Crónica do pleno ordinario de marzo do 2017

Esta sesión plenaria que correspondía celebrarse o mércores 29 de marzo, celebrouse hoxe a petición da alcaldía. A sesión dá comezo ás 14:00 horas coa asistencia de toda a corporación agás o concelleiro do PP, Manuel Tourís Fernández, coa seguinte orde do día:

1. Aprobación das actas.

As actas son aprobadas con algunha corrección puntual do concelleiro César Ramos.

2. Dar conta das Resolucións do Alcalde.

O alcalde dá conta das resolucións.

3. Plan Concertado. Ratificación.

O alcalde explica que é necesario ratificar este acordo de servizos sociais. O concelleiro de CxG, César Ramos, manifesta o seguinte:
Que tipo e informe é ese que non especifica nada? Simplemente cita: persoal, axuda no fogar para persoas valoradas como dependentes e xestión de programas cunhas cantidades.
Iso non é un informe, para que os membros da corporación puideramos valorar este punto sería necesario aportar un informe detallado. Polo menos coñecer con qué personal se vai contar, que programas se van desenvolver, o orzamento total desglosado, etc.
Como non nos parece un informe serio, nin temos datos, nin ningún tipo de información ao respecto, o noso grupo político non lle queda outra que ter que ABSTERNOS NA VOTACIÓN”.

4. Información do Alcalde sobre asuntos diversos.

O alcalde informa sobre varios asuntos diversos:
– Sobre a sentenza do Xulgado do Social nº 3 de Santiago de Compostela que obriga a pagar as cantidades debidas aos traballadores do Concello da Baña cun 10 % de xuros, explica que non se vai recorrer e que era algo necesario e que a comunicación co sindicato CSI-CSIF sempre foi cordial. Culpando a CxG de querer sacar as cousas de contexto ao felicitar publicamente aos traballadores e traballadoras.
César contéstalle que sí que os felicitou por gañar a sentenza e cinguiuse a unha comunicación do sindicato que dicía: “Después de años de falta de respeto y atención y desprecio absoluto por parte del Concello” polo que interpreta que as relacións non foron tan cordiais como di o alcalde. Pide, ademais, que cando se teñan datos se lle facilite as respostas as seguintes preguntas:

  • Cantos traballadores e traballadoras do Concello se ven afectados?
  • Segundo o contido da sentenza qué cantidade se lle ten que aboar aos traballadores e traballadoras do Concello da Baña?
  • Cal é a valoración que fai o grupo de goberno referente á devandita sentenza?

O alcalde tamén explica que unha parella que casou no Concello da Baña quere agradecer o trato recibido polo Concello.

Finalmente explica que o Concello da Baña colaborará co IES Xulián Magariños de Negreira na creación dun libro sobre a nosa comarca.

5. Mocións

Moción sobre a creación dunha oficina para asesorar e tramitar a documentación para pagar o IBI en dous prazos.

O PSOE defende en primeiro lugar a súa moción sobre CREAR UNHA OFICINA NAS OFICINAS DO CONCELLO PARA ASESORAR E TRAMITAR A DOCUMENTACIÓN PARA PAGAR O IBI EN DOUS PRAZOS, o alcalde di que esa información xa se lle ofrece á veciñanza sen necesidade de crear ningunha oficina a maiores.
César Ramos explica que aínda que pensamos que informar e axudar á veciñanza sempre é algo positivo pensamos que esta moción vén cun ano de retraso. O ano pasado foi cando se levou á práctica unha regularización catastral que fixo que a veciñanza tivera que pagar ata 4 veces a cantidade que pagaba anos atrás e sen posibilidade algunha de pagar de forma fraccionaria (a non ser que se certificara por escrito que súa situación economico-financieira non permitía o pago, coa conseguinte aplicación de xuros) nese momento era cando había que reclamar mais apoio e información para a veciñanza.
Agora que xa pasou este procedemento e as cantidades a pagar son moito menores non nos parece tan imprescindible esta información, pero si votaremos a favor de que a través do Concello se informe á veciñanza sobre a forma de pago do IBI e se é posible tamén crear un punto de información sobre isto.
O portavoz do PSOE acusa a César de facer demagoxia con este tema porque o seu grupo xa demandou maior información no seu momento. César volve dicir que PP e PSOE dixeron nun pleno pasado que a xente estaba ben informada sobre este tema e aportou a acta do pleno de marzo do ano pasado onde di textualmente:
A Sra Suárez (concelleira do PSOE) manifesta que todos os que acudiron aos servizos de información, incluída ela mesma, se lle explicou todo con detalle” polo que conclúe que nese momento PP e PSOE estaban de acordo coa información sobre a regularización catastral.

A moción é aprobada por unanimidade.

Moción sobre a creación dun Regulamento orgánico e de funcionamento do Concello da Baña.

Sobre a moción de Compromiso o alcalde di que non é necesario porque a normativa debe ser flexible e critica a COMPROMISO POR GALICIA citando ás alcaldías de Muros e Lalín dicindo textualmente (ambas gobernadas por CxG): “queredes inventar a pólvora e calquera día vanvos bautizar aquí en Galicia e en parte de España, xa o verás… dade exemplo en algo”

A moción rexéitase con votos en contra do PP, o PSOE vota a favor.

6. Resposta ás preguntas formuladas no anterior pleno.

De novo estas preguntas foron entregadas ao comezo da sesión, polo tanto non puidemos lelas antes e poder así comentar as respostas da alcaldía.
Solicitamos que estas preguntas sexan entregadas con antelación. A continuación facemos un resumo das devanditas respostas:

  1. A Baña non participa no programa “Xantar na casa” porque ou usuarios prefiren o “Comedor sobre rodas” porque o xantar seica chega quente e no outro programa habería que quentalo.
  2. O Concello solicitou un informe á Consellería de Medio Ambiente sobre o TTIP, proximamente facilitarásenos.
  3. Con respecto á homenaxe dos represaliados/as da época franquista o alcaldi di que o Concello está con outros asuntos prioritarios pero explica que se fará ao longo da lexislatura.
  4. Con respecto ás baldosas da praza do Concello tratarán arranxalas canto antes.
  5. Sobre a fonte da praza do Concello admiten falta de limpeza pero o alcalde comunica que agora está correctamente (a día de hoxe volve estar toda sucia de limos).
  6. Van pedir persoal a través do PEL para tratar de arranxar espellos e letreiros en mal estado (levamos meses pedindo que os espellos estragados sexan arranxados canto antes).
  7. Con respecto á sinalización en mal estado das rutas de sendeirismo o alcalde especifica que xa están pedidas unhas novas sinalizacións con material reciclable.
  8. O alcalde explica que este ano teremos campamentos de verán xa que ampliaron as prazas.
  9. O grupo de goberno está a considerar que volva o servizo de NOITEBÚS.
  10. Sobre a limpeza do pavillón o alcalde di que están prestando especial atención a este tema.
  11. O Concello da Baña tamén está interesado no programa de VIVENDAS BALEIRAS, pero ese tema lévao a FEGAMP.
  12. A calefacción da biblioteca agora xa ten un correcto funcionamento.
  13. O punto limpo da Baña está xestionado por unha empresa.
  14. Os certificados de penais dos traballadores e traballadoras están en regra.
  15. As potas do chocolate de Reis despois de varias semanas xa foron recollidas.
  16. Os escritos que solicitamos ao longo da lexislatura e non foron contestados o alcalde di que xa se solucionou (a día de hoxe hai moita documentación que aínda non se nos foi facilitada).
  17. Con respecto á estufa de pellets do Barro explica que foi unha confusión xa que non tiñan que instalala nese local social, por iso a trasladaron a outro. Proximamente solicitaranse máis.
  18. Os contratos de Telefónica foron revisados (neste mesmo pleno volvemos indicar que se está pagando cartos de máis por este servizo).
  19. A empresa SOIL RECOVERY é a empresa que leva a recollida de colectores amarelos e punto limpo.
  20. O gasóleo que se merca é para servizos do Concello.
  21. TAPREGA PREVENCION DE RIESGOS S.L leva o servizo de prevención aos traballadores/as e control do servizo de vixianza e saúde (1591 euros/mes).
  22. Ata que Montoro non o permita non se pode contratar un novo aparellador municipal.
  23. A factura de “ACREEDORES VARIOS foi por mercar un ramo polo deceso dun pai dun funcionario.
  24. En TALLERES MOLBA tamén se fixo unha reparación por valor de 2704,90 euros.
  25. SANDRA TUÑAS realiza servizos de xestoría: altas, baixas, etc (facturas de 825 euros e 1021 euros).
  26. 12 euros gastáronse para mercar un pano para un clarinete da escola de música.
  27. Segundo a alcaldía podemos ver calquera proxecto pero non facer copias (a día de hoxe non se nos permitiu ver algúns dos que solicitamos).

7. Rogos e preguntas

1- Gustaríanos solicitar que se valorara celebrar a Festa da Filloa do ano que vén na praza do Concello da Baña. É algo que demanda parte da veciñanza e pode ser un impulso para esta importante festa, non só para traer maior afluencia de público senón para revitalizar a vida da capital do Concello.

2- Pedimos novamente maior limpeza na fonte da praza do Concello e o baleirado das papeleiras de S. Vicente. O día do festival de Entroido estaban a tope e a xente tivo que tirar os residuos no chan. Ese mesmo día a fonte estaba novamente manchada de verde dando de novo moi mala imaxe á nosa vila.
3- Con respecto ao festival de entroido queremos que se valore darlle unha volta a este festival, xa que está claro que perdeu moita afluencia de participantes, proba disto é que quedaron premios desertos e cada ano descende o número de participantes. Non sabemos se é necesario cambialo de datas ou darlle outro enfoque. Con respecto a este festival pedimos que a contía dos premios que quedaron desertos se sumen aos premios do ano que vén. Así mesmo e relacionado con este festival pedimos máis seriedade ás persoas que formen parte do xurado, xa que é lamentable, inconcibible e patético que minutos despois do veredicto do xurado a xente que estaba no pavillón xa sabía o resultado porque alguén se lle ocorreu mandar aos participantes o resultado da deliberación do xurado e houbo xente que marchou antes da entrega de premios por coñecer xa os gañadores/as. Pensamos que hai que actuar con maior seriedade e responsabilidade nunha celebración que está para o disfrute de todos e todas non para facer política.

4- Nas parcelas que están no Campo na parroquia de Barro (lugar que lle chaman Rodeiro) a veciñanza quéixase que ten problemas coa canalización da auga. Pedimos que se solucione este problema.

5- O cartel que está en Xanín na parroquia de Monte que aparece o mapa do Concello da Baña (despois da rotonda) está caído e ilexible. Pedimos que o arranxen.

6- Anteriormente pedimos, unha vez que se aprobou a “Ordenanza fiscal reguladora da taxa por servizos correspondentes a actividade administrativa e de goberno do Concello da Baña” que establecía unha tarifa de 200 euros por acto de celebración de matrimonio civil, que se estipulara a cantidade que lle correspondía ao concelleiro ou concelleira oficiante. Pedimos novamente que se estableza claramente este punto para evitar futuros conflitos e se actúe con transparencia.

7- En plenos anteriores solicitamos que se arranxaran os espellos das estradas que estaban en mal estado, así como o arranxo ou substitución de letreiros. A día de hoxe continúan igual, queremos saber cando o grupo de goberno vai cumprir o prometido.

8- No mes de xullo do pasado ano aprobouse unha moción proposta por Compromiso por Galicia, na que o Concello comprometíase a instalar colectores de aceite usado nas diferentes parroquias do Concello ademais de realizar unha campaña de concienciación, posteriormente comentouse que se estaban levando unhas xestións coa fundación “Amigos de Galicia”, como están esas xestións? Vaise facer algún día?

9- Solicitamos que nas diferentes fontes das parroquias do Concello da Baña se coloquen uns carteis para indicar qué fontes teñen auga apta para o consumo e cales non. Hai moita confusión veciñal respecto a isto, ademais de ser un aspecto perigoso para a saúde da xente.

10- Volvemos preguntar pola data en que se vai a facer fillo predilecto a Avelino Pousa Antelo, en setembro de 2016 a alcaldía anunciou que se ían comezar os trámites, hai dous meses o alcalde en resposta á nosa pregunta comentou que era un tema “que levaba o seu tempo e non había que precipitarse”. Moitos colectivos de importancia cultural de todo o país están pendentes deste nomeamento. Queremos coñecer qué trámites se realizaron ao respecto e pedimos outra vez que se comecen os trámites xa e non demorar o tema continuamente.

11- De igual forma queremos saber como están os trámites para homenaxear a figura de Antonio Martínez Méndez? A alcaldía confirmou no mes de xaneiro que se lle ía realizar unha merecida homenaxe.

12- O 7 de marzo solicitamos copia de dous proxectos e licenzas de obra. Por qué non se nos respondeu a ese escrito? Solicitamos máis facilidade para o acceso de concelleiros e concelleiras á información municipal. Ou hai algún problema en que a oposición vexa ese tipo de documentos?

13- Con respecto ao acceso á información nos pasados plenos pedimos varios documentos para revisar. Hai moitos deles que aínda non se nos facilitaron. Pero o que si nos deixaron ver foron unhas facturas de MOVISTAR. Pedimos outra vez que se revisen os contratos de telefonía do Concello xa que pensamos que se pode aforrar unha cantidade de cartos importante. Por poñer un exemplo o Concello da Baña na extensión móbil 2320 do número 6******** estamos pagando con carto público 1,23 euros semanais (entre outubro e novembro) por renovación de Yavoy (a musica que soa sempre que se chama a ese número). É necesario revisar todos os contratos e tarifas, xa que o Concello da Baña non pode gastar carto público nestas parvadas.

14- Solicitamos formalmente, aínda que xa o comentamos nun pleno extraordinario, que nos vindeiros plans, programas ou subvencións que se tente facer un salón de actos no Concello da Baña. Temos unha gran tradición artística na Baña, con grupos de música tradicional, escola de música, etc e é necesario que o Concello da Baña conte cun salón de actos grande para realizar eventos culturais importantes e que non pase como outras veces que teñamos que trasladarnos a concellos veciños para facelos.

15- O parque biosaudable da rectoral de Monte que no mes de setembro do ano pasado solicitamos que se trasladara de lugar e o grupo de goberno respondeunos que sí se ía trasladar para que a veciñanza puidera facer uso del…foi trasladao a algún outro lugar? Pensase facer algo con ese material?

16- Pedimos que o Casa de Cultura se dote dun equipo de son e proxector fixo para axilizar a organización de eventos e mellorar a calidade das proxeccións.

17- O 28 de abril de 2014 cando aínda non tiñamos representación municipal presentamos unha moción solicitando ao grupo de goberno que realizara as pertinentes reclamacións a GAS NATURAL FENOSA pola facturación ilegal, igual que fixeron outros concellos galegos (lembramos que esta empresa recoñecera a facturación ilegal noutros concellos galegos como o de Vilar de Santos). A alcaldía contestounos que ese tema estaba en mans da FEGAMP. Relacionado con isto o pasado 6 de febreiro deste ano entregamos unha instancia no Concello (que non se nos contestou como é costume neste grupo de goberno) solicitando, entre outros aspectos, que dende o Concello se faga unha reclamación colectiva á empresa ou empresas subministradoras de electricidade ás vivendas e negocios da Baña, e que reclame á empresa GAS NATURAL FENOSA polos cortes no alumeado público. Queremos coñecer se o Concello da Baña fixo algún tipo de reclamación ou queixa ao respecto.

18- O Concello da Baña contratou persoal para levar os temas de prensa e redes sociais. Queremos saber como se fixo a selección de persoal, qué tipo de contrato teñen os elixidos e o traballo que desempeñan.

19- Na estrada que vai de S. Vicente ao Barro antes da ponte hai unha pedra grande na cuneta, solicitamos que sexa retirada canto antes e así evitar posibles accidentes.