Crónica do pleno ordinario do 2 de febreiro do 2017

Lembramos que o pleno que se tiña que celebrar o 25 de xaneiro celebrouse finalmente o día 2 de febreiro debido a dous cambios de horario, un proposto pola alcaldía (PP) e outro polo PSOE, cambios que CxG accedeu sen poñer ningún tipo de problema. Pensamos que é importante a asistencia de toda a Corporación ás sesións plenarias, por iso cambiamos a data sen ningún tipo de obxección.

A sesión dá comezo con todos os concelleiros e concelleiras da Corporación presentes ás 14:00 horas coa seguinte orde do día.

1. Aprobación, se procede, das Actas das sesións anteriores.

As actas dos dous plenos ordinarios anteriores son aprobadas por maioría.

2. Dar conta das Resolucións do Alcalde.

O alcalde indica que as Resolucións xa estiveran postas a disposición da Corporación.

3. Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras.

A ordenanza é aprobada co voto favorable do PP (6) e as abstencións de CxG (1) e PSOE (4).

Segundo esta ordenanza a cota do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame que se fixa no 2 %.

4. Ordenanza fiscal reguladora da taxa por actividade administrativa e de goberno do Concello da Baña.

César Ramos toma a palabra e indica que está de acordo en que se regulen esas taxas por medio de ordenanzas pero cre que a taxa por acto de celebración de vodas civís é esaxerada.

A citada ordenanza indica unha taxa de 200 euros por matrimonio civil para parellas que ningún dos contraíntes estean empadroadas no Concello.

Ramos manifesta que esa taxa vai en prexuízo dos locais de hostalería do noso Concello que celebran este tipo de eventos, dá exemplos doutros Concellos limítrofes que teñen unha taxa menor: Negreira 90 euros e Santa Comba gratuíta, así mesmo indica que non coñece ningún outro Concello que cobren tanto por celebrar unha cerimonia.

César ensina a seguinte nova da prensa onde aparecen distintas taxas por matrimonio civil de diferentes concellos de Galicia e ningún cunha taxa tan elevada:

http://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2011/10/07/cuesta-quiero/539331.html

O alcalde especifica que esa cantidade será para o concelleiro que oficie a cerimonia. Ramos pídelle que iso é necesario regulalo.

O PSOE non di nada sobre esta ordenanza.

A ordenanza apróbase co voto favorable do PP, as abstencións do PSOE e o voto en contra de CxG.

5. Ordenanza reguladora dos instrumentos de intervención municipal e de regulación integrada do exercicio de actividades e apertura de establecementos.

Despois de que o secretario explique a ordenanza o concelleiro de Compromiso por Galicia toma a palabra e explica que segundo esta ordenanza reflicte textualmente “enténdense incluídas ademais, as actividades desenvolvidas, entre outras, por entidades sen ánimo de lucro e entidades públicas, así como a posta en funcionamento de equipamentos públicos”, entende que calquera actividade organizada polas asociacións debe ser comunicada ao Concello e pide que se se aproba que non sexa un trámite complicado para elas, xa que pode ser un impedimento para que as asociacións organicen actividades culturais ou deportivas.

O alcalde asegura que será un trámite rápido e que contará coa asesoría do Concello.

A ordenanza é aprobada co voto favorable do PP (6) e as abstencións de CxG (1) e PSOE (4).

6. Convenio FEGAMP e empresas suministradoras de enerxía para situacións de vulnerabilidade ou urxencia social.

O alcalde explica que é simplemente unha adhesión a este convenio para que ás familias do Concello con emerxencia social non lle corten o suministro eléctrico nin de gas.

A ordenanza apróbase co voto favorable de toda a corporación.

7. Mocións

MOCIÓN SOBRE O GAS RADÓN.

César Ramos fai un resumo da mesma e le textualmente os acordos propostos á Corporación.

Así mesmo indica que o Concello ten o maior porcentaxe de vivendas medidas con máis de 300 bequerilos por metro cúbico e aínda que non é para alertar sí é necesario que o goberno local adopte unha serie de medidas para minimizar posibles riscos de enfermidade.

O alcalde explica que se vai falar coa USC a través dun consorcio e que tentarán adoptar as medidas oportunas para que a veciñanza saiba como minimizar estas concentracións de gas radon.

A moción é aprobada co voto favorable de toda a Corporación.

MOCIÓN SOBRE A INSTALACIÓN DE DESFIBRILADORES NOS ESPAZOS MUNICIPAIS

César Ramos fai un resumo da mesma e le textualmente os acordos propostos á Corporación.

Indica así mesmo que esta moción se se aproba pode salvar vidas así que pide que se vote a favor.

O concelleiro de deportes Manuel Tourís explica que dous desfibriladores están pedidos e que lle parece unha “estupidez” a moción porque xa é algo obrigatorio por lei e indica que moita xente non quere utilizar os desfibriladores porque non ten a formación suficiente e é peligroso.

O concelleiro César Ramos dálle ata catro veces argumentos para explicar que non é unha “estupidez” e non entende que o concelleiro de deportes do Concello pense así.

– Aínda que o contemple a lei a día de hoxe no Concello da Baña non existe ningún.

– A lei só contempla a obrigatoriedade de ter desfibriladores nas instalacións deportivas  con esta moción pedimos que se instalen en zonas como o Centro dos Maiores.

– O desfibrilador (DESA) se non existe parada cardiorrespiratoria non funciona polo que se minimizan os riscos.

– Sempre é mellor ter formación e material de emerxencia que non ter nada.

A concelleira de Cultura explica que ela xa falou co colexio e tamén teñen pedido xa un desfibrilador.

O alcalde explica que van comezar mercando dous equipos e realizando a formación necesaria para posteriormente ir avanzando.

O PSOE non fai ningún tipo de comentario sobre as mocións.

A moción é aprobada co voto favorable de toda a corporación.

8. Resposta ás preguntas formuladas no anterior pleno.

O alcalde explica que a partir de agora as preguntas do pleno xa se entregan contestadas por escrito e polo tanto pasamos á rolda de preguntas.

César explícalle que as respostas ás preguntas do anterior pleno se lle entregaron ao comezo da sesión plenaria e ao estar defendendo as mocións e ter só un concelleiro o seu grupo político precisa máis tempo para lelas. Aínda así pide aclaracións dalgunha das preguntas (vai en negriña). As respostas son as seguintes:

1) Sobre as beirarrúas de S. Vicente que se puxeron en agosto de 2014 e presentan herbas que dan mala estética vaise proceder a unha limpeza exhaustiva e tratamento adecuado. Está no PEL da Deputación tal como se establece na memoria para contratar personal.

2) Felicitación sobre a proba de trail realizada no noso concello. O alcalde tamén quere felicitar á Concellaría de Deportes polo traballo realizado.

3) Sobre os letreiros antigos e en mal estado. A brigada de obras ten orde de retirar sinais vellos e de repoñer os novos, así como colocar sinais de tráfico.

4) Con respecto ao pago “ilegal” do prezo das excursións que organiza o Concello di que farán unha ordenanza para regular iso.

A concelleira de cultura di que é algo que sempre se fixo así. César dille que iso é traballar con carto negro e está penado pola lei, unha concelleira non pode defender algo ilegal. César está moi de acordo ca organización destas excursións pero que se regularicen através dunha ordenanza xa que hai varios concelleiros imputados por cobrar desa forma.

O concelleiro Tourís di que César ten toda a razón, non se pode cobrar nada en negro.

5) As queixas sobre a recollida de lixo son trasladadas ao persoal de recollida de lixo para que estean atentos a aqueles sitios onde haxa que dobrar a recollida así como repoñer as tapas dos colectores ou cambialos.

6) Este tema foi suxerido hai tempo pola directiva da S. D. A Baña pero as circunstancias persoais e de saúde da persoa que levaba ese tema fixeron pospoñelo.

César pregunta se se lle vai poñer o nome ao campo de fútbol e o alcalde dí que sí.

Tourís comenta que xa se lle fixo unha homenaxe en vida e César puntualiza que se lle fixo en vida organizado pola directiva do equipo de fútbol no ano 2000, non foi o Concello o que fixo esa homenaxe. De feito el mesmo foi quen gravou no seu momento o video que está colgado na canle de youtube da nosa agrupación e colaborou coa directiva nesa homenaxe.

Non foi o Concello o que organizou esa homenaxe: https://www.youtube.com/watch?v=5hJ2nqwTp40

7) As bandeiras do Concello xa foron substituídas.

8) Con respecto ao tema de Pousa Antelo o alcalde di que eses temas levan o seu tempo e non hai que precipitarse.

César volve preguntarlle e el di que o procedemento se iniciou onte e o de cambiar o nome ao CPI de S. Vicente xa se votou onte no Consello Escolar e tamén segue os pasos pertinentes (aprobouse o cambio de nome ao colexio co voto favorable de todo o Consello Escolar excepto dúas abstencións). O colexio debe enviar a acta desa votación e escoller un nome para o colexio (Avelino Pousa Antelo da Baña ou Avelino Pousa da Baña). O pleno escollerá o nome.

9) Á páxina web do Concello déuselle un cambio de imaxe séguese traballando para que sexa unha ferramenta actualizada.

10) Sobre a parcela de masa común son os veciños os que teñen que dar o paso adiante porque eles xa cobraron unha subvención hai anos (aínda estaba en pesetas).

César recrimínalle ao alcalde que a parroquia do Barro é a única do Concello da Baña que aínda non se fixo ningunha actuación no que vai de lexislatura e ademais que é a única parroquia que non ten un centro de lecer ou pista deportiva.

11) Están traballando no plan complementario do POS de 2015 que é o arranxo da estrada que vai de S. Vicente ao Barro.

12) Con respecto aos malos olores de S. Mamede na rectoral, o alcalde puido comprobar que hai unha fosa séptica preparada para conectar coa EDAR de Negreira-A Baña.

13) A reparación da fonte dos Lagos do Barro será incluída nalgún plan.

14) O camiño da Roza en Suevos deixarano perfectamente incluindo nalgún plan.

15) Con respecto á exposición “Luces de Alén Mar” o alcalde di que non teñen ningún inconvinte en que a Casa de Cultura acolla esa exposición.

O concelleiro Ramos indica que si non teñen pensado solicitala eles que o fai el personalmente e o alcalde dille que o faga. César confirma que o vai facer el.

16) Con respecto á casa en ruínas do Barro o alcalde dixo que xa falara cunha herdeira e limpou a súa parte. A outra parte procederá a limpala un veciño de Paramos (Val do Dubra) que lles leva ese tema.

17) Con respecto ao servizo de transporte “baixo demanda” o alcalde di que tiveron unha reunión o pasado 13 de xaneiro e que puxo de manifesto esa petición de mellora da liña de transporte así como a instalación de marquesiñas.

18) A revista xa está entregadas nos domicilios.

19) A biblioteca tentarán de cubrir o posto nas ausencias da responsable.

20) Xa hai un grupo de guitarra na Escola de Música e se hai cinco nenos ou nenas de 3 ou 4 anos que queiran participar tamén se fará un grupo de música para eses alumnos e alumnas.

21) As obras de instalación da estufa de pellets de Chans vanse revisar.

22) O concelleiro de deportes está pensando en darlle un xiro ao pavillón de Lañas e aproveitar as instalacións.

9. Rogos e preguntas.

Antes de nada pedir por enésima vez que cambien a hora de celebración dos plenos. As 14.00 horas non son horas para celebrar unha reunión e a proba é que non hai público e os concelleiros Manuel Tourís (PP) e Margarita Suárez (PSOE) tiveron que ausentarse no medio da sesión (ambos abandonaron o pleno cando o concelleiro de CxG comezaba a súa quenda de rogos e preguntas).

1.- Queremos saber por qué o Concello da Baña non está adherido ao servizo de comida a domicilio  “Xantar na Casa” xestionado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en colaboración coa Xunta de Galicia ao que están adheridos 164 Concellos.

2.- No pleno do mes de maio fixemos a seguinte pregunta:

Durante a celebración da 13ª Rolda de Negociacións sobre o TTIP, Amigos da Terra e a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), da que forma parte o Sindicato Labrego Galego, lanzan un informe sobre o Tratado de Comercio e Investimentos entre EEUU e a Unión Europea, e as súas reprecusións na agricultura, indicando que pode ser unha ruína para o sector agrario galego e europeo. Queremos saber cal é o posicionamento do grupo de goberno e se tedes a ben facer unha declaración institucional rexeitando este tratado que segundo este informe é tan prexudicial para a nosa economía agrogandeira. Cónstanos ademais que o BNG da Baña tamén entregou unha moción respecto a isto.

Á que se nos  respondeu no pleno do mes de xullo: O alcalde solicitou un informe a Consellería de Medio Rural para coñecer mellor o seu contido, xa que descoñecía a problemática deste acordo.

Solicitamos copia dese informe e coñecer cal é o posicionamento do grupo de goberno sobre este tema.

3.- No pleno do 27 de xaneiro solicitamos que se  convocara unha xuntanza con todos os concelleiros e concelleiras para tratar o tema da homenaxe aos represaliados da guerra civil e durante a ditadura, no pasado pleno, tal como recolle a acta nº 3 contestóusenos “será esta corporación a que decidirá como, cando e onde realizar a dita homenaxe”, no pleno do mes de maio volvemos solicitar:  Xa que será esta corporación a que decida pedimos, novamente, que se nos convoque a unha xuntanza para decidir o “como, cando e onde” e que non se demore demasiado esta decisión e finalmente quede en “saco roto”. Volvemos incidir no mesmo: cando se vai convocar unha xuntanza para esta homenaxe e cando ides tratar o tema de eliminación da simboloxía fascista do Concello da Baña e cumprir dunha vez a lei de memoria histórica do ano 2006.

4.- As baldosas da praza do Concello volven estar rotas, pensamos que é debido á circulación de camións e a que hai coches que determinadas veces aparcan na mesma. Pensades realizar algún tipo de actuación para que isto non volva suceder ou seguiremos cambiando as baldosas continuamente e “parcheando” por non facer fronte ao problema?

5.- Consecuentemente coa pregunta anterior, a fonte da praza volve estar a cotío toda porca e verde debido á falta de limpeza, dando un mal aspecto á imaxe xeral do Concello (como pasou o día da carreira escolar o 12 de xaneiro e que estaba cuberta de verde). Pedimos, novamente, que se limpe semanalmente e se por calquera motivo non se pode limpar frecuentemente que se valore cambiala por outra. A fonte fronte ao Concello non pode dar esa imaxe de deixadez e suciedade.

6.- Informamos que os carteis aos lugares de Buchaín, Vilela, Cabanas e Faxín están en mal estado, pedimos que se coloquen ou substitúan debidamente,así mesmo volvemos a reincidir en que é necesario limpar ou substituír os espellos dos cruces do Concello. Xa o solicitamos anteriormente e o alcalde comunicou que se ían revisar todos, a día de hoxe moitos seguen igual co conseguinte perigo de que haxa algún accidente.

7.- No pleno ordinario do 28 de setembro en resposta á nosa pregunta sobre ao mal estado das rutas de sendeirismo pese á subvención de 14.000 euros para a recuperación destas rutas o alcalde coméntanos que se van poñer uns carteis informativos novos. A día de hoxe os carteis da ruta en Troitosende seguen igual que naquel momento. Queremos saber se se vai cumprir o prometido por parte do alcalde e cando.

8.- No pleno de 23 de xullo de 2016 solicitamos referente aos Campamentos Val de Barcala que se emitira unha queixa á Xunta de Galicia por non cedernos prazas o ano pasado, así mesmo solicitamos que se barallen outras opcións no caso de que este anos se nos denegue de novo a participación nestes campamentos. Pedimos novamente que se busquen alternativas para que os nenos e nenas non queden sen esta importante actividade.

9.- O 21 de decembro de 2016 o BNG da Baña presentou unha moción no Concello da Baña sobre a RECUPERACIÓN DO SERVIZO DE NOITEBÚS, como nesta corporación non se tratan mocións entregadas por partidos que non teñan representación solicitamos que se teña en conta o contido desta moción xa que con ese servizo melloraría o servizo de transporte do noso Concello e cao súa utilización podería reducirse considerablemente a posibilidade de accidentes. Así mesmo solicitamos de novo que se teñan en conta as mocións presentadas por grupos e colectivos que non pertenzan á corporación.

10.- Volvemos a reincidir en que se lle dea máis importancia á limpeza do pavillón de S. Vicente, algo que xa se tratou noutro pleno e o grupo de goberno confirmou esa falta de limpeza. Unha instalación deportiva onde se realiza exercicio físico non pode estar nese estado de abandono e con esa falta de hixiene.

11.- Queremos saber se o Concello da Baña participará no programa de Vivendas Baleiras froito do convenio entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e a FEGAMP que ten como finalidade destinar vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas.

12.- A calefacción da biblioteca volveu fallar e varios días estas dependencias estiveron sen calefacción. Pedimos novamente que se busque unha solución a este problema xa recorrente. Xa comentamos isto no pleno de xaneiro de 2016. Relacionado coa biblioteca pedimos novamente que se existe a ausencia xustificada da encargada da biblioteca que se substitúa por outra persoa e non se peche a biblioteca, así mesmo solicitamos que se algún día por calquera circunstancia non se pode abrir que se avise con suficiente antelación (na web e na propia biblioteca) para evitar que os usuarios se despracen e se atopen coa porta pechada.

13.- Queremos coñecer como funciona o sistema de substitucións do persoal do Punto Limpo de Lañas e como se xestiona este servizo.

14.- Queremos saber se se lles está pedindo aos traballadores e traballadoras do Concello así como as empresas contratadas por este e que traballen con nenos e nenas no noso municipio o novo certificado obrigatorio para traballar con menores segundo a lei 26/2015 de 28 de xullo de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia.

15.- As potas que se utilizaron para cociñar o chocolate na actividades de Reis do 5 de xaneiro, tedes pensado recollelas e lavalas algún día ou xa van quedar así permanentemente? Levan case un mes na aula que está enriba do local dos maiores, onde asisiten a clases nenos e nenas dando moi mal aspecto e a causa dunha total deixadez.

16.- Ao longo desta lexislatura realizamos varias peticións á alcaldía a través da presentación de instancias no rexistro municipal, e documentos que na maioría dos casos non foron contestados por escrito pola alcaldía, a algúns non se lle deu resposta de ningún tipo: 22 xuño de 2015 (documentación contratos), 25 de maio de 2016 (revista municipal), 4 de outubro de 2016 (catastro), 15 novembro de 2016 (documentación servizos social e lavandería), 7 de outubro de 2016 (sobre o sistema de oposicións),  entre outros. Queremos saber o porqué desta situación e esiximos que non só os nosos escritos, senón calquera escrito que se lle dea entrada no Concello sexa contestado con celeridade e tamén por escrito, tal como ten que facer calquera institución pública que se considere medianamente seria.

17.- Gustaríanos que se explicara qué pasou coa instalación da estufa de Pellets no Barro. Xa que se levou para alí e despois volvérona retirar. O certo é que a día de hoxe estase utilizando ese local de forma semanal e os veciños e veciñas quéixanse de que non teñen a calefacción instalada, cando sí a teñen outros locais sociais do Concello.

CON RESPECTO AOS DECRETOS E FACTURAS:

18.- Solicitamos copia dos contratos con TELEFONICA MOVILES ESPAÑA S.A e as últimas facturas, para contrastar.

19.- Que servizo desempeña a empresa “SOIL RECOVERY” polo que se pagan 2587,23 euros/mensuais.

20.- Para que se utilizou o gasóleo A, gasóleo B e Gasolina sen plomo da Estación de Servizo Rosfavi?

21.- Queremos explicación das facturas de TAPREGA PREVENCIÓN DE RIESGOS S.L . A que se debe este gasto? (1591 euros mensuais no centro de saúde e 1123,94 euros e facturas de probas específicas).

22.- Estamos pagando 1.800 euros mensuais á empresa ESTUDIO TÉCNICO GALLEGO. Isto é algo provisional ou xa de forma definitiva?

23.- Nas facturas a aprobar aparece unha “corona deceso familiar” a nome de “ACREEDORES VARIOS” queremos saber se isto se fai habitualmente sempre que faleza calquera familiar dun traballador ou só con algúns, ou a veces… que criterio utilizades para decidir isto? Que empresa fai este servizo? Solicitamos copia desta factura.

24.- Que reparación se realizou en Talleres Molba por 2704, 94 euros?

25.- Que traballos administrativos realizou SANDRA T. L. , xa que aparecen facturas por 825 euros e  1021 euros (non aparece ningún concepto).

26.- Hai tamén unha factura dun “pano clarinete flauta BG 32 para a escola de música” a que se debe este gasto?queremos saber se todos os alumnos e alumnas teñen dereito a pedir accesorios para os instrumentos ou ten outra finalidade?

27.- Queremos copia do proxecto “Juventud do programa ERASMUS+” xa que aparecen gastos e ingresos por 29.558 euros.