle dou maior importancia da que teñen os feitos, achacándoo á falta de educación e respecto. Á saída do pleno de agosto, e ante a mirada de varios asistentes, un veciño simpatizante do PSOE, berroulle:

– “Estás cavando a túa propia tumba”.

O OUTRO PARTIDO DA OPOSICIÓN XA RECRIMINARA A ACTITUDE DO ACTUAL REXEDOR A TRAVÉS DUN “ROGO ENCARECIDO”

O portavoz do Partido Popular xa realizara no pleno ordinario de agosto o seguinte rogo encarecido:

Despois de escoitar no último Pleno varios insultos desde o público, que non se tome ningunha medida; que sexa a última vez que o alcalde se manteña impasible e que non chame a atención a quen corresponda. Non se poden permitir este tipo de actitudes cara a ningún grupo ou concelleiro, sexa do grupo que sexa. Pedimos ante todo ética e respecto.

Aínda que o señor alcalde responde textualmente: “ Vostede sabe que onde estabamos só se escoitaron murmurios, en ningún momento, pola miña banda, se vai tolerar este tipo de actitudes”, feitos como a non eliminación de comentarios que incitan á violencia e non condenar publicamente este tipo de actitudes son indicativos da continua pasividade do alcalde respecto a estas condutas lamentables.

NA ANTERIOR LEXISLATURA XA FORA EXPULSADO DO PLENO UN EXCONCELLEIRO SOCIALISTA POR INCREPAR E INSULTAR AO ANTERIOR REXEDOR ANTE A PASIVIDADE DO PORTAVOZ SOCIALISTA

Momento exacto do pleno onde o exconcelleiro interrompe o pleno e é expulsado da sala.

Con todo, con este feito a Agrupación Local de CxG A Baña non quere formalizar unha denuncia, senón que a Garda Civil estea en preaviso por se sucede algún altercado e que a agrupación socialista, reflexione, mude a súa actitude e condene publicamente este tipo de condutas.

Dende CxG pensamos que calquera concelleiro ou concelleira debe desenvolver o seu labor municipal con total liberdade e sen coaccións de ningún tipo. Os grupos políticos deben tratar de unir e favorecer a cordialidade, o respecto, o pacifismo e condenar publicamente calquera actitude que incite ao odio, á crispación, ao enfrontamento persoal e á hostilidade.